
Nova edición de Alimentes Dixital

Nuns días volvemos poñer en marcha Alimentes Dixital, a plataforma formativa dixital deseñada por Gadis para o profesorado e o alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria de Galicia e Castela e León. Tras o éxito da primeira edición dixital, aproveitamos a experiencia do curso pasado para implementar unha serie de melloras que nos permiten ofrecer un recurso didáctico aínda máis completo.
O noso compromiso coa educación de calidade en hábitos saudables iniciouse hai máis de 20 anos. Durante este tempo, foise materializando en diversas propostas educativas como formacións, talleres, actividades nos hipermercados ou o noso propio programa educativo Alimentes. Visitas escolares a supermercados Gadis. A pandemia supuxo un reto a todos os niveis e deunos o impulso definitivo para buscar unha nova maneira de manter contacto co profesorado e o alumnado de distintos centros educativos. Así, xurdiu Alimentes Dixital, unha ferramenta didáctica en liña que facilita material a educadores e educadoras para enriquecer tanto as horas lectivas como as tarefas para casa. Oíches falar do noso programa? Hoxe contámosche todos os detalles da próxima edición!
Que é Alimentes Digital

Alimentes Dixital ten a súa orixe en Alimentes, o programa educativo de Gadis orientado ao profesorado de segundo ciclo de Infantil e aos tres niveis de Educación Primaria. Do mesmo xeito que o seu predecesor, a plataforma está baseada en catro piares fundamentais para unha vida sostible: alimentación saudable, consumo responsable, actividade física e redución do desperdicio alimentario. Ademais, engadiuse un apartado adicional sobre desenvolvemento local e produción sostible e, na edición que está a piques de comezar, ampliáronse os contidos para poder traballar tamén con nenos e nenas do primeiro ciclo de Educación Infantil.
Esta ferramenta naceu co obxectivo de seguir potenciando os hábitos sostibles presentando os catro eixos para unha vida sostible de maneira transversal. Alimentes Dixital conta con 10 unidades didácticas dedicadas a cada un dos pasos da cadea de alimentos, dende a lonxa ata que chegan aos nosos fogares. Todas elas están adaptadas ao currículo oficial de Educación Infantil e de Educación Primaria de Galicia e de Castela e León. As unidades están separadas por niveis educativos distribuídos en catro bloques: dous ciclos de infantil, 1º e 2º de primaria, 3º e 4º de primaria, e 5º e 6º de primaria.
A través de vídeos, contido en formato texto, actividades interactivas e outros recursos, ofrécese unha ferramenta que aborda de maneira amena distintos aspectos da cadea de alimentos e varios temas educativos principalmente relacionados coas Ciencias Naturais e as Ciencias Sociais, así como elementos directamente vinculados coa sustentabilidade.
Ademais, participar en Alimentes Dixital ten premio. Entre os grupos que completan todas as unidades, se o docente o solicita ao finalizar a última, súmanse a unha clasificación mensual para mandarlles o seu propio kit do PRATO ALIMENTES. O Menú Saudable.
Resultados da primeira edición de Alimentes Dixital

Durante a primeira edición de Alimentes Dixital, inscribíronse 261 colexios, dos cales 168 completaron as dez unidades didácticas. En total, case 10.000 escolares das dúas autonomías terminaron o programa:
– 3.430 alumnos e alumnas de educación infantil
– 2.035 alumnos e alumnas de 1º e 2º de primaria
– 2.209 alumnos e alumnas de 3º e 4º de primaria
– 1.915 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria
Estes nenos e nenas estiveron acompañados por 357 docentes, que tamén recibiron os seus kits do Prato ALIMENTES, que incluían a guía visual para planificar as súas comidas de maneira equilibrada e un receitario con moitas propostas saudables.
Novidades da segunda edición de Alimentes Dixital

Alimentes Dixital é un proxecto dinámico e en constante evolución. Ademais, é un traballo conxunto e o noso equipo tivo en conta todas as suxerencias que nos fixeron chegar os docentes que participaron na primeira edición para seguir mellorando. Por iso, este ano traemos algunhas novidades con respecto ao curso pasado. Por unha banda, ampliáronse contidos e actividades en varios niveis educativos, incluíndo por primeira vez aos alumnos e alumnas máis pequenos de Educación Infantil. Ademais, a plataforma é completamente bilingüe! Agora todos os vídeos das unidades didácticas están dispoñibles tamén en galego. Por outra banda, para seguir traballando na interiorización dos conceptos propostos, creamos o xogo do Prato ALIMENTES adaptado aos distintos niveis educativos. Educar en hábitos saudables e sostibles está ao alcance de calquera centro educativo de Galicia e Castela e León!
Como participar en Alimentes Dixital
Alimentes Dixital é unha plataforma educativa gratuíta á que pode ter acceso calquera docente de Eduación Infantil e Educación Primaria de centros de Galicia e Castela e León. Só se ten que rexistrar na web da plataforma e se lle reenviará unha ligazón para facer a inscrición. Unha vez realizado o rexistro, terá acceso ao seu perfil no que atopará unha guía completa por niveis educativos con todos os recursos dispoñibles sobre a cadea dos alimentos. Nese perfil, poderá crear diferentes grupos do mesmo ou distinto nivel educativo para poder ir traballando as unidades con todo o seu alumnado.
O rexistro é moi sinxelo. Só hai que proporcionar o nome e a información de contacto para estar dentro de Alimentes Dixital. Unha boa maneira de comezar o 2022, non che parece?
Dende Gadis, levamos moito tempo traballando para proporcionar contidos de calidade que potencien o coñecemento da sustentabilidade e a adquisición de hábitos saudables nas escolas. Gustaríache formar parte da comunidade ALIMENTES e ter acceso a materiais exclusivos? Só tes que apuntarte a Alimentes Dixital na nosa web!