Terceira edición de Gadis coas ONG

Fecha: Setembro 20, 2023

O pasado 14 de setembro celebramos a terceira edición de Gadis coas ONG, un foro no que se reuniron, por terceiro ano consecutivo, representantes de 200 ONG e entidades do terceiro sector. Nesta ocasión, o encontro tiña como finalidade afondar sobre os retos ambientais aos que se enfronta a sociedade. Así, desde Gadis, pretendiamos poñer o foco e dar visibilidade a proxectos que promoven a sustentabilidade, xeran conciencia sobre a importancia de preservar a contorna e contribúen a coidar o planeta desde diferentes perspectivas e ámbitos de actuación. O programa do evento deseñouse para crear un espazo de debate, aprendizaxe e intercambio de experiencias, que se desenvolveu de forma presencial e puido seguirse a través de streaming.
En Gadis sempre houbo un compromiso firme coas causas sociais, que se evidencia no apoio que, desde hai máis de 20 anos, prestamos a diferentes organizacións e na posta en marcha de todos os nosos proxectos de RSC. Este ano, a celebración de Gadis coas ONG pretendía contribuír á posta en valor do traballo das entidades sociais de Galicia e Castela e León, centrándose nos retos ambientais que afrontan estas organizacións. Queres saber máis sobre este foro? Segue a ler!

O papel do terceiro sector no coidado do medio ambiente

O terceiro sector é unha peza fundamental na construción da nosa sociedade e, nese sentido, o seu traballo desempeña un papel importante na consecución dunha sociedade máis xusta, cohesionada, sostible e capaz de garantir unha vida digna para todas as persoas. Por iso, a creación dun espazo de encontro para identificar os retos ambientais presentes e futuros pode contribuír a establecer posibles liñas estratéxicas e xerar alianzas que permitan mellorar a defensa e o coidado do medio ambiente.
Así o recolleu, na súa intervención de benvida ao foro, a directora de Marketing de GADISA Retail, Melisa Pagliaro. Ademais de agradecer a súa presenza, tamén quixo recoñecer o labor esencial que prestan as ONG e entidades ante os diversos desafíos globais, desde a convicción de que a sustentabilidade económica, social e ambiental é un valor fundamental no presente pero, sobre todo, para o futuro. Esa é tamén o aceno de identidade de GADISA, cuxo modelo de negocio sostible baséase na economía circular, mantendo o seu compromiso de xerar un impacto positivo na contorna.
Con estas premisas, abriuse o foro Gadis coas ONG, no que, a través de charlas, talleres e entrevistas, abordáronse algunhas claves sobre o papel das organizacións do terceiro sector para enfrontar os retos ambientais.

Gadis coas ONG

O programa da terceira edición de Gadis coas ONG iniciouse cun taller impartido por Daniel Fernández, en representación de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). O seu título (“Coidando o planeta, tamén desde as entidades sociais”) resumía á perfección a mensaxe que pretendía trasladar: todas as entidades, sexa cal for o seu propósito, deben de asumir como propio o reto de mellorar a protección ambiental.
A continuación, tivo lugar unha mesa redonda, que se articulou ao redor de tres dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados na Axenda 2030 de Nacións Unidas e na que participaron:
● Nazareth Díaz, coordinadora do programa Voz Natura, que abordou o ODS 4 (Educación de calidade) coa súa ponencia “A implicación da infancia na educación ambiental”, na que resaltou a importancia de sentar as bases da educación ambiental na infancia.
● Elena Guinarte, vicepresidenta da Sociedade Protectora de animais e prantas de Lugo, que abordou o ODS 15 (Vida de ecosistemas terrestres) coa súa ponencia “Obxectivos e manexo dunha protectora animal”. Expuxo a necesidade de introducir un enfoque desde o benestar animal e a defensa da natureza.
● Margarita Garrido, xerente da Fundación ADCOR, que abordou o ODS 12 (Produción e consumo responsables) coa súa ponencia “Dun residuo, un produto. Proxecto DLonas.” Esta iniciativa de economía circular na que colabora GADISA pretende concienciar sobre o prexudicial que resulta a cultura do refugable para o planeta. Persoas usuarias con discapacidade recuperan lonas publicitarias de PVC para darlles unha segunda oportunidade, converténdoas en bolsas e cadernos, fomentando a reciclaxe e a reutilización.
Con esta perspectiva multidisciplinar, desenvolveuse un debate no que se puxo en relevo a achega de cada proxecto para lograr un mundo máis sostible.

EVENTO GADIS CON LAS ONG
14-setembro-2023

Por último, charlamos con Isabel Fraga, xerente de Ahortas. Esta empresa de economía social auspiciada por Cáritas Santiago destinou parcelas ao cultivo ecolóxico, nas que traballan colectivos desfavorecidos para cultivar produtos directamente para a súa venda. Así, promoven un consumo xusto e responsable á vez que fomentan a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social.
Este evento foi a nosa maneira de visibilizar o papel decisivo que poden ter as organizacións do terceiro sector ao afrontar os retos ambientais. Con esta xornada, alcanzamos tres edicións dunha iniciativa que se consolida co ánimo de seguir a impulsar a colaboración das empresas co tecido asociativo e de poñer en valor o impacto positivo que orixinan na súa contorna desde diferentes áreas de intervención. Trátase dunha acción que forma parte do programa de RSC de GADISA Retail, co que desenvolvemos preto de 2.000 actuacións durante 2022.