Día Mundial dos Animais – Alimenta a amizade

Fecha: Outubro 7, 2021

Dende 1931, cada 4 de outubro celébrase o Día Mundial dos Animais. En Gadis, queremos unirnos a esta celebración lembrando a importancia da conservación de todas as especies e recoñecendo o labor que realizan todas as entidades de protección animal da nosa contorna. Por iso, puxemos en marcha a terceira edición da campaña Alimenta a Amizade. Unha recollida solidaria de produtos de alimentación e hixiene para os cans e gatos sen fogar que están ao coidado de asociacións e protectoras de Galicia e Castela e León. Queres saber máis? Segue lendo!

Benestar animal e tenencia responsable

Coa ratificación do Convenio Europeo sobre Protección de animais de compañía, España adquiriu unha serie de compromisos no ámbito da tenencia responsable para garantir o benestar dos animais de compañía e establecer actitudes e prácticas comúns que logren asegurar unha conduta responsable por parte dos seus propietarios. Con todo e a pesar das campañas informativas e educativas emprendidas nos últimos anos, o noso país segue mantendo unhas cifras de abandono animal alarmantes (máis de 300.000 cans e gatos en 2020), constituíndo a maior ameaza para o seu benestar.
O compromiso social e ambiental de Gadis ponse de manifesto na nosa colaboración con todos os axentes sociais para a construción dun futuro mellor. Por terceiro ano consecutivo, queremos sumar o noso gran de area para mellorar a calidade de vida de cans e gatos sen fogar. Ademais da recollida de doazóns nos nosos establecementos, gustaríanos apoiar ás entidades na concienciación sobre a importancia dunha tenencia responsable ao cederlles espacio voluntario durante a campaña nas nosas tendas.

A decisión de ter un can ou un gato ten que ser moi meditada, valorando todos os aspectos que implica a adhesión dese novo membro á familia. Debemos ser conscientes de que son seres vivos con necesidades específicas que hai que respectar e coidar. Cando se fala de tenencia responsable, faise referencia á necesidade de asumir todas as responsabilidades que implica o seu coidado, que, ademais, se prolongará durante toda a vida do animal. Se tes sorte, esta pode chegar a case dúas décadas. As causas principais de abandono en España adoitan ser a falta de tempo, de recursos económicos ou de compromiso por parte dalgúns propietarios. Así mesmo, as camadas non desexadas engrosan a lista de animais sen fogar, por iso a esterilización dos animais de compañía é un elemento chave da tenencia responsable.
Se estás a pensar en abrir o teu fogar a un animal, é importante que a decisión sexa consensuada, que teñades a seguridade de poder dedicarlle tempo e, sobre todo, que adoptes. Seguro que na túa localidade hai algunha entidade que está a desexar contarche o seu plan de adopcións e que coñezas aos cans e gatos que anhelan formar parte dunha familia. Podes aproveitar a campaña e contactar con algunha das 65 entidades que participan este ano en Alimenta a Amizade. Estarán encantadas de axudarche a atopar ao teu compañeiro perfecto e informaranche sobre todos os trámites necesarios para formalizar a adopción.

Terceira edición de Alimenta a Amizade

A campaña Alimenta a Amizade terá lugar do 1 ao 10 de outubro. Durante eses días, poderás realizar doazóns de produtos de alimentación ou hixiene ou achegas económicas en caixa para axudar ás entidades de protección animal da túa zona. Polo menos durante a fin de semana, algunhas persoas das asociacións e protectoras estarán nas tendas para contarche de primeira man as súas necesidades e proporcionarche información sobre o seu traballo, mantendo todas as medidas de seguridade.

A familia de Alimenta a Amizade segue crecendo: das 33 entidades da primeira edición, pasamos ás 53 da segunda e este ano xa son 65! Do mesmo xeito que nos anos anteriores, nos que se recadaron un total de 84.260 kg e 35.500 kg, Gadis engadirá un 20% ao total do recadado ao finalizar a campaña. Queremos que esta recollida sirva para aliviar as necesidades máis urxentes e permita a asociacións e protectoras centrar os seus esforzos noutras tarefas como a concienciación sobre a tenencia responsable, as campañas de vacinación e esterilización ou o rescate de máis animais abandonados.

Participa en Alimenta a Amizade!

Con Alimenta a Amizade, queremos poñer en valor o labor das entidades que traballan a diario polo benestar animal. Sabemos que atravesaron moitas as dificultades no último ano e medio, e, en moitos casos, as súas necesidades incrementáronse notablemente.

Ata o 10 de outubro, cada vez que visites un dos 190 Supermercados Gadis nos que se realiza a campaña, poderás depositar penso, comida húmida, area ou calquera outro produto para cans e gatos. Tamén produtos de hixiene como lixivia ou deterxentes para manter limpas as instalacións. Ademais, este ano poderás realizar unha achega económica en caixa. Hai espazos sinalizados na entrada das tendas participantes para depositar a túa doazón.
Esperámoste nos nosos Supermercados Gadis para seguir alimentando a amizade un ano máis!