
Menús para o verán co prato ALIMENTES

O verán está a piques de chegar e seguro que non só che convida a pensar nas vacacións. As horas de luz e a subida de temperaturas cambian as nosas apetencias e abandonamos os menús dos últimos meses para planificar pratos máis refrescantes. O cambio de armario vén acompañado dun cambio de despensa, no que os produtos frescos e de tempada son pura tendencia 😉. En Gadis, queremos que aproveites ao máximo as horas de lecer durante estes meses e, por iso, hoxe imos propoñerche algunhas suxestións de menús sinxelos para o verán co prato ALIMENTES. O menú saudable. Tanto se estás a traballar como xa de vacacións, seguro que che virá ben ter algunhas ideas saudables a túa diposición para saír do paso e non dedicar moito tempo á planificación das comidas, verdade? Alá imos!
Alimentos de tempada
Como facemos sempre, volvemos insistir na aposta polo consumo de produtos locais e de tempada para reducir o impacto ambiental da túa alimentación. Nesta época do ano, a túa despensa énchese de cor con produtos que te axudarán a manter a hidratación. É o momento de gozar de saborosos tomates, pementos, cenorias e berenxenas no seu máximo esplendor. Xa estás a pensar nalgunha ensalada? Como che contabamos a semana pasada, tamén é a tempada da froita de óso como o pexego ou o albaricoque, os froitos do bosque e os amorodos, sen esquecernos dos refrescantes melóns e sandías. A túa mesa será un festival de cor con propostas saborosas e refrescantes!
Menús para o verán co prato ALIMENTES

Seguro que o aumento de actividade durante o estío pode axudarche a dividir a túa inxesta diaria en cinco comidas. O teu corpo demandarache algo a media mañá despois dun baño na praia ou dun partido de tenis con amigos, por exemplo. O mar abre o apetito, non che pasa? Se non estás a traballar, o reloxo non será un inimigo para conseguilo 😉. Tal vez xa tés o hábito, pero se non é así, por que non aproveitar o verán para adquirilo?
O prato ALIMENTES. O menú saudable ofréceche un sinxelo esquema que che mostra as proporcións adecuadas dos distintos grupos de alimentos que debes incluír nas túas cinco comidas e explícache como dividilas. Seguro que xa coñeces esta información, pero lembrámoscha por aquí por se acaso:
½ prato de vexetais e froita
¼ prato de proteínas saudables (fundamentalmente, aves, peixe e legumes)
¼ prato de grans integrais (pan, pasta e arroz integrais, quinoa ou pataca)
Aquí deixamos sete propostas de menús completos, a partir dos que poderás ir introducindo variacións para ir planificando os de todo o verán. Nesta proposta, tratamos de reutilizar alimentos para evitar tamén o desperdicio alimentario.
Menú de verán 1

Almorzo: torrada integral de tomate con espinacas e aceite de oliva virxe + iogur con figos.
Media mañá: un toro de sandía + noces.
Comida: ensalada de arroz e garavanzos (que poderás deixar preparada con antelación) + polo de melón.
Merenda: smoothie de mango e coco.
Cea: ensalada de cabaciña á prancha con queixo feta e menta + pera.
Menú de verán 2
Almorzo: açaí bowl de froitos vermellos e améndoas.
Media mañá: un pexego.
Comida: vaso de gazpacho + linguado ao forno con ensalada de espinacas, tomate, cebola e cenoria + amorodos.
Merenda: xeado caseiro de iogur + froitos secos.
Cea: tortilla de cabaciña con tomate + toro de melón.
Menú de verán 3

Almorzo: porridge de avea con grosellas e arandos.
Media mañá: mango.
Comida: sopa fría de melón con xamón + peituga de pavo á prancha con espetada de verduras + iogur.
Merenda: sorbete de sandía + frutos secos.
Cea: salteado de espárragos con tomate + cereixas.
Menú de verán 4

Almorzo: torrada integral de queixo con marmelo + zume de laranxa.
Media mañá: un paraguaio + froitos secos.
Comida: ensalada de garavanzos con tomate e ventresca + xeado de cereixa.
Merenda: un toro de sandía + froitos secos.
Cea: sushi de melón, xamón e queixo brie + tortilla francesa + ameixa.
Menú de verán 5

Almorzo: iogur con avea e cereixas.
Media mañá: mini torrada integral de aguacate e nectarina.
Comida: vaso de salmorejo + ensalada de xudías con pemento, cebola morada e tomate + pexegos asados con mel.
Merenda: granizado de froitas + froitos secos.
Cea: cabaciña marinada con allo e albáfega + melón.
Menú de verán 6

Almorzo: sandwich integral de queixo e aguacate.
Media mañá: smoothie de froitos vermellos.
Comida: salmón á prancha con tomates asados con albáfega + melón.
Merenda: torrada integral de aguacate.
Cea: berenxenas con mel + pera.
Menú de verán 7
Almorzo: revolto de aguacate con pavo.
Media mañá: un toro de sandía.
Comida: poke bowl vegano de arroz + nectarina.
Merenda: xeado de frambuesa + froitos secos.
Cea: Curry cremoso de langostinos, espinaca e cebola + ameixa.
Que che parecen as nosas propostas para un verán ALIMENTES? Vas utilizalas como base para elaborar os teus menús estivais? Goza dun verán saudable e refrescante coidando tamén do planeta!