O boom dos podcast. Cinco recomendacións de podcast en español.

Fecha: Setembro 30, 2022

Desde o ano 2014, o 30 de setembro celébrase o Día Internacional do Podcast, un formato que pode parecer de creación recente, pero o certo é que leva dúas décadas entre nós. Hai pouco máis dun lustro, o podcast era unha proposta marxinal e pouco coñecida no noso país. Con todo, a partir de 2017 e, sobre todo, por mor da pandemia, converteuse nun boom que aglutina a todo tipo de oíntes e abarca calquera temática. Nos últimos anos, o volume de podcast tivo un crecemento exponencial, tanto a nivel de creadores como de oíntes. De acordo cos datos do II informe do Observatorio ivoox sobre o estado do podcast en español, durante 2022, o público duplicou o tempo de escoita de podcast e agora inviste 9,5 horas á semana. Ademais, o 50,31% dos oíntes afirma escoitar máis podcasts que o ano pasado. Sabes cales son os temas máis populares en España? Parece que existe certa predilección polo contido relacionado con historia, misterio, política e economía, humor e fútbol, e por programas de charlas, entrevistas, narrativos e documentais. En Gadis, queremos conmemorar esta data contándoche algúns detalles sobre esta revolución e recomendándoche algúns podcast en español. Es fan deste formato? Segue lendo!

Que é un podcast?

O termo ‘podcast’ foi acuñado por primeira vez en 2004 por Ben Hammersley, xornalista de The Guardian, e utilízase para referirse ao contido de audio emitido como un arquivo multimedia totalmente dixital sen necesidade de frecuencia radiofónica. Adoitan distribuírse a través de plataformas como Spotify, ivoox, Apple Podcasts, etc., nas que as persoas usuarias poden escoitalos en liña ou descargalos.

O boom dos podcast

Hai quen pensaba que o fenómeno podcast podería ser flor dun día, do mesmo xeito que sucedeu co auxe sen precedentes que gozaron as plataformas de streaming durante os primeiros meses de pandemia. Con todo, mentres a televisión volveu a índices anteriores (ou mesmo por baixo), o consumo de audio en liña continuou crecendo e consolidouse como unha fonte de entretemento e de información. Segundo datos do estudo de Spotify de 2021, un 51% dos españois xa consome podcasts e un 33% está fidelizado ao formato.
En España, recorremos ao podcast por diversos motivos: para relaxarnos e desconectar, para estar informados e manternos ao día sobre os temas que nos interesan, e para aprender cousas novas. Unha das vantaxes deste formato é que pode escoitarse en calquera lugar. Só se necesita un dispositivo de reprodución e uns auriculares. Co móbil como un apéndice do noso corpo, é sinxelo, non crees? 😉

Segundo un estudo de VoxNest, España é o país que máis podcasts escoita do mundo e identificáronse tres perfís de oíntes:
– O que non ten tempo e opta por propostas cuxos episodios sexan curtos, adicando un máximo de 20 minutos á escoita (63%).
– O namorado dos podcast, que opta por capítulos máis longos e adica ata 40 minutos á escoita (31%).
– O fan incondicional, que pode superar a hora seguida de escoita (6%).
Así mesmo, os datos revelan que cada vez máis mulleres forman parte da audiencia deste formato, pero tamén do grupo de profesionais que se adican á creación de contidos de audio. De feito, este auxe feminino reflíctese tamén nos ranking de escoitas no noso país con producións como Estirando el chicle de Carolina Iglesias e Vitoria Martín ou El podcast de Marián Rojas Estapé liderando esas listas.

Cinco recomendacións de podcast en español

Nas nosas recomendacións, buscamos dar cabida a todo tipo de oíntes e intereses. Esperamos que che gusten.

 

1. Participantes para un delirio

O podcast da artista Cocó Dávez naceu coa idea de “conxelar para sempre” as conversacións e intres que pasa con xente á que admira. En episodios de máis dunha hora de duración (sempre podes escoitalos por etapas), charla con escritores, deportistas, actrices, cantantes… Perfís moi variados cos que senta cada mércores para falar sobre como ven o mundo, os seus libros favoritos e moitos outros temas. Podes escoitalo enSpotify, Apple Podcasts ou ivoox.

2. Entiende tu mente

Cada semana, Molo Cebrián, Luís Muiño e Mónica González publican un novo capítulo, que non adoita superar os 20 minutos de duración, no que afondan en temas moi variados co único propósito de coñecernos mellor a nós mesmos. Dispoñible na web Entiende tu mente e en Spotify.

3. El podcast de Cristina Mitre

A xornalista e escritora Cristina Mitre publica todos os domingos unha nova entrega de máis dunha hora de duración nas que entrevista a persoas expertas en diversos ámbitos: cosmética, nutrición, fitness e benestar, medicina, etc. Podes escoitalo en Spotify, Apple Podcasts ou ivoox.

4. La historia es ayer

Con episodios de entre 30 e 40 minutos de duración, o arqueólogo Alfredo González Ruibal mergúllase nunha viaxe ao máis profundo da condición humana. Descubrirás, por exemplo, como un ladrillo do século 16 adiantouse a Ikea e como o VHS foi o precursor de Netflix. Unha forma amena de descubrir e aprender cousas. Dispoñible en Spotify, Apple Podcast ou ivoox.

5. TED en español

O podcast oficial da organización de medios TED ofrece entrevistas e análises moi interesantes sobre a actualidade en todo o mundo, así como reflexións e opinións de persoas expertas en diferentes ámbitos cunha duración que non adoita superar os 15 minutos. Escóitao en Spotify, Apple Podcasts ou ivoox.

Xa escoitabas algún destes programas? Feliz Día Internacional do Podcast!