Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Fecha: Febreiro 9, 2023

Desde 2015, cada 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Unha data proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para xuntar esforzos co obxectivo de alcanzar o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e as nenas nos ámbitos científicos. Con esta efemérides, tratan de visibilizar o traballo de mulleres que desenvolven as súas carreiras nas áreas coñecidas como STEM, o acrónimo formado polas iniciais en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas. Así, preténdese mostrar e crear referentes femininos para a infancia que fomenten a incorporación da muller nestas carreiras profesionais. Ademais, tamén se busca o establecemento de boas prácticas que conduzan á igualdade de xénero no ámbito científico. Sabías que a conmemoración deste ano céntrase no papel das mulleres, as nenas e a ciencia en relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)? En Gadis, non podiamos deixar de sumar o noso grao de area para promover contornas que alenten a nenas e mulleres a proxectar o seu futuro dentro da ciencia.

Por que é necesario o Día da Muller e a Nena na Ciencia?

As mulleres e as nenas seguen atopando obstáculos que dificultan a súa presenza en ámbitos científicos. Esa desigualdade evidénciase na elección de estudos que realizan as nenas e vaise agudizando no desenvolvemento das súas carreiras profesionais en ramas científicas e tecnolóxicas. A ciencia debe ser equitativa, diversa e inclusiva. Ten que estar aberta á participación de todas as persoas e, de momento, parece non ser así. Segundo o último Informe do Instituto Estatístico da UNESCO, aínda que todos os países conceden gran importancia ao desenvolvemento das áreas STEM, ningún logrou a igualdade de xénero dentro das mesmas:
Menos do 30% das persoas que traballan en investigación no ámbito STEM no mundo son mulleres.
– As mulleres adoitan recibir becas de investigación máis modestas.
Só o 12% dos membros das academias científicas nacionais son mulleres.
– As investigadoras adoitan ter carreiras máis curtas, peor pagadas e o seu traballo está pouco representado nas revistas de alto nivel.
Aínda que é certo que en moitos países se alcanzou a paridade nalgúns ámbitos como as ciencias da vida, as mulleres seguen sendo minoría en áreas como a informática, a tecnoloxía da información dixital, a física, as matemáticas e a enxeñería. Estas son as principais áreas que impulsan a revolución dixital e, por tanto, moitos dos empregos do futuro. Esta fenda de xénero está relacionada coa persistencia de estereotipos e prexuízos, que, en ocasións, condicionan a elección das nenas no que respecta a os seus estudos. Por iso, é importante dar a coñecer ás mulleres que cambiaron a historia da ciencia e a aquelas que están a abrir novos camiños.

Catro mulleres científicas de Galicia e Castela e León

A pesar dos avances dos últimos anos, segue sendo complicado atopar nomes femininos nos libros de texto de materias científicas. Grazas a celebracións como esta, cada vez é máis frecuente coñecer a traxectoria de mulleres que desafiaron moitos obstáculos para participar activamente no desenvolvemento científico. Hoxe compartimos contigo catro historias de mulleres científicas de Galicia e Castela e León.

Ángela Ruiz Robles

Nada en Villamarín (León) en 1895, Ángela Ruiz Robles inventou a primeira enciclopedia mecánica, precursora do libro electrónico. A súa procura de fórmulas para lograr dotar dun compoñente lúdico a aprendizaxe materializouse en ideas revolucionarias moi adiantadas ao seu tempo, que, hoxe en día, seguen vixentes. En 1949, patentou a enciclopedia, cuxo prototipo se realizou, en 1962, no Parque de Artillería de Ferrol. Desde o 2006, forma parte da colección do Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela.

Ángeles Alvariño González

Nada en Serantes en 1916, Ángeles Alvariño foi oceanógrafa, zoóloga e profesora. É a única científica española que aparece na Encyclopedia of World Scientists, na que se recolle aos 1.000 científicos máis importantes de todos os tempos e na que só figuran dous españois máis (Severo Ochoa e Ramón y Cajal). Foi a primeira muller en participar como científica nun buque de investigación oceanográfico e está considerada unha das maiores especialistas do mundo no seu campo. O seu legado supera o ámbito científico, xa que reivindicou o papel das mulleres na ciencia e a igualdade salarial, que reclamou cando traballaba en Estados Unidos.

 

María Josefa Wonenburger Planells

Nada en Oleiros en 1927, María Wonenburger foi unha matemática española que desenvolveu os seus traballos de investigadora en Estados Unidos e Canadá, sendo a primeira muller española en recibir unha bolsa Fulbright. Converteuse nunha experta mundial da teoría de grupos e foi coñecida polos seus desenvolvementos en álxebras de Lie. Alcanzou gran recoñecemento en Estados Unidos, mentres no seu país natal permanecía no anonimato ata que a principios deste milenio comezaron as homenaxes. En 2007, a Xunta de Galicia creou un premio anual a investigadoras que leva o seu nome.

Elena García Armada

Nada en Valladolid en 1971, Elena García Armada é a enxeñeira industrial española que lidera o grupo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que desenvolveu o primeiro exoesqueleto biónico do mundo para nenos e nenas con atrofia muscular espinal. Recoñecida a nivel mundial, o ano pasado recibiu o Premio ao Inventor Europeo, outorgado pola Oficina Europea de Patentes, polo exoesqueleto pediátrico que axuda a camiñar, aos pacientes que sofren parálise, durante as sesións de rehabilitación.
Coñecías a estas científicas? Como vas celebrar este Día?