Máis de 7.000 alumnos de Infantil e Primaria participan nas visitas escolares, ALIMENTES

Máis de 7.000 alumnos de entre 3 e 12 anos da Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense, Valladolid e Ponferrada participarán na nova edición do programa educativo “ALIMENTES”de Supermercados Gadis e que ten como obxectivo promover hábitos saudables. As actividades incluídas estarán dirixidas a impulsar unha alimentación saudable e un estilo de vida activo, concienciar da importancia dun consumo responsable e evitar o desperdicio alimentario.
A iniciativa presentouse esta mañá durante a actividade que realizou un grupo de escolares que se beneficiarán do programa, no establecemento situado na rúa Rosalía de Castro, 58 (Vigo), onde estiveron acompañados polo director de Marketing de GADISA, Antonio Cortés Lobato, o delegado en Pontevedra, Pablo Louro, e o director de Comunicación, José Luís Fernández Astray.
As visitas aos supermercados terán lugar ata o mes de xuño, e están supervisadas por un educador que, de forma práctica e amena, orienta aos alumnos nos pasos que deben levar a cabo para elixir produtos saudables. Tamén se destacan outros detalles a ter en conta na cesta da compra, como datas de caducidade ou informacións das etiquetas.
A compañía aposta polas seccións de produto fresco, onde os escolares reciben numerosos consellos para diferenciar os distintos tipos de carne e peixe, entre outras recomendacións, para concienciar sobre a importancia de levar unha alimentación saudable e de facer un consumo responsable dos recursos.
O programa de visitas escolares desenvolverase en 8 cidades de Galicia e Castela e León, e se complementará nas aulas con material didáctico adaptado ao currículo oficial do segundo ciclo de Educación Infantil e de Educación Primaria de ambas comunidades. Ademais, cada neno participante na campaña poderá entrar no sorteo dunha bicicleta, unha tablet e unha cámara de fotos, que terá lugar en cada unha das localidades.
Esta proposta educativa enmárcase no programa de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA, que inclúe máis de 1.800 accións anuais, das que un 34% corresponden a fomentar os hábitos de alimentación saudable e a práctica de actividade deportiva.

Deja un comentario