Tres roteiros verdes para facer en bici en setembro

Fecha: Setembro 2, 2021

Coa chegada de setembro, os días vanse acurtando e comezamos a despedir o verán co regreso ao traballo e a volta ao cole no horizonte. Con todo, as temperaturas aínda acompañan e os plans ao aire libre seguen sendo moi apetecibles. Hoxe traemos unha proposta para que aproveites ao máximo estas últimas semanas estivais apostando pola sustentabilidade. Unha actividade que, ademais de fomentar o exercicio físico, tamén che permitirá coñecer roteiros de ecoturismo dunha gran beleza para as que non necesitarás contar con varios días libres. Que che parece pedalear por algunha das Vías Verdes que surcan a xeografía do noso país? En concreto, imos suxerirche algunha das que atravesan Galicia e Castela e León por cuestións de proximidade, pero seguro que che encantará a experiencia e quererás repetir para continuar descubrindo calquera do máis de centenar de roteiros que hai na Península.

Que son as Vías Verdes?

Inspirada nas Green Ways británicas e estadounidenses, a rede de Vías Verdes españolas naceu hai case trinta anos. Actualmente, en España, existen máis de 3.200 quilómetros de infraestruturas ferroviarias en desuso reconvertidas en itinerarios cicloturistas e senderistas no marco do Programa Vías Verdes coordinado pola Fundación dos Ferrocarrís Españois. A recuperación e acondicionamento deste patrimonio de gran valor histórico e cultural ofrece unha forma de coñecer o país dende unha perspectiva sostible e ecolóxica.
Estes antigos trazados ferroviarios conforman hoxe unha oferta turística e de entretemento que aúna natureza, sostibilidade, patrimonio, deporte e diversión. As Vías Verdes son unha proposta de ecoturismo que recibe un millón e medio de visitantes anuais e constitúen a mellor infraestrutura cicloturista española pola súa seguridade e polo acceso que brindan a territorios case inexplorados. Os seus roteiros pódense percorrer en bicicleta, a cabalo ou a pé e son alcanzables para todas as idades e estados de forma.

Quizá una das súas características máis destacables é a súa enorme variedade: dende trazados de apenas un par de quilómetros ata outros de longas distancias que se estenden entre dúas comunidades autónomas e que terás que percorrer por etapas. O mellor? O contacto directo coa natureza e a posibilidade de descubrir de maneira sustentable lugares que, de non existir un trazado previo de tren, serían inaccesibles. Non che parece un bo plan?

Tres roteiros verdes para facer en bicicleta en setembro

A oferta de Vías Verdes é tan variada que resulta difícil elixir, pero, tendo en conta que quizá non poidas dispoñer de varios días, presentamos tres posibilidades “de proximidade” con distintas lonxitudes para que poidas elixir a que máis che conveña.

Vía Verde do Salnés

A Vía Verde do Salnés é unha das dúas Vías Verdes galegas e percorre o trazado da ría de Arousa á veiga do río Umia entre bosques, viñedos e hortas. Son 9,2 quilómetros que poden realizarse en bicicleta, a pé e mesmo en cadeira de rodas, 8 deles transcorren pola antiga vía en terra compactada e o resto por un camiño asfaltado. Poderás gozar dunha paisaxe natural caracterizada polo bosque atlántico (carballos, castiñeiros, piñeiros, eucaliptos), vexetación de ribeira (freixos, amieiros, loureiros) e terras de cultivo (millo, viñedo). En canto ao Patrimonio, o Pazo de Rubiáns, a ponte de ferro sobre o río Umia e a antiga azucreira de Portas son os elementos máis destacables.

A Vía intégrase no tramo ferroviario que unía Vilagarcía con Pontevedra, unha prolongación do que foi o primeiro ferrocarril galego inaugurado en 1873. No verán de 2008, o roteiro quedou en desuso e, desde setembro do ano pasado, pódese percorrer como parte do programa de Vías Verdes.
Ao ir en bicicleta, podes elixir se queres percorrer o roteiro nun único sentido ou optar polo traxecto de ida e volta. O trazado non ten dificultade, polo que é unha opción perfecta para ir en familia, mesmo con animais.

Vía Verde de Laciana

A Vía Verde de Laciana transcorre por vales mineiros entre Caboalles de Arriba e Villaseca de Laciana na provincia de León. Un percorrido de 13 quilómetros con grandes desniveis, cuxas cumes por encima dos 2000 m e vales profundos ofrecen unha paisaxe moi variada (roquedos, pasteiros de montaña, robledales, bidueirais, castiñeiras, matogueiras, prados de sega, bosques de ribeira). O espazo alberga numerosas especies de fauna protexida e forma parte do Espazo da Rede Natura 2000 (LIC e ZEPA Alto Sil), do Espazo Natural Alto Sil e é Reserva da Biosfera.

Laciana atópase no alto Sil e é coñecida pola súa tradición mineira, cuxo tren hullero vertebrou e dinamizou a zona. O roteiro, de dificultade baixa, realízase por terreo asfaltado ou terra compacta e pódese culminar cunha visita ao Centro de Interpretación do Urogallo para coñecer e comprender a contorna e a vida desta especie en perigo de extinción.

Vía Verde do Tren Burra

A Vía Verde do Tren Burra debe o seu nome ao emblemático ferrocarril chamado así pola súa lentitude e que conectaba Palencia con Villalón de Campos en Valladolid. Ten a súa orixe nun proxecto de tranvía con tracción animal de 1877, que unía Valladolid con Medina de Rioseco. Este Camiño Natural de 29,8 quilómetros transcorre entre Palencia e Castromocho, ao que se suman 4,3 quilómetros pertencentes á Canle de Castela.

É un camiño de saburra artificial prensada que atravesa unha chaira cerealista na Comarca Natural de Terra de Campos, atravesada polo río Carrión. A Lagoa da Nava (Mazariegos) dá lugar a unha variedade de humidais nos que habitan máis de 270 especies de vertebrados e poderás visitar un centro de interpretación da vida na lagoa.
Ao tratarse dunha vía máis longa, quizá non sexa a máis axeitada para os nenos e nenas máis pequenos, salvo que vaian en asentos adaptados para as bicicletas dos adultos.
Gústache a nosa proposta sostible para despedir o verán? Hai moitas posibilidades que podes descubrir na web de Vías Verdes! Estamos a desexar que nos contes a túa experiencia.