Cocemos nunha tarteira con auga, ou no micro, unhas 18 pataquiñas de gornición. Eu utilizo sempre o micro. Tárdanse só 9 minutos en telas moi brandiñas, están máis saborosas e absorben menos auga.
As patacas cocémolas ben lavadas e con pel, de forma que conserven todo o potasio da monda.
Cando aínda estean ben quentes, esmagámolas cun vaso groso ou cun prensaverduras. Hai que esmagalas o máis que poidamos para que non queden moi grosas pero evitando que rompan en anacos.
Coas patacas xa esmagadas, imos cubrindo o fondo e as paredes dun molde de forno desmontable. Salpementamos.
Regamos as patacas con spray de aceite e metemos no forno 10 minutos a 200º.Unha vez que retiramos do forno as patacas, colocamos sobre elas unha capa de espinacas frescas.
Enriba poñemos 5 ou 6 champiñóns Portobelo laminados de forma que cubran ben toda a base. Sobre os champiñóns, imos colocando, en círculos e de fóra cara a dentro, flores de brócoli cortadas en anacos algo máis pequenos.
Terminamos esparexendo os chícharos sobre todas as verduras.Xa só nos queda bater 5 ou 6 ovos grandes con 200 g de queixo de untar e uns 80 grs de queixo Grana Padano relado. Salpementamos a gusto, porque as verduras non levan nada de sal. Vertemos a mestura de ovos e os seus qyeuxis sibre a quiche e esparexemos unha capa fina de queixo relado sobre as verduras para evitar que se queimen.
Introducimos no forno a 190º durante unha media hora. Se vemos que se torra demasiado pero o ovo aínda non callou, tapamos a quiche con papel de aluminio.