Estas galletas de cabaza son a miña versión das que me namoraron no perfil de Instagram de @belencasalphoto Se sodes coma min, a repostería non é o voso, animádevos con esta receita que é unha verdadeira delicia, propia desta temporada onde as cabazas están e aparecen por todas as partes. Estas galletas de cabaza, máis ca unha receita de repostería, son unha receita de cociña, pero de cociña doce.Nesta receita, ao contrario do que sucede nas de repostería, un mínimo erro de orde, de cantidades, ou de tempo, non arruinará a vosa reputación como cociñeiros. Vaia, que sempre saen ben e, por se non volo dixen, están riquísimas.
Cortamos a cabaza do tipo que sexa en sentido lonxitudinal. Con media cabaza cacahuete, xa chega. Eu fixen máis e conxelei a polpa para futuras elaboracións.
Asamos a calabaza cortada coa pel para abaixo e sen nada (nin aceite, nin sal, nin azucre). Asámola ata que, picando nela, vexamos que a polpa está brandiña. Eu tívena a 200º case 1 hora porque a miña cabaza era grande.
Sacamos a cabaza do forno e cunha culler retiramos as pebidas e mais os peliños centrais. Despois, coa culler retiramos a polpa e reservámola.
Preparado masa galletas
Collemos 2 recipientes para facer a mestura de ingredientes secos e húmidos por separado. Unha vez mesturado todo, engadimos os chips de chocolate (125 g) e mais as noces en anacos (125 g) e volvemos mesturar todo moi ben.
No recipiente de secos mesturamos: a fariña peneirada (280 g) + os pos para o forno (8 g) + a canela (1 cullerada rasa) + a noz moscada en po (1/2 culleradiña)+ sal (1 chisco).
No recipiente de húmidos: a cabaza asada (240 g) + azucre (200 g) + manteiga derretida (120 g) + 1 ovo + extracto de vainilla (1 cullerada).
Unha vez que estean ben mesturados os ingredientes dos dous recipientes, imos incorporando os secos aos húmidos. É importante facelo en varias veces e non de golpe. Creo que eu o fixen en 5 veces. Ata que se integre todo e desapareza a fariña non deberiades engadir a seguinte dose de secos en húmidos.
Enfornado
Colocamos un papel de forno sobre a bandexa do forno e formamos as galletas cun dosificador ou con 2 culleres. Non teñen que estar moi separadas porque non se espallan moito.
Con esta masa, a min saíronme 15 galletas grandes. Podedes poñer 9 nunha bandexa e o resto noutra. Meter no forno a 180º durante 17 minutos.
Antes de meter no forno, podedes colocar unha noz enteira sobre cada galleta.
Presentación
Deixade arrefriar e encomendádevos ao voso santo de cabeceira, serán dúas accións necesarias para non empachar con estas galletas de cabaza.