Mascotas e verán: que podemos facer?

Fecha: Xuño 15, 2023

O verán está ao virar a esquina! Xa planeaches as túas vacacións? Se tes unha mascota, probablemente teñas que anticipar esa planificación. Ben porque queres que che acompañe de viaxe, ben porque tes que buscar un plan B mentres estás fóra. Porque esa é unha das nosas responsabilidades cando decidimos compartir a nosa vida cun animal, verdade? A pesar dos múltiples beneficios que achega convivir con eles, España segue nos postos de cabeza das taxas de abandono animal e este problema adoita agravarse en época estival. Por iso, hoxe gustaríanos compartir plans para que poidas gozar das túas vacacións coa túa mascota e alternativas para poder deixala na casa se non é posible que che acompañe. Mascotas e verán, gustaríache saber que podes facer? Segue a ler!

O abandono animal en España

De acordo cos datos do último estudo da Fundación Affinity, en España, máis de 288.000 cans e gatos foron recollidos por entidades de protección animal durante 2022. Unha cifra similar á do 2021 da que escapan todos aqueles animais que non lograron ser rescatados por unha entidade e outro tipo de mascotas que non inclúe o estudo (aves, roedores, exóticos etc.). Isto significa que, no noso país, recóllense, polo menos, 33 animais cada hora. Son datos alarmantes, sobre todo tendo en conta que o número de gatos foi en aumento desde 2007 e que, ademais, só a metade dos animais recollidos conseguen ser adoptados.
A parte positiva do informe está no 21% de cans e o 4% de gatos que lograron volver aos seus fogares grazas á identificación mediante microchip. Con todo, o resto permanece en refuxios ou en casas de acollida, e tamén hai unha porcentaxe que se eutanasia ou falece. De feito, os gatos son máis vulnerables ao abandono. Moitos chegan feridos ou enfermos e un 12% acaba morrendo antes de poder ser adoptados.
Por iso, é importante educar e concienciar á cidadanía, non só sobre as responsabilidade que se asume cando se toma a decisión de convivir cun animal, senón tamén para avanzar cara modelos sociais que faciliten a organización de plans nos que se poida incluír ás nosas mascotas.

 

Mascotas e verán

Hai varias propostas que non entrañan dificultade algunha para organizarse coa túa mascota. Con todo, hai que ter en conta as características dos animais para poder planificar. É importante contar co asesoramento de persoas expertas para que as vacacións sexan unha experiencia agradable para toda a familia.
Por exemplo, no caso dos gatos, é recomendable deixalos na casa se a túa estancia non se vai prolongar moito. Se te vas ausentar máis dun par de días, o ideal é que busques unha persoa que se encargue de atendelo mentres estás fóra. Se non coñeces a ninguén, podes preguntar na clínica veterinaria á que acodes. Adoitan ter máis dunha catsitter de man 😉. E se decides viaxar co teu gato, debes ter en conta algúns aspectos:
– Procura que o “campamento base” sexa o mesmo durante toda a viaxe, aínda que vaias moverte pola zona. Os gatos son moi territoriais e estar a cambiar dunha localización a outra pode xerarlles moito estrés.
– Extrema as precaucións con portas e xanelas (se non teñen protección). Evitarás posibles accidentes e poñerás freo á súa vea escapista.
– Se vai ter acceso ao exterior, asegúrate de que o recinto está protexido para evitar que se escape.
– Se é a primeira vez que vai viaxar, pide asesoramento na clínica veterinaria para reducir o estrés ao máximo.
Pola súa banda, os cans adáptanse con moita máis facilidade a calquera plan: desde unha excursión á montaña ata unha viaxe en autocaravana pasando por converterse en peregrinos a Santiago. Se che apetece un plan de praia, terás que consultar a listaxe de praias da zona que permiten o acceso de mascotas. Sabías que tamén existen piscinas e parques acuáticos que admiten cans? É cuestión de investigar!

En canto ao aloxamento, salvo que contes cunha opción propia ou dalgunha amizade, terás que buscar entre a oferta de establecementos e pisos que aceptan mascotas. Hai moita información a golpe de click.
Só falta saber como ides realizar o desprazamento. Se utilizas o teu propio vehículo, consulta a normativa actualizada para viaxar con eles. Se optas polo transporte ferroviario, ten en conta que agora xa hai máis compañías que Renfe e é importante que coñezas as condicións de cada unha, do mesmo xeito que se o fas en avión. E lembra que non só tes que ter a túa documentación ao día, tamén a deles.
Talvez, aínda que che gustaría, viaxar con eles non sexa posible polo motivo que sexa e necesitas buscar un plan B. Unha vez decidido, tes que valorar cal é a mellor opción coñecendo ao teu animal:
– Unha residencia canina. Recaba información e busca referencias para elexila.
– Buscar a alguén que acuda regularmente ao teu fogar para coidala.
– Deixalo ao coidado dalgunha amizade ou alguén da familia. Pensa en alguén con quen se entenda ben e que teña un bo manexo da túa mascota.
Tes mascota? Adoitas levala de vacacións? Cóntanos a túa experiencia!