Voluntariado ambiental, un bo plan para verán.

Xa case podemos celebrar o solsticio de verán. O 21 de xuño, cando os raios solares caian verticalmente sobre o trópico de Cancro, poderemos dicir que estamos no verán no hemisferio norte! 😊

Vacacións, sol, praia, bos intres coas nosas amizades, lecer e tempo libre. Pero hai veces que non sabemos moi ben que facer con el, sobre todo entre os máis novos. Por iso unha opción moi recomendable é participar nalgunha actividade de voluntariado ambiental. Non sabes o que é? Aquí contámoscho.

Que é o voluntariado?

Existen diferentes formas de definir o voluntariado. Unha das que máis nos gusta é a que considera que é unha maneira de demostrar solidariedade organizada, unha intervención da comunidade na resolución dos seus problemas. É unha forma voluntaria de axuda social que se basea en ofrecer dunha forma altruísta un traballo que sexa necesario para unha causa ou unha organización en concreto. O voluntariado é unha chamada expresa á responsabilidade e implicación da cidadanía no desenvolvemento comunitario; ou o que é o mesmo, unha ferramenta que nos facilita o poder participar de forma activa en transformar a realidade que nos rodea.

Existen diferentes dimensións do voluntariado, entre elas:

Voluntariado local: en moitos pobos e cidades os concellos organizan actividades de voluntariado para cooperar en actuacións programadas de desenvolvemento local. Tamén existen pequenas asociacións ou entidades locais como, por exemplo, os bancos de alimentos onde sempre é ben recibida a axuda dunha man amiga.
Voluntariado internacional: é o caso dos programas postos en marcha por ONGs para colaborar en países en vías en desenvolvemento. Aínda que nalgunhas ocasións este tipo de programas busca un perfil determinado de persoas, non dubides en consultar as diferentes alternativas existentes en entidades como Cruz Vermella, ACNUR, Intermón-Oxfam, etc. Tamén podes buscar organizacións locais nos países que che interesen.
Voluntariado corporativo: é aquel onde a actividade voluntaria é impulsada polas empresas. Parece algo realmente novo pero un estudo do Observatorio de Voluntariado Corporativo afirma que reflicte que o 57% das empresas españolas con máis de 500 empregados levan a cabo voluntariado corporativo, e máis do 60% das empresas ten interese en incorporalo nos próximos anos.
Voluntariado puntual: en moitas ocasións as organizacións necesitan apoio para actividades concretas como pode ser unhas xornadas de descanso para familias coidadoras. Se es socio dalgunha entidade de iniciativa social non dubides en preguntar por este tipo de voluntariado!

O voluntariado ambiental

O voluntariado ambiental é aquel que realiza actividades dirixidas á conservación da natureza. Actividades como a limpeza de ríos e praias, plantacións forestais, conservación da contorna, estudo da biodiversidade, son algunhas das diferentes opcións que existen.
O voluntariado ambiental pódese realizar a través de organizacións privadas como SEO BirdLife cos seus programas de coidado de aves, WWF España en proxectos de conservación, Greenpeace España, ou de organismos públicos. Entidades como a Fundación Biodiversidade ou o Organismo Autónomo de Parques Nacionais teñen en marcha proxectos de voluntariado:

Programa de voluntariado ambiental en praias e ríos. Fundación Biodiversidade.
Programa de voluntariado xuvenil en espazos naturais. Xunta de Galicia
Programa de voluntariado ambiental en espazos naturais de Castela e León. Fundación Patrimonio Natural de Castela e León

En Galicia entidades como Amigos da Terra, ADEGA, Grupo Naturalista Hábitat ou a Asociación Galega pola Custodia do Territorio teñen en marcha diferentes opcións para realizar voluntariado ambiental con eles.

5 consellos para empezar a túa aventura como voluntaria/o

1. Se consciente de todo o que realmente podes ofrecer e cales son as necesidades reais das entidades. O ideal é que exista un equilibrio entre o que podes achegar e o que a entidade necesita, para que sexa unha relación gañar-gañar. Tamén é necesario ter claro de canto tempo dispós e cal vai ser o teu nivel de implicación para non sentirse excedido pola situación.
2. Ten mente aberta. Dependendo da realidade á que che enfrontes é posible que sexa totalmente distinta ao xa coñecido. Nada mellor que apagar os teus xuízos e gozar da experiencia de inmersión sen barreiras.
3. Fai unha lista de tarefas. Fai un pouco de investigación e aprende algo máis sobre a contorna sobre o cal ides intervir, os métodos de traballos, as razóns que motivan esas operacións…
4. Mantén a proactividade. En moitos casos estas organizacións non teñen persoal suficiente como para realizar unha xestión inmediata das necesidades das persoas voluntarias. Así que non te desesperes se tardan uns días en contestar o teu email, non che devolven a chamada pendente, non desesperes, se paciente, pero demostra que o teu interese é verdadeiro.
5. Goza, reláxache e aprende moito! O voluntariado é unha das mellores escolas informais da vida. Desenvolves multitude de capacidades que che servirán para o resto da túa vida. Ademais, é un lugar idóneo para coñecer persoas afíns coas que compartir a experiencia e facer amigas e amigos para sempre!

Convencémosche? Esperamos noticias túas para contándonos todo sobre o teu voluntariado ambiental. Non te esquezas en deixárnolas nos comentarios!

Bibliografía

Deputación Foral de Bizkaia (2006). Voluntariado: botar unha man.

Deja un comentario