Conciliar en verá: receitas con nenos.

Fecha: Xullo 12, 2018

Coa chegada do verán, os malabares para conciliar acadan a súa máxima expresión. Estamos a desexar poder gozar uns días de vacacións en familia. O problema é cando uns membros teñen vacacións e outros non. En especial se son os nosos e as nosas fillas as que as teñen. E aínda peor se vai mal tempo. Así que con este artigo queremos dar ideas para unha chuviosa tarde de verán.

Tarefas domésticas de nenos e nenas 

Para os nosos e as nosas fillas, todo é descubrimento. Canto antes  despertemos a súa curiosidade por distintos intereses, axudarémoslles a ter unha mente esperta e lista para a aprendizaxe.
Ás veces temos a sensación de que incluír aos pequerrechos nas nosas tarefas diarias só serve para tardar máis en facelas. Con todo, debemos ter claro que o obxectivo non é tanto o resultado senón o proceso en si mesmo. Formar parte das tarefas domésticas axuda ás nenas e nenos a entender que son un membro máis da familia. Cos seus dereitos, obviamente, pero tamén cos seus deberes. E algo tan sinxelo como isto, pode aforrarvos moitos desgustos e discusións na adolescencia.
É importante ter en conta a idade dos peuqnos á hora de facer certas tarefas. Con todo, o sentido común adoita funcionar. O importante é confiar neles e nelas e axudarlles a ir aos poucos facéndose cargo de máis cousas. Canto máis pequenos sexan máis o poderemos expor como un xogo. A medida que van crecendo, o ideal é acordar as tarefas conxuntamente para que non sintan que é algo imposto e sentan con certa liberdade á hora de decidir que facer.
O método Montessori profundiza bastante nestes temas.

Cociñar con nenos e nenas

Cociñar, é un pracer a calquera idade. Seguro que moitas persoas non estarán de acordo, pero preparar os alimentos con amor para despois comelos…é, simplemente, marabilloso.
Cociñar cos nosos e as nosas fillas é unha experiencia fantástica. O único que debemos ter en conta é que necesitamos un espazo seguro e toda a calma do mundo. Tamén unha boa elección de receitas para facilitar o proceso e, sobre todo, moita diversión!
En primeiro lugar, nada lles gusta máis aos nosos peques que pasar tempo coas súas nais e pais. Compartir esta actividade é un agasallo para ambas as partes, pero vexamos que máis cousas pode achegarnos:

  • Mellorar a comunicación: cantas máis actividades realicemos en conxunto, maior será a confianza e a comunicación con eles.
  • Aumentar a autoestima: confiar en que poden facelo e ver os resultados axuda a forxar unha autoestima forte e positiva.
  • Incentivar a curiosidade: é fascinante ver como os alimentos en cru poden converterse en pratos completamente diferentes.
  • Axudar a unha alimentación saudable: un dos praceres de cociñar é comernos os nosos pratos, de maneira que é unha xenial estratexia para o consumo de verduras.
  • Desenvolver a paciencia e a observación: os tempos da cociña son os que son, ademais, é importante estar pendente para evitar que se queime ou quede crúa a comida.
  • Aprender: sobre outras culturas (por exemplo, das cociñas do mundo), sobre procesos químicos (por exemplo, a desnaturalización da proteína), botánica (por exemplo: herbas aromáticas)…, suma e segue. 😉  Así, podemos decidir as receitas con anterioridade e ir xuntos á compra, xa temos unha lección completa con orzamento incluído.

Receitas para facer con nenos e nenas

PIZZA ITALIANA:
A pizza é un prato que case case case, gusta a todo o mundo. O bo é que, facéndoa en casa, ademais de gozar, asegurámonos botarlle uns ingredientes de calidade.
Tempo:
2 horas e 30 minutos, xa que a masa necesita fermentar.
Ingredientes:

  • 450 gramos de fariña de trigo. Non fai falta que sexa específica de pizza, pero si que sexa dunha forza aproximada a 100 (en xeral a fariña normal é así, non a de repostería ou de fritura).
  • ¼ de auga morna. Importante que non estea nin fría nin quente.
  • 1 cullerada de aceite de oliva virxe extra.
  • 1  cubo pequeno de fermento de panadería (25  gramos aproximadamente).
  • ½  culler de sobremesa de sal fino.

Preparación:
O primeiro, mesturamos o lévedo coa auga morna removendo ata mesturalo completamente.  Vertemos aos poucos o líquido sobre a fariña en espiral do centro cara fóra. Engadimos o sal por toda a masa e comezamos a amasar. Unha vez que teñamos unha masa homoxénea, engadímoslle o aceite e seguimos amasando ata estar completamente integrado. Canto máis traballemos a masa, máis esponxosa será a nosa pizza. Agora tócanos facer unha bóla e deixala repousar tapada por un pano durante dúas horas ou ata que alcance o dobre do seu volume. Unha vez  fermentada só queda que a estiredes cun rodete e deádeslle unha forma redonda dun centímetro máis ou menos de espesor. Engadide os ingredientes que queirades e gozade vosa fantástica pizza!
OS FAMOSOS  SMOOTHIES
Nada está máis de moda que un caro “ smoothie” nunha cafetería moderna, con todo, non deixa de ser un batido dos de toda a vida. Unha fantástica oportunidade para probar combinacións de froitas e verduras xuntas cun resultado sorprendente.
Aquí a maxia do sabor tamén reside no recipiente de consumilo. Tenta darlle un toque divertido con palliñas (mellor se son de silicona, cartón ou aceiro. Nunca empregues as de un só uso) e  sombreiros de cóctel.
Tempo:
15 minutos!
Ingredientes:

  • 1 feixe de  espinacas.
  • 1 pera madura.
  • 1 mazá verde.
  • 1 plátano maduro.
  • Auga, ao gusto.
  • Xeo.

Preparación:
O único que necesitamos facer é lavar moi ben os ingredientes. Ademais, cortar aquelas partes como talos ou sementes que non necesitamos.  Trituramos todo xunto, decoramos, e a sorprendernos co sabor. Non poderás crer que están bebendo un vaso de froita e verdura!
Esta receita é unha adaptación deste artigo orixinal en inglés.
BISCOITO DE IOGUR
Un  clásico, si, pero efectivo como poucos. O biscoito de iogur ten o encanto de non volvernos toliños coas medidas. A repostería pode ser unha ciencia complexa, pero con estas medidas sempre funciona!
Tempo:
50 minutos aproximadamente.
Ingredientes:

  • 1 iogur do sabor que prefiran.
  • 1 medida de iogur de aceite ou de manteiga.
  • 2 medidas de iogur de azucre.
  • 3 medidas de iogur de fariña.
  • 3 ovos.
  • 1 sobre de fermento en po.

Preparación:
A preparación deste biscoito é case tan sinxela como os seus ingredientes. O primeiro que faremos será mesturar os ingredientes secos por unha banda e bater os ovos co iogur, por outra. Ideal se pasamos por un coador a mestura da fariña e o fermento antes de mesturala co azucre. Non nos esquezamos de quentar antes o forno a 200º.  Acto seguido, mesturamos os ingredientes e removemos cunha vara. Podemos usar o batedor, pero sempre é mellor terminalo coa vara xa que así lle metemos máis aire á masa e quedará máis esponxoso. Engraxamos o molde, vertemos a masa e 30-40 minutos a 180º ao forno ata que ao picar saia o escarvadentes limpo. Consello: non abrir o forno ata pasados os 30 minutos. Ñam, ñam!
Que che parecen estas receitas? Anímaste a facelas cos teus peques? Queremos ver os resultados!