Arte reciclado co que temos na casa

Seguro que, durante as últimas semanas, a imaxinación e a creatividade convertéronse nos teus grandes aliados. Quizá buscabas propostas de entretemento para os máis pequenos da casa ou talvez necesitabas dar renda solta á túa vea máis artística… Sexa como sexa, é unha opción perfecta para poñer en práctica a sustentabilidade mentres realizas unha actividade estimulante, á vez que a dotas dun compoñente educativo se a realizas en familia. Firmes na nosa aposta polas 7 Rs, en Gadis tratamos de seguir achegando ideas para dar unha segunda vida a eses materiais que tes en casa e que, doutra forma, acabarían no cubo dos desperdicios. Hoxe queremos que atopes a maneira de converter botellas de cristal, tapóns, lámpadas, bolsas de plástico e calquera outro residuo en pezas de arte reciclada. Xa oíches falar desta corrente?

‘Upcycled’ art ou arte reciclado

O upcycled art ou arte reciclado é un movemento artístico que xorde cunha mensaxe crítica sobre a cantidade de residuos que xera a sociedade actual. Coa creación de pezas a partir da reciclaxe e a reutilización de materiais, esta corrente pretende chamar a atención sobre a necesidade de combater a contaminación ambiental e adoptar hábitos de consumo responsable. Non só se trata de transformar residuos e darlles unha nova utilidade (suprarreciclaxe), senón que, mediante este proceso, os materiais empregados adquiren un novo valor económico, cultural e social.

Aínda que é certo que algúns artistas no século XX xa reutilizaran materiais para plasmar a súa arte, o obxectivo naquel momento non ía máis aló da propia creación da obra. Con todo, a arte reciclada nace como unha denuncia da degradación do planeta e introduce o concepto de sustentabilidade en todas as disciplinas da creación artística, desde a pintura e a escultura ata a alta costura. En ocasións, a obra transcende a límites da arte e do coidado do medio ambiente e convértese tamén nunha acción social. Tal é o caso, por exemplo, do proxecto Social Plastics do artista Gerhard Bär, quen comparte as técnicas que desenvolveu para o reaproveitamento do plástico na súa Alemaña natal con comunidades en vía de desenvolvemento doutros países.

Apúntaste á arte reciclada?

Sen ningunha dúbida, unha das principais vantaxes da arte reciclado é o aproveitamento e a extensión da vida útil dos materiais, contribuíndo á redución de residuos. Por iso, hoxe queremos convidarte a que deixes voar a túa imaxinación para que xurda algo creativo a partir do que teñas en casa e consigas, así, un novo obxecto que teña máis valor para ti. Non se trata de que te enfrontes aos mesmos retos que os artistas, senón de que atopes a maneira de dar utilidade a aqueles obxectos que, de non facelo, acabarían no coletor. Se na ecuación entran, ademais, os nenos e as nenas, pode converterse nunha ferramenta educativa moi interesante para falarlles das consecuencias dos nosos actos na contorna e da importancia das 7 Rs.

Como empezar? O primeiro que tes que facer é buscar en casa aqueles residuos (xornais, botellas de cristal ou de plástico, latas, lámpadas…) que teñan certo potencial para poder ser reutilizados. Se che gusta investigar, sempre podes dedicar tempo a explorar e experimentar cos materiais e as súas posibilidades. Pola contra, decídete por aquilo que teñas claro como manipular. Aquí che deixamos algunhas ideas para inspirarte. A túa imaxinación fará o resto 😉

Macetas con lámpadas usadas

Viches o bonitas que quedan as lámpadas de filamentos cando se usan como macetas? Non che parece unha boa maneira de dar uso a aquelas que se van fundindo en casa e que vas substituíndo por opcións máis ecolóxicas? Coas lámpadas, uns alicates e talvez un pouco de silicona quente ou un cordón de algodón poderás conseguilos:

  • Retira o casco da lámpada cos alicates. Quita a peza central de cor negra que está situada na parte superior do casco e dá golpes co alicate para romper a pequena peza de cristal que suxeita os filamentos. Has de facelo con moito coidado para non romper o resto da lámpada.
  • Unha vez rota esa peza, elimina todo o perímetro do círculo para quitar os posibles picos que puidesen quedar.
  • Como a peza romperá cara dentro, tes que sacar todos os restos do interior da lámpada. O mellor é poñela boca abaixo. Cando xa non quede nada, limpa o cristal da lámpada por dentro e por fóra cun algodón mollado en alcol.
  • Podes facer unha maceta colgante ou apoialo sobre algunha superficie. Para que quede en pé, terás que colocar tres gotas de silicona quente na parte superior da lámpada. Se non tes pistola de silicona, podes recorrer ás bágoas de silicona autoadhesivas. Se queres colgala, abonda con que enroles un cordón de algodón ao redor do casco.

Unha nova vida para as caixas de froitas

Foi época de amorodos e probablemente comprases máis dunha caixa, non é así? As caixas recicladas puxéronse de moda como elementos decorativos e tamén poden usarse para transportar cousas. Por exemplo, a vaixela para levar á mesa. Sabes que é moi sinxelo facer unha ao teu gusto? Só tes que limpala ben procurando non humedecela demasiado. Déixaa secar ben. Podes pintala e decorala ao teu gusto ou forrala por dentro con algún papel, por exemplo. Se vas usar papel, has de lixar a superficie para facilitar que se pegue. Podes usar cola en spray para pegar o papel. Que che parece usar revistas ou periódicos para decorala? Non esquezas utilizar algún produto fixador para protexer a superficie e evitar que se dane.

Un soporte para o móbil co cartón do papel hixiénico
Esta proposta é moi sinxela para realizar con nenos. Reúne uns cantos cartóns de papel hixiénico (polo menos un por móbil), washi tape e catro chinchetas alongadas por cada cartón. Realiza un corte no cartón de forma que o móbil poida encaixar nel antes de forralo coas cintas adhesivas. Unha vez forrado, coloca as chinchetas para que actúen como patas do soporte e listo!

Anímaste a iniciarte na arte reciclada ou xa es upcycler? Lograrás darlle unha nova vida a moitos dos obxectos que hai na túa casa con resultados sorprendentes.