MAGOSTO CREATIVO

Co outono chegan os atardeceres frescos e chuviosos. Nada mellor que unhas castañas asadas para combatelos. Xuntarse ao redor dunha lareira ou unha cociña Bilbaína é un soño moderno da tradición. Como reinventar un clásico para honrar aos nosos ancestros e divertir aos nosos sucesores?
Historia do magosto
O magosto é unha celebración orixinaria do norte de España e Portugal, especialmente de Galicia, Asturias e León. Orixinariamente era unha celebración pagá para festexar a colleita de castaña e degustar o viño novo. De carácter festivo e comunitario, co tempo cristianizouse e vinculouse a diversos santos. Por unha banda, temos o 1 de novembro, Todos os Santos, por outro, San Martiño, o 11 de novembro. Dabondo é coñecido o refrán de “a todo porco chégalle o seu San Martiño”. Converténdose esta festividade na matanza do porco. De calquera modo, entre o 1 e 11 de novembro vén a celebrar o cambio de ciclo agrícola, preparándonos para o inicio da tempada outono-inverno.

Manualidades con castañas
O bo dos bosques galegos, leóns, asturianos, zamoranos…é que están cheos de castiñeiros. Pasear por eles no outono significa camiñar sobre un manto castañas aínda dentro dos ourizos que as conteñen. Para estas tardes frías tras un paseo no que nos enchemos ben as arcas de castañas, velaquí unhas opcións. Se xa non queremos comer máis castañas asadas, os seguintes apartados poden darnos unha idea de que facer cos peques da casa.
Figuras con castañas
Para isto tan só necesitamos toda a imaxinación do mundo e teremos infinidade de opcións. Unha gran idea pode ser o xogo “isto parécese a un…” e hai que ir pasándollo, dicindo o primeiro que nos vinga á cabeza. A parte de axudarnos a ter máis espontaneidade e creatividade, teremos as risas aseguradas. Unha vez chegásemos á conclusión de que facer, poñámonos ao choio. Podemos crear cempés de castañas con patas e antenas de escarvadentes e ollos saltóns pegados con pistola de silicona. Quizais unha familia de ourizos? É un clásico, pero son tan monos! E que me dicides de convertelas en fichas dun tres en raia ou un Scrabble? Mirade esta decoración tan chula que nos propón este blogue.
Bixutería con castañas
Un colar de castañas é un clásico, pero un anel? unha pulseira? por que non! Para o anel tan só necesitamos un anel que teñamos en desuso. Un que teña algunha pedra ou adorno que queiramos cambiar. Necesitamos a pistola de silicona e unha castaña planiña por unha banda e redondiña polo outro. Sacamos o adorno que non nos guste, botamos un bo pegote de silicona e colocamos a castaña. Para a pulseira podemos usar o mesmo método, pero temos que deixar dúas castañas sen unir. Nelas, nos seus extremos unidos ao resto, poñerémoslle un fío ben amarrado con silicona. Cando queiramos poñela tan só debemos unir os cabos do fío ou corda fina. Se temos un cordón ancho, tamén podemos pegar as castañas a el, sen que queden apenas ocos e atalo directamente á boneca.

Crema de castañas
Non é unha manualidade, pero si unha xenialidade 😉 aos peques lles encanta axudarnos na cociña e é unha forma de compartir un tempo de calidade estupendo. Esta crema de castañas serviranos como untable, recheo de biscoitos e tartaletas e acompañamentos de carnes guisadas ou purés de patacas. É moi sinxela, tan só necesitamos:
• 2 kg de castañas
• 1 kg de azucre (se é morena, mellor que mellor).
• 2 vasos de auga.
• 1 vaina de vainilla.
• 1 rama de canela
• Cortiza de limón.
Facemos un corte a cada castaña e mergullámolas en auga fervendo uns 5 minutos. Escorremos e, con coidado de non queimarnos, pelámolas completamente. Agora cubrímolas con auga fría e levámolas a ebulición de novo outros 10-15 minutos ata que estean cocidas. Estano cando se esmagan facilmente cun garfo. As escorremos e esmagamos. Agora poñemos os dous vasos de auga coa canela, a vainilla, a cortiza e o azucre a lume forte uns 5 minutos, con coidado de non quedarnos sen auga (podémoslle engadir un pouco máis). Baixamos o lume ao mínimo, retiramos a vainilla, canela e cortiza e engadimos o puré de castañas. Mesturamos ben coa batedora e deixamos cocer a lume mínimo outros 10 minutos removendo a miúdo. Cando estea o suficientemente sólida como para non caer da culler, estará ao momento. Lista para usar cando queiramos! ah! E podemos conxelala ou conservala ao baleiro para que dure máis tempo en perfecto estado.
Que vos parecen estes plans para unha tarde chuviosa? ocórrensevos outras reinvencións dos clásicos?
 

Deja un comentario