Sete exercicios para empezar o día con enerxía

O verán é un bo momento para introducir novos hábitos saudables na túa rutina. Normalmente, tes máis tempo e o clima axuda a unha mellor disposición para a actividade física. Aínda que é certo que facer exercicio nada máis levantarte pode producirche certa preguiza, a enerxía que che achega para o resto do día axudarache a afianzar este novo costume. O teu corpo e a túa mente notarán os beneficios desde o primeiro día. Un pouco de forza de vontade para arrincar e, en pouco tempo, xa non entenderás como non o fixeches antes.

As tensións e o estrés aos que sometes o teu corpo pásanche factura e afectan tamén ao teu estado de ánimo. Por iso, é importante achegarlle unha boa dose de vitalidade nada máis comezar o día. En Gadis queremos propoñerche sete exercicios para que actives o teu corpo ao levantarte. Unha ducha e un almorzo saudable farán o resto. Anímaste a probar?

Por que exercicios matutinos?

Unha táboa de exercicios matutinos axuda a espertar o teu corpo, xa que se desentumecen os músculos e lubrica as articulacións tralas horas de sono. Pero, ademais, a activación matutina ten outros beneficios:

  • Mellora o funcionamento do sistema endócrino e os ritmos cardíacos.
  • Axúdache a estar máis esperto/a e mellora as túas capacidades cognitivas.
  • Apórtache enerxía para afrontar o día. Xa non che costará tanto estar más activo/a polas tardes e espertaraste con máis facilidade.
  • Alivia o estrés e reduce a sensación de fatiga. Axúdache a producir endorfinas para que o seu efecto se prolongue durante toda a xornada.
  • Pon en marcha o metabolismo e fará que queimes máis calorías ao longo do día.
  • Estimúlate para seguir unha dieta saudable, tomando alimentos que che fagan sentir ben.

Por iso, propoñémosche que realices estes exercicios con regularidade antes de almorzar. Non che levará moito tempo e axudarache a superar o día con moita vitalidade.

Sete exercicios para empezar o día con enerxía

Antes de empezar, queremos darche un par de consellos. Para comezar ben a rutina, é importante que realices uns estiramentos suaves na cama antes de levantarte. Este é o primeiro paso para activar o teu corpo. Adoitas consultar o móbil antes de poñer o pé fóra? Esquece ese costume! Mirar a pantalla do móbil na cama aumenta os niveis de tensións. Bebe un vaso de auga e xa estás listo/a para comezar coa táboa de exercicios.

1. Estiramento do gato.

Para facer o estiramento do gato, debes colocarte en posición de cuadrupedia e aliñar as mans cos ombreiros e os xeonllos coa cadeira. É importante que actives o abdome (apertando o embigo) e que manteñas recta a espiña dorsal, desde o sacro ata a cabeza. Ao inhalar (polo nariz), arquea a zona lumbar elevando a cabeza para favorecer unha maior extensión da columna vertebral. Ao exhalar (pola boca), arquea a columna vertebral activando moi forte a musculatura abdominal cara dentro e leva o queixelo ao peito para lograr unha maior flexión de columna. Mantén a posición uns 10 segundos e repite o estiramento cinco veces.

2. Rotación de cintura.

De pé, coas pernas abertas á altura das cadeiras, apoia as mans na cintura e rota a un lado e a outro con movementos suaves. Repite o exercicio cinco veces.

3. Prancha cos brazos estendidos.

Tómbate boca abaixo e apoia as mans e as puntas dos pés no chan. Estira os brazos e mantén as costas rectas e as pernas firmes. Contrae os glúteos e os ombreiros para mellorar a estabilidade. Conserva a posición durante o tempo que poidas, sen forzar porque é mellor facer máis repeticións. Aguanta a posición uns 30 segundos, descansa 10 e volve á posición de prancha. Repite o exercicio polo menos cinco veces. Se che molestan as bonecas, podes facela tamén cos cóbados apoiados.

4. Prancha en forma de triángulo.

Desde a posición de prancha cos brazos estendidos, inclina o torso cara atrás e levanta os glúteos lentamente, formando un triángulo. Sobe e baixa, conservando brazos e pernas estirados en todo momento, formando un triángulo antes de volver quedar de todo estirado/a. Repite o exercicio polo menos cinco veces.

5. Círculos completos de brazos.

De pé, cos pés separados á altura dos ombreiros, levanta e estende os brazos cara aos lados sen dobrar os cóbados. Xira lentamente os brazos cara adiante facendo círculos grandes. Cando fagas unha serie de cinco movementos, cambia a dirección e vira os brazos cara atrás outras cinco veces. É importante que controles o movemento para facer ben o exercicio.

6. Sentadillas.

De pé, coas pernas separadas un pouco máis que á altura das túas cadeiras, estira os brazos cara diante e imaxina que hai unha cadeira detrás e debes sentarte nela, pero levántaste no último momento. Os teus xeonllos deben formar un ángulo de 90 graos cada vez que baixes. Fai unha serie de 10 repeticións.

7. Exercicio de respiración.

Termina a rutina cun exercicio de respiración que aumentará o teu nivel de enerxía. É importante que o fagas amodo e con respiracións profundas para mellorar a osixenación celular. Senta cos xeonllos flexionados e as mans sobre o abdome. Baleira os pulmóns para eliminar o aire residual. Inspira profundamente, tratando de levar o aire cara ao abdome. Mantén a respiración entre tres e cinco segundos e exhala. Repite o exercicio cinco veces.

Sabemos que 15 minutos máis de sono son moi tentadores, pero facer exercicio pola mañá é un dos hábitos que terán un efecto positivo no teu corpo e na túa mente de maneira inmediata. Anímate e empeza a partir de mañá! Serán 15 minutos que che permitirán aguantar toda a xornada con moita enerxía.

Deja un comentario