Cinco xogos de mesa para as tardes de outono

Fecha: Novembro 24, 2022

Co cambio de hora, os días vanse acurtando e apetece quedar na casa. As tardes de outono convértense nun bo momento para gozar en familia ou con amigos dun bo xogo de mesa, non che parece? Elixir a cal xogar non sempre é unha tarefa sinxela. Todo depende das preferencias de cada persoa, do grupo co que vas compartir a partida e mesmo do humor que teñas ese día. Se es fan destes xogos, posiblemente coñezas o distintivo Spiel deas Jahres, un premio creado en 1978 e que alcanzou tal prestixio que se considera o Óscar dos xogos de mesa. De feito, moitos dos que recibiron este galardón convertéronse en éxitos de venda a nivel mundial e probablemente teñas algún na túa casa. Non é o único; hai outros premios cos que se distingue aos mellores xogos de mesa. En España, por exemplo, temos o premio JdA ao Xogo do Ano, que xurdiu en 2005 e entrégase durante a Feira Internacional de Xogos de Córdoba. En calquera caso, non todo é cuestión de premios e hai clásicos que nunca pasan de moda. Ao equipo de Gadis encántannos os xogos de mesa e hoxe queremos compartir contigo algúns dos nosos preferidos. Non perdas a nosa lista!

Cinco xogos de mesa para as tardes de outono

O poder aglutinador dun xogo de mesa é indiscutible. Quen non gozou de partidas eternas ao redor dun taboleiro no que as risas son as protagonistas? Poucas persoas non xogarían algunha vez ao Monopoly, ao Scrabble, ao Trivial ou ao Afundir a frota, por exemplo. Por suposto, a nosa lista rescata algún xogo mítico, pero tamén deixa que se coe algunha desas pequenas xoias que seducen aos máis afeccionados e fan que unha tarde pase nun amén. Empezamos?

Os colonos de Catán (Devir). Condecorado co Spiel des Jahres 1995, é un xogo de estratexia e xestión de recursos. A versión básica está pensada para que xoguen 3 ou 4 persoas, pero hai ampliacións para que poidan xogar 5 ou 6. O obxectivo é construír pobos, cidades e camiños sobre un taboleiro que varía en cada partida. Para iso, vanse conseguindo recursos coa explotación dos terreos que posúe cada xogador ou xogadora e vanse acumulando varios tipos de cartas. Así, conséguense puntos ata que alguén chegue a dez e gañe a partida. O xogo pode dar moitas voltas, así que é perfecto para unha tarde en familia con nenos e nenas a partir de 10 anos. O comercio que se establece entre os xogadores e o azar dos dados manteñen a tensión ata o final.
Exploding kittens. Un xogo de cartas ao puro estilo ruleta rusa apto para calquera idade e no que poden participar entre 2 e 5 persoas. As partidas son rápidas e “explosivas” porque a supervivencia de cada xogador ou xogadora depende da aparición dos temibles “gatos explosivos”. Aínda que ten un compoñente de azar importante porque se van roubando cartas ata que a alguén lle sae un Exploding Kitten, tamén hai un elemento estratéxico na forma na que cada persoa decide xogar as súas cartas. Cando aparece o “gato explosivo”, ese xogador ou xogadora morre e queda eliminada da partida, a non ser que teña unha carta de “desactivación”. É dicir, na baralla hai outras cartas con armas como punteiros láser, fregas de barriga ou bocadillos de menta gatuna que permiten desactivalos e continuar na partida.
Dixit (Devir). Gañador do JdA 2009 e do Spiel des Jahres 2010, tamén é unha opción perfecta para xogar cos máis pequenos da casa. O obxectivo do xogo é adiviñar unha carta a partir de pistas que un xogador ou xogadora ofrece en forma de frase ou narración. A mecánica consiste en que a persoa que vai actuar como narradora escolle unha das súas seis cartas e, sen que ninguén a vexa, fai unha narración ou di unha frase relacionada co debuxo da carta. O resto de xogadores engaden unha carta que poida suxerir relación con esa historia de entre as que teñen no seu haber e deben adiviñar cal é a do narrador ou narradora. A dificultade radica en que hai que equilibrar a estratexia para evitar que todos os xogadores ou ningún a adivinen.
– ¡Aventureros al tren! (Days of Wonder). Gañador do Spiel des Jahres 2004, é un xogo de mesa con temática ferroviaria que conta con varias versións ambientadas en distintos territorios. As principais cidades están unidas por traxectos e os xogadores teñen que cubrir diferentes roteiros para completar as súas cartas obxectivo e acumular puntos. Trátase dun xogo de estratexia que che mantén en tensión mentres esperas quenda e cruzas os dedos para que ningún opoñente quede cos roteiros que necesitas. Poden xogar entre 2 e 5 persoas e a idade recomendada é a partir de 8 anos.
Virus (Tranjis Games). É un xogo de cartas no que terás que protexer os teus órganos para evitar que sexan infectados por unha enfermidade que se expande rapidamente. É moi dinámico e apto para xogar en calquera lugar con adultos e nenos. Ten varias maneiras de interactuar e pódense poñer en práctica diferentes tipos de estratexias, facendo que cada partida sexa distinta.

Coñecías estes xogos? Cal é o teu favorito?