25N. Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

Fecha: Novembro 25, 2022

O 25 de novembro celébrase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, no que, cada ano, organízanse actividades para denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres e para reclamar medidas que contribúan á súa erradicación. A violencia contra as mulleres é un problema que aumentou durante os últimos anos. Unha de cada tres mulleres é vítima dalgún tipo de violencia e cada 11 minutos unha muller ou nena morre asasinada por un familiar no mundo. En Gadis non podemos permanecer indiferentes ante estes datos. Por iso, queremos sumar esforzos para concienciar e sensibilizar sobre o tema. Queres saber máis? Segue lendo!

A violencia contra as mulleres en cifras

De acordo coa Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller, a violencia contra a muller (VCM) é «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter por resultado un dano ou sufrimento físico, psicolóxico ou sexual para as mulleres, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na privada». A violencia contra as mulleres e as nenas é unha das violacións máis xeneralizadas dos dereitos humanos e ten graves consecuencias físicas, económicas e psicolóxicas sobre as vítimas.
Os datos do informe da ONU para medir o que denominaron como “pandemia na sombra” tras a COVID-19 no mundo revelan que:
– o 45% das mulleres informaron de que elas ou algunha coñecida experimentaron algunha forma de VCM desde o comezo da pandemia.
– o 65% das mulleres afirmaron experimentala algunha vez na súa vida.
4 de cada 10 mulleres senten máis inseguridade nos espazos públicos.
1 de cada 4 mulleres afirmou que aumentou a frecuencia dos conflitos no fogar e sente máis inseguridade.
6 de cada 10 mulleres consideran que o acoso sexual nos espazos públicos ha empeorado.
Este é un problema global e as cifras do noso país tamén son preocupantes. De acordo cos datos do Instituto Nacional de Estatística, o número de mulleres vítimas de violencia de xénero aumentou un 3,2% no ano 2021, ata 30.141. Delas, 48 mulleres perderon a vida o ano pasado e, no que vai de ano, foron asasinadas 38. A taxa de vítimas foi de 1,4 por cada 1.000 mulleres maiores de 14 anos. Case a metade destas vítimas (o 47,5%) tiña entre 30 e 44 anos, sendo a media de idade de 36,9 anos. Ademais, o maior aumento do número de vítimas no ano 2021 produciuse entre as mulleres de menos de 18 anos (28,6%). Por tanto, parece que esta pandemia silenciosa está a propagarse entre os sectores máis novos da nosa sociedade. É necesario tomar conciencia da necesidade de educar e sensibilizar sobre o tema.

Combatir a violencia contra a muller.

Frear a violencia contra a muller é urxente. Por iso, habemos de apostar pola transformación das normas sociais daniñas e tratar de empoderar ás mulleres e ás nenas. Aínda que é certo que houbo avances lexislativos e na concienciación social, aínda segue sendo necesario lembrar o perigo que se cerne sobre as mulleres polo mero feito de selo.
Sen dúbida, é fundamental lograr unha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e os asasinatos machistas. Por iso, as accións ao redor do 25N buscan, entre outros, xerar impacto a partir da identificación dos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero.
Como empresa colaboradora desde os seus inicios, queremos falarche dunha das iniciativas que xurdiron estes último anos para combater a violencia contra a muller, En negro contra as violencias. Unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas. Tratábase dunha campaña activa todo o ano, pero que se intensificaba durante o mes de novembro. E aínda que é un proxecto pechado, segue tendo peso na sociedade. Ademais, a través das canles de comunicación que mantemos cos nosos grupos de interese potenciamos as mensaxes de sensibilización e de rexeitamento contra a violencia.

16 días de activismo contra a violencia de xénero

Pola súa banda, a ONU lanzou a súa campaña anual de 16 días de activismo contra a violencia de xénero, que comeza o 25 de novembro e conclúe o 10 de decembro. ÚNETE! Activismo para poñer fin á violencia contra as mulleres e as nenas ten o obxectivo de mobilizar a todos os membros da sociedade para que se convertan en activistas e se solidaricen coa defensa dos dereitos das mulleres para conseguir un mundo libre de violencia de xénero.
Todas e todos podemos facer algo para empoderar ás afectadas, previr e reducir a violencia de xénero. Úneste?