Maio solidario

Fecha: Maio 4, 2023

Un ano máis Maio Solidario xa está en marcha! A undécima edición desta campaña solidaria, coa que Gadis reforza o seu apoio ao traballo dos Bancos de Alimentos, comezou esta semana. A recollida de alimentos está a desenvolverse en 204 supermercados de Galicia e Castela e León. Así, entre o 2 e o 28 de maio, atoparás puntos de recollida sinalizados nas nosas tendas para depositar produtos non perecedoiros e, do mesmo xeito que nas últimas edicións, tamén poderás realizar unha doazón directamente en caixa. Todo o recadado irá destinado aos 11 Bancos de Alimentos cos que colaboramos de maneira habitual: A Coruña, Ferrol, Santiago (Balrial), Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora.
Esta iniciativa ten como obxectivo apoiar o traballo que realizan os Bancos de Alimentos, cuxos retos alcanzaron unha nova dimensión nestes últimos anos. Durante este tempo, Gadis foi intensificando a súa axenda de accións de carácter solidario, sumando novas propostas ás iniciativas que xa viñamos desenvolvendo. Os Bancos de Alimentos son unha das entidades que están sometidas a unha presión sen precedentes e, por iso, para promover o seu impacto positivo na nosa contorna, continuamos co noso compromiso solidario. Queres saber máis sobre Maio solidario e a edición deste ano? Segue a ler!

 

Por que impulsamos Maio solidario?

Este ano, Maio solidario celébrase por undécimo ano consecutivo. Ao longo deste tempo, converteuse nunha das citas máis importantes do ano para o noso equipo. Pero isto non sería posible sen a inestimable xenerosidade e confianza da nosa clientela, a implicación das persoas que traballan connosco e, por suposto, o gran labor que realizan os bancos de alimentos. Estas organizacións prestan axuda de maneira habitual a máis de 800 entidades sociais que atenden a máis de 100.000 persoas. Ata o de agora, o esforzo e a solidariedade mostrados en campañas anteriores permitíronnos entregar máis de 1,3 millóns de quilogramos de alimentos non perecedoiros, ademais da recadación económica que, co recibido nas campañas de 2021 e 2022, sumou case 130.000 €.
Pero Maio solidario é moito máis que unha campaña anual de recollida de alimentos. Esta iniciativa alíñase cos obxectivos recollidos no noso plan de Responsabilidade corporativa para responder a algúns dos grandes retos que expón a necesidade de apostar por un desenvolvemento sostible. Entre as súas motivacións sociais, atópanse a consecución dos dous primeiros Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030:
ODS 1. Fin da pobreza.
ODS 2. Fame cero.

 

A erradicación da pobreza en todas as súas formas segue a ser un dos principais desafíos. De acordo con EAPN (European AntiPoverty Network) e a taxa de risco de pobreza ou exclusión social AROPE, en 2022, España reduciu a porcentaxe de persoas que se atopaban ao bordo da pobreza ou a exclusión con respecto ao ano anterior. Un 26% da súa poboación, 12,3 millóns de persoas, están nesa situación. Se desagregamos os datos por sexo, un 27,2% de mulleres e un 24,8 % de homes forman parte dese grupo. A pesar da mellora, séguese mantendo a fenda de xénero e aumentou a vulnerabilidade entre a poboación maior de 65 anos. Por tanto, estes datos seguen dificultando a consecución do segundo ODS, Fame Cero antes do 2030.
Os últimos datos do informe sobre o estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo (SOFI) das Nacións Unidas ratifican o crecemento paulatino de fame no mundo que se vén observando desde 2015. Ao redor de 828 millóns de persoas padecen fame no mundo e uns 250 millóns atópanse ao límite. Segundo as estimacións de Nacións Unidas, preto de 670 millóns de persoas seguirán padecendo fame en 2030, é dicir, o 8% da poboación mundial, igual que en 2015, cando se puxo en marcha a Axenda 2030.
A campaña Maio Solidario forma parte da nosa axenda de actividades para contribuír a mitigar as consecuencias das crises ás que nos estamos enfrontando. Pero traballamos tamén noutras vertentes importantes como a concienciación. Un terzo dos alimentos que se producen a nivel mundial acaba no lixo e hai que evitalo! Para iso, temos que fomentar a responsabilidade individual e atopar fórmulas que contribúan á redución do desperdicio alimentario, unha realidade que ten implicacións ambientais, pero tamén éticas, e da que non podemos desentendernos.

Participa en Maio Solidario!

A campaña Maio Solidario mostra a importancia de establecer colaboracións coas entidades sociais que atenden e dan apoio a diario a miles de persoas. Con esta iniciativa, establecemos unha alianza cos Bancos de Alimentos de Galicia e Castela e León para contribuír a que logren o abastecemento necesario que lles permita seguir cooperando con asociacións e organizacións non gobernamentais da contorna. É a nosa maneira de participar na consecución dos ODS a través de quen, en definitiva, coñecen de primeira man as necesidades reais de cada colectivo e poden cubrilas de maneira máis efectiva.
Se queres participar na campaña, podes facelo mediante a doazón de alimentos non perecedoiros nos puntos habilitados nas nosas tendas ou realizando unha achega económica ao pasar por caixa. Para a doazón de produtos, pensa nas necesidades básicas do día a día dunha familia. Os máis demandados son leite, aceite, legumes, arroz, pasta e conservas. Esperámosche!