
Campamentos urbanos sostibles

A duración das vacacións de verán dos máis pequenos da casa, moitas veces, obríganos a buscar alternativas que faciliten a conciliación. Os campamentos urbanos adoitan estar entre as solucións máis recorrentes para ese período. Pero, ademais de buscar as propostas máis divertidas e que mellor se adapten ás preferencias dos teus fillos e fillas, esta é tamén unha boa oportunidade para seguir traballando conceptos e valores relacionados coa sustentabilidade, non che parece? Xa sabes que en Gadis sempre estamos ao quite con estes temas 😉.
Respectar e coidar a contorna, aproveitar e non malgastar os recursos, identificar calquera pequeno xesto que axude a que as nosas accións teñan un menor impacto na contorna… Os nenos e as nenas poden aprender a facelo de maneira transversal e divertida en moitos dos campamentos e talleres que se organizan durante estes meses. Hoxe queremos falar das múltiples posibilidades que estas actividades lúdicas ofrecen para inculcar este tipo de valores se se introducen variables sostibles nas propostas.
Primeira decisión sostible: desplazamento con cero emisións

Non hai mellor maneira de ensinar que co exemplo, así que, antes de poñer o foco nas características e o contido das actividades do campamento, deberías valorar outros aspectos que farán da túa elección a máis sostible. Como facelo? Pois, en primeiro lugar, terías que pensar na distancia e os desprazamentos. O ideal sería elixir un campamento ao que se puidese chegar a pé ou en bicicleta. Un pouco de exercicio en familia é unha boa forma de empezar o día e sempre podedes ir descubrindo roteiros alternativos ou inventar algún xogo para que non se faga longo o camiño. Así, evitaredes o aburrimento e a tentación de coller o coche.
Que é un campamento urbano sostible?

Un campamento urbano sostible non ten por que abordar directamente esta temática. Trátase de incorporar propostas e elementos que contribúan a reducir o impacto da actividade na contorna e a transmitir aos máis pequenos eses valores. É verdade que xa hai moitas opcións que dan a coñecer aos nenos e ás nenas a riqueza do ecosistema da súa contorna ou se centran en aspectos concretos da educación ambiental. Con todo, calquera campamento ou taller pode ser sostible se introduce as variables adecuadas. Só terás que prestar atención aos seguintes aspectos:
– O campamento é respectuoso co espazo e a contorna no que se vai a desenvolver. Se se celebra en espazos naturais, evita lugares sensibles e garante a limpeza da zona, así como o respecto pola flora e a fauna que a habitan.
– As actividades contemplan a optimización dos recursos (luz, auga, materiais, etc.).
– O campamento segue a regra das 7 Rs, tratando de reducir o consumo de recursos e materiais, favorecendo a reutilización e a reciclaxe, depositando os residuos de forma correcta.
– En caso de contar con servizo de comedor, ofrecen produtos de tempada e locais ou de proximidade e tratan de evitar o desperdicio alimentario.
Actividades sostibles

Quizá os teus fillos e fillas non atopen atractivo un campamento sobre, por exemplo, a diversidade dos ecosistemas ou o coidado ambiental e prefiran algo máis creativo como a arte ou o teatro ou máis activo como os deportes. A sustentabilidade pode poñerse en práctica en calquera proposta! Como? Planificando de antemán a xestión dos recursos e tratando de que as actividades non afecten negativamente o espazo no que se realizan. Ocórrensenos moitas maneiras de logralo. Aquí tes algunhas:
– Durante o deseño de actividades, pódese tratar de evitar ou reducir ao mínimo a compra de novo material. Reciclar, reutilizar e compartir son as palabras chave 😉.
– A imaxinación é poderosa e as posibilidades de adherir a etiqueta “sostible” a calquera das actividades dun campamento son infinitas, sexa do tipo que sexa. Desde a reutilización de material para a escenografía dun espectáculo ata organizar un roteiro en bicicleta se está programada algunha visita, pasando por un circuíto de deporte no que se practique o plogging. Seguro que xa se che están a ocorrer moitas ideas!
– Tamén é importante facilitar a reciclaxe dos residuos que xeren os nenos e as nenas coa preparación de espazos específicos nos que se identifique sen dificultade onde depositar cada tipo de residuo. Iso si, haberá que convidalos a que pensen se algún deses residuos non podería ter outra vida antes de refugalo.
– No verán, as actividades con auga son moi tentadoras e como resistirse cando vai tanta calor… Se se opta por elas, habería que buscar a maneira de minimizar ao máximo o consumo deste recurso
A transversalidade da proposta logrará que os nenos e as nenas adquiran hábitos sostibles de maneira divertida e sen esforzo.
A merenda

Ti tamén podes contribuír a minimizar o impacto do campamento na contorna e non só cun desprazamento de cero emisións. Procura que a merenda ou tentempé que adoitan levar de casa sexa tamén sostible:
– Opta polo produto fresco local. A froita de tempada é perfecta! A sandía, o melón, as cereixas, as nectarinas, os pexegos… Calquera será unha opción refrescante, sostible e saudable.
– Evita o empaquetado dun só uso. A bolsa da merenda de toda a vida será unha boa aliada para reducir os residuos.
– Calcula ben a ración que consomen para evitar o desperdicio alimentario. Despois de toda unha mañá a temperatura ambiente, dificilmente poderás aproveitar as sobras.
Adoitas ter en conta estes aspectos á hora de elixir un campamento urbano? A sustentabilidade non entende de vacacións, non crees?