25 N. Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

Cada 25 de novembro celébrase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, co que se pretende denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo, á vez que se reclaman medidas que contribúan á súa erradicación. A pesar de que esta conmemoración se iniciou de maneira “oficiosa” hai corenta anos co Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, a ONU non designou a data de maneira oficial ata 1999. Coa elección deste día de novembro, pretendíase lembrar ás tres activistas dominicanas (Patricia, Minerva e María Teresa Mirabal) que foron asasinadas, en 1960, baixo a ditadura de Rafael Trujillo Molina.
Por desgraza, a violencia contra as mulleres continua sendo un problema grave que se manifesta de distintas maneiras e en ámbitos moi diversos da sociedade. Por iso, dende Gadis, queremos sumar o noso gran de area á concienciación e sensibilización sobre o tema. Así, un ano máis, mantemos o noso apoio á acción En negro contra as violencias, que se impulsou hai seis anos dende distintos organismos e que foi crecendo coa incorporación de novos axentes cada ano e a extensión a moitos concellos. Queres saber máis? Segue lendo!

A violencia contra as mulleres

A Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, define a violencia contra a muller como «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter por resultado un dano ou sufrimento físico, psicolóxico ou sexual para as mulleres, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na privada». A violencia contra as mulleres e as nenas é unha das violacións máis xeneralizadas dos dereitos humanos e ten graves consecuencias físicas, económicas e psicolóxicas sobre as vítimas. Existen diversas formas de violencia contra a muller:
– Violencia contra mulleres e nenas no ámbito privado:
– Violencia económica
– Violencia psicolóxica
– Violencia emocional
– Violencia física
– Violencia sexual
– Feminicidio
– Asesinato por honor
– Violencia sexual
– Acoso sexual
– Violación
– Violación correctiva
– Cultura de la violación
– Trata de persoas
– Mutilación xenital femenina
– Matrimonio infantil
– Violencia en liña ou dixital
– Ciberacoso
– Sexteo o sexting
– Doxing

Sabías que case 1 de cada 3 mulleres sufriu abusos ao longo da súa vida? E que, delas, menos do 40% buscan algún tipo de axuda? Ademais, cada día, 137 mulleres son asasinadas por membros da súa propia familia. A violencia contra a muller é un problema global, que se viu agravado coa pandemia. E as cifras do noso país tamén son preocupantes. De acordo coa Macroenquisa de Violencia sobre a Muller de 2019, o 57,3 % das mulleres que viven en España sufriu algún tipo de violencia machista ao longo da súa vida (11,3 millóns): máis de 4 millóns padeceron violencia física; 2,8 millóns, violencia sexual e máis de 8 millóns aseguran ser vítima de acoso sexual.
O Informe Anual 2019-2020 da ONU MUJERES advirte do maior risco que enfrontan mulleres e nenas polo simple feito de selo. A desigualdade e a discriminación de xénero sitúaas nunha situación de vulnerabilidade que é necesario combater.

Combatir a violencia contra a muller. En negro contra as violencias.

É urxente frear a violencia contra a muller. Para iso, hai que analizar as causas a partir dun enfoque integral e inclusivo que fomente a transformación das normas sociais daniñas e empodere ás mulleres e ás nenas. Aínda que é certo que houbo avances lexislativos e na concienciación social, aínda segue sendo necesario lembrar o perigo que se cerne sobre as mulleres polo mero feito de selo.
Buscando combater a violencia contra a muller, en 2015, xurdiu En negro contra as violencias, unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que contou co impulso da Administración Local de Santiago de Compostela. Trátase dunha campaña activa todo o ano, pero, durante o mes de novembro, a súa actividade é máis intensa. Desde o seu inicio, buscou implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, xa que é importante ofrecer unha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e os asasinatos machistas. Unha das súas apostas con máis impacto é a que busca identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás das violencias de xénero. A través de material específico que se distribúe entre a cidadanía, as empresas, os establecementos comerciais e os axentes sociais lograron que a mensaxe penetre na sociedade. Nós non nos quedamos atrás e somos patrocinadores e colaboradores desta iniciativa desde os seus inicios.

 

Pinta o mundo de laranxa

Como parte da campaña de sensibilización sobre o tema, este ano, a ONU promove o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co lema «Pinta o mundo de laranxa: Poñamos fin á violencia contra as mulleres XA!» Por que de laranxa? Porque é a cor que utilizan nas súas campañas para representar un futuro máis brillante e libre de violencia contra as mulleres e as nenas. Ademais, do mesmo xeito que outros anos, tamén poñen en marcha a campaña Únete, coa que propoñen 16 días de activismo (entre o 25 de novembro e o 10 de decembro) para solicitar unha acción global que aumente a conciencia e impulse as actuacións contra este tipo de violencia.
E ti? Úneste ao rexeitamento da violencia contra as mulleres?