Estes tomates en ensalada diferente, son precisamente iso: uns tomates en formato ensalada pero bastante distinta ás que adoitamos tomar.Hai nela unha lixeira mestura de doce e salgado que eu creo que é o que a fai tan rica e tan peculiar. Así que esta receita, é unha idea estupenda de entrante ou de cea coa que poderedes sorprender a quen queirades ou, sen ir máis lonxe, sorprendervos a vós mesmos.
Nunha boa turmix trituramos o medio mango con aceite virxe, vinagre do voso gusto, sal, pementa e, se vos apetece, cunha puntiña de mostaza. Tennos que quedar unha salsiña medio espesa. Reservamos.
Lavamos, mondamos e cortamos os tomates en rodas.
TRUCO 1: Mondar os tomates (cun mondador adecuado para iso) é moi doado e dálle un plus de finura a calquera prato que fagades con tomate cru.
TRUCO 2: Salgamos as rodas de tomate e deixámolas repousar unha media hora nun coador ou reixa para que solten parte da súa auga e intensifiquen o seu sabor.
No fondo dun prato ou fonte colocamos as rodas de tomate. No centro, dispoñemos a burrata e abrímola sobre a base dos tomates. Regamos co aceite das anchoas.
Colocamos as anchoas por enriba.
Adubamos coa vinagreta de mango e terminamos o prato cos pistachos picados.
Notas
É opcional, pero paga a pena. Deixar os tomates 30 minutos con sal para que perdan líquido e estean máis saborosos