Gadis Recetas

receita

Hai unha receita para cada momento e en Gadis queremos compartilas todas contigo.

Imagen18

Tomates recheos de salmón fresco. Moi FÁCIL.

O verán empúrranos a pasar menos tempo na cociña sen renunciar a comer rico e san; así que esta preparación de hoxe resulta ideal e co recheo que vos propoño teredes un prato espectacular que poderedes deixar preparado con antelación. Precisamos, iso si, buscar tomates grandotes, carnosos e no seu punto xusto de madureza. Non poden estar verdes pero tampouco moi maduros.
Para gozar destes riquísimos tomates só necesitaredes media hora; quizais o que máis tempo vos leve sexa cocer o arroz e cóntovos que eu, cando cozo arroz, sempre poño un pouco de máis para que me sobre e conxelalo. Ter un pouco de arroz conxelado solucióname organizar rapidamente unha ensalada ou encher uns tomates coma estes de hoxe. De todas as maneiras, xa sabedes que o arroz podédelo facer no microondas en case nada de tempo. Outra opción xenial é mercar eses vasiños de arroz brillante que veñen con indicacións para cociñar un minuto en microondas.
Os tomates recheos son un clásico que facía a miúdo miña nai no verán e que seguín repetindo con diferentes recheos. Quedan estupendos e tanto nos amaña un entrante coma unha cea estupenda.
Varío os recheos para non aburrir; así que o outro día cando vin en GADIS o magnífico salmón fresco do mostrador de peixaría tiven claro cal sería o próximo recheo dos meus tomates.
Autor/a: Gadis
Imprimir receita
Racións 4 persoas

Ingredientes
  

  • 4 tomates de tamaño similar carnosos e no punto xusto de madureza
  • 4 culleradas de arroz cocido. Podes usar ARROZ BASMATI en vasiño; cocíñase 1 minuto en microondas e é moi cómodo.
  • 2 culleradas de polpa de tomate cortada moi miúda
  • 2 culleradas de aguacate picado miúdo e regado con zume de limón
  • 180 g de salmón fresco
  • Sal
  • Aceite de oliva virxe extra

Maonesa de aguacate

  • 4 culleradas sopeiras de maonesa
  • 3/4 partes de aguacate
  • Sal
  • Zume de 1/2 limón

Para decorar e acompañar

  • 4 olivas negras
  • Cóengos
  • Aceite de oliva virxe extra

Elaboración paso a paso
 

  • En primeiro lugar, poñer no vaso do batedor ¾ parte do aguacate en anacos, o zume de limón e a maonesa, sal e triturar para mesturar ben. Reservar.
  • Fritir o salmón nunha tixola ou prancha cunhas gotas de aceite e cunhas areas de sal, volta e volta. Unha vez feito, deixa temperar un pouco e esmigallar desbotando as espiñas.
  • Lavar os tomates, pelalos, cortar unha fina roda superior (que utilizaremos noutra preparación) e axudándonos dun coiteliño iremos cortando con moito coidado parte da polpa interior que pasaremos a un prato. Desa polpa separaremos 2 culleradas sopeiras para o recheo e o resto gardarémolo para outra preparación.
  • Engadir sal dentro dos tomates, regar cun fío de aceite de oliva e colocalos nunha fonte de servir cuberta coas herbas dos cóengos salpementadas.
  • Poñer nun bol os ingredientes do recheo, engadimos sal e mesturamos ben
  • Encher os tomates xa colocados na fonte, cubrir cunha cullerada xenerosa de maonesa de aguacate e coroar cunha oliva negra.
  • Refrixerar ata o momento de servir. Retirar da neveira un anaco antes de levar á mesa para que perdan o frío da neveira.

Notas

Cóengos: Lavámolos, escorrémolos, poñémolos como "cama" na fonte onde imos poñer os tomates, engadimos sal e regamos con aceite de oliva (eu non lle poño vinagre, pero a gusto).

VOLVER