Hai receitas clásicas que nunca pasan de moda, e este biscoito de iogur é unha delas. Esponxoso, sinxelo e con ese aroma tan característico da repostería caseira, é un doce que evoca os sabores de sempre. Unha receita tradicional que mantén toda a súa esencia, cun pequeno toque persoal: o uso de iogur grego para conseguir unha textura aínda máis cremosa. Nesta versión, o cacao e o limón únense para crear un fermoso efecto marmoreado, perfecto para gozar en calquera momento do día.
Nun bol amplo, mestura o iogur co azucre, a fariña, o fermento, os ovos, o aceite de xirasol e a reladura de limón.
Bate moi ben coa batedora ata obter unha crema homoxénea.
Prequenta o forno a 170 °C, con calor arriba e abaixo.
Unta o molde con manteiga.
Divide a masa en dúas partes e bota unha delas no molde.
Á outra parte engádelle o cacao, un chorriño de Oporto e mestura ben.
Verte a mestura de cacao formando un fío no centro.
Enforna durante 40 minutos ou ata que, ao introducir un escarvadentes, saia limpo. (Evita abrir o forno durante os primeiros 25 minutos para que o biscoito non perda volume)
Deixa arrefriar o biscoito antes de desmoldalo. Unha vez frío, espolvorea por riba unha chuvia de azucre glas e listo!