Xogos no coche para as e os peques

Fecha: Xullo 20, 2023

O verán é unha época na que as viaxes en coche adoitan multiplicarse e, independentemente das distancias, a calor e a dose extra de actividade poden facer que resulten máis pesados do habitual. Aínda que é algo que lle pasa a todos os membros da familia, as e os peques nótano moito máis. Hoxe queremos propoñerche algúns xogos que che axuden a previr ese cansazo, a evitar as preguntas en bucle sobre o tempo que queda para chegar ao destino e mesmo a esquivar os pequenos conflitos que pode suscitar o rozamento nun habitáculo tan pequeno 😉. No equipo de Gadis, temos algunhas propostas que nunca fallan e que farán as vosas viaxes moito máis divertidas. Non te perdas a nosa lista de xogos no coche para as e os peques!

Algúns consellos para gozar dos xogos no coche

Para gozar dos xogos, é importante xerar un clima relaxado e deixarse levar. Aquí deixámosche algúns consellos:
– Convértete nun peque máis no coche.
– Flexibilidade e creatividade son as palabras chave. Inventa modalidades, fusiona xogos, cambia as regras…
– Non queimedes os xogos. Non xoguedes todo o tempo ao mesmo xogo e dade un respiro á sesión. Intercalade xogos con tempo para falar, con paradas, con momentos para que cada persoa faga o que lle apeteza…
– Fomenta que os e as peques fagan as súas propias propostas.

Xogos no coche para a familia

Nestas datas, non convén cargar máis a equipaxe. Por iso, pensamos en ideas que non che obriguen a levar ningún material adicional na maleta. Por suposto, a nosa lista rescata algún dos clásicos, pero tamén inclúe algunha proposta que vos leve a desatar a vosa creatividade, enxeño e imaxinación. Empezamos?
Os clásicos das viaxes. O “vexo, vexo” é un must cando imos no coche, igual que a caza de coches dunha determinada cor ou de números pares ou impares nas matrículas. Tamén as listaxes de cousas que se compran no mercado ou que metemos na mochila e que temos que ir lembrando ata que alguén se esqueza dalgunha, verdade? Seguro que, se tiras de memoria, atopas unhas cantas posibilidades para entretervos durante o traxecto: o xogo do si e o non, adiviñar unha personaxe, o significado dos sinais, as palabras encadeadas, o teléfono roto, pedra, papel ou tesoiras…
Dándolle unha volta aos clásicos. Aproveitando o amplo repertorio co que nos dotou a infancia, podemos recuperar algún dos clásicos, pero cunha volta de porca. Por exemplo, cando dúas persoas dicían algo á vez e a primeira dicía “chispas” obrigaba á outra a manterse en silencio ata que se dixese o seu nome. Acórdaste? Pois no canto do seu nome, quizá as letras ou os números da matrícula poden ser a chave que a liberen do silencio. Que che parece? Anímaste a reinventar algún clásico?
O bingo das matrículas. Para este xogo, necesitaredes material para escribir porque se trata de que cada persoa escriba nun papel cinco números do 0 ao 100 e as matrículas coas que vos crucedes substituirán ao bombo. Quen tache primeiro os cinco números do seu papel, gaña. Dicimos números porque é o habitual no xogo, pero iso non quere dicir que non poidades incluír letras tamén. Podedes ir engadindo dificultades no xogo en función das idades. Por exemplo, se na matrícula hai números dunha, dúas e tres cifras que elixísedes, só se lle apunta á persoa que escribise o que ten máis díxitos.

Carreiras de sumas. A ver quen é a persoa que suma máis rápido as cifras da matrícula do coche que vai diante pode ser un reto divertido ao que se lle poden introducir variantes. Se a idade non permite tanta complexidade, quizá si poidan dicir o número máis alto da matrícula, por exemplo, ou a letra que está máis adiante na orde do abecedario. Como ves, as matrículas poden dar moito xogo 😉.
A letra prohibida. Que che parece vetar unha letra para as conversacións no coche? A ver quen consegue seguir falando sen dicir o A, por exemplo. Tamén pode prohibirse unha palabra de uso habitual, falar usando unha soa vogal ou calquera outra regra que se vos ocorra. É un xogo fácil e adaptable a todas as idades.
O conto ao revés. Elíxese un conto coñecido e cada persoa pode facer unha personaxe, pero trátase de contalo ao revés. Se é demasiado complicado, pódese optar por modificar algo substancial na historia. Tamén pode ser unha secuencia dunha película que vísedes todas e podedes ir modificando as tarefas: cantar a historia a modo de reggaetón, con algún acento, transformando as personaxes, substituíndo unha palabra por outra…
Furor. Este xogo recibe o seu nome en honra a aquel programa de finais dos 90 porque está inspirado nas súas probas. Pódese adaptar a dificultade elixindo as cancións ou a tarefa que hai que realizar. Por exemplo, a quen se lle ocorre máis cancións que conteñan unha palabra concreta, que cante un grupo dos 80, que sexa dun estilo musical determinado, continuar a canción despois da primeira frase, etc. Un consello: buscade palabras xerais e sinxelas para que a dificultade sexa moderada.
Que che parecen estas ideas? Vas usar no coche este verán?