Poucos pratos representan tan ben a esencia de Galicia como o lacón con grelos: unha receita sinxela, tradicional e cargada de sabor. O seu aroma, a súa textura e ese toque inconfundible dos grelos convérteno nun auténtico clásico da cociña galega. E o mellor é que, se logramos preparalo de forma auténtica pero en versión “exprés”, a experiencia vólvese aínda máis irresistible.
Limpamos os grelos e mondamos as patacas enteiras.
Retirámoslles o envoltorio aos 2 laconciños e poñémolos nunha cazola rápida. Enchemos con líquido ata onde nos permita a nosa cazola (eu usei 4 litros). IMPORTANTE: NON engadir nada de sal. De aquí, obteremos despois parte do caldo da sopa.
Unha vez que a cazola rápida alcance a temperatura máxima, terémola cocendo 60 minutos. Se os laconciños son moi grosos, igual fan falta 15 minutos máis. Noutra cazola normal, con auga, poñemos os grelos ben lavados, enriba, as patacas mondadas e enteiras e, sobre todo iso, os chourizos. Aquí so poñemos sal. Cocemos uns 35-40 minutos ata que a pataca estea branda pero non se desfaga.
Colocamos nunha fonte os dous laconciños, ao lado as patacas e os grelos. Sobre estes últimos colocamos os chourizos.
Mesturando os caldos das dúas cazolas, faremos a non menos saborosa e reconfortante sopa de lacón con grelos. Só temos que poñer os dous caldos nunha pota máis pequena e engadir o que máis nos guste. Poden ser uns simples fideos, ou, se preferides a versión da miña casa, no caldo teredes que cocer tapioca e engadir, ao final, uns ovos cocidos e picados.Eu, o que adoito facer é arrefriar na neveira o caldo de lacón e así poder retirarlle moito máis facilmente a capa de graxa.A única dificultade desta receita é que se manchan 3 cazolas, pero de verdade que compensa...