Receitas saudables para entroido

Achégase o Entroido, unha celebración na que a gastronomía é un dos elementos principais. Entre os seus pratos tradicionais, non adoitan faltar o cocido, as filloas e as orellas no entroido galego, e as orejuelas, as tellas, as flores, os huesillos e as perrunillas no de Castela e León. Pratos abundantes e suculentos e infinidade de doces que parecen poñer a proba a túa dieta durante uns días. Con este panorama, falar de pratos saudables parece unha quimera, pero desde Gadis queremos axudarche a que goces do entroido de maneira saudable sen que, por iso, fagas sufrir ao teu padal. Aquí che propoñemos algunhas receitas para conseguilo. Tamén podes volver ler o post do ano pasado con tips sobre como gozar dun entroido saudable.

Catro receitas saudables para entroido

Sabemos que é difícil renunciar ás tradicións porque os sabores evocan recordos e quizais che resulte difícil imaxinar un entroido sen filloas, por exemplo. Ese é o motivo polo que incluímos na nosa selección algunha das receitas tradicionais ás que lle demos unha volta para que sexa máis saudable. E que che parece se pensamos tamén na cociña de aproveitamento para achegar un toque sostible á túa mesa de entroido? Ofrecémosche catro receitas saudables de entroido, salgadas e doces. Alá imos!

Garavanzos con repolo ou grelos

Alguén da familia resístese a pasar o entroido sen cocido, pero ti queres un menú máis saudable? Non hai problema! Podes aproveitar os restos para preparar un prato máis lixeiro e tamén sostible.

Ingredientes:

  • Garavanzos do cocido
  • Repolo ou grelos do cocido
  • Aceite de oliva
  • 1/2 cebola pequena
  • 2 dentes allo
  • 1 culler pequena de pemento

Preparación:

  • Pica a cebola e o allo e dóuraos nunha tixola con aceite.
  • Separa e escorre os garavanzos do cocido e engádeos á tixola.
  • Mentres se quenta todo, engade unha culler de pemento e remove.
  • Por último, engade o repolo ou os grelos e remove antes de retirar do lume.

Tumbiñas de sardiña

Unha das tradicións típicas do entroido é pechalo co enterro da sardiña, onde as persoas que participan disfrázanse, acicálanse, choran a don Carnal e pasean un cadaleito cunha sardiña. En ocasións, este cadaleito é unha figura que se queima e simboliza o fin desta época do ano. Propoñémosvos unha receita cómica e saudable, a medio camiño entre as empanadas abertas de Cedeira, que se adoitan preparar de raia, e a empanada tradicional galega. Esta receita, ademais de deliciosa, será unha nota divertida para pechar o entroido.

Ingredientes para a masa:

  • 600 g. de fariña de forza de trigo
  • 10 culleradas de aceite de oliva virxe extra ou aceite do sofrito
  • 40 g. de fermento fresco
  • 200 ml. de auga morna
  • Sal

Ingredientes para o recheo:

  • Tres cebolas
  • Un pemento vermello
  • Dous dentes de allo
  • Aceite de oliva virxe extra
  • Latas de sardiñas ou xoubas en aceite de oliva. Nesta época do ano as sardiñas non están en tempada, pero unha opción saudable e sostible son as que veñen en latas de conserva.

Preparación:

  • Para preparar a masa, nun cunco pon parte da fariña, fai un oco.
  • Disolve o fermento na auga morna e verte no cunco anterior.
  • Remove cunha culler de madeira e engade o aceite e dous chiscos de sal.
  • Amasa coas mans e pasaa ao mesado. Amasa 15 minutos, deixa repousar e volve amasar dúas veces. Antes de usala deixaa repousar unha hora.
  • Para o recheo, pica a cebola, o allo e o pemento e pochao en abundante aceite durante un mínimo de media hora.
  • Corta bólas pequenas de masa, estiraas e colocaas en moldes rectangulares pequenos.
  • Cubre cun par de culleradas de recheo e encima coloca dous ou tres sardiñas ou xoubas. Deixaa sen tapa. Continúa co resto dos moldes.
  • Prequenta o forno e introduce os moldes durante 20-30 minutos.

Filloas

Entrouche un capricho de filloas? Non sufras! Podes optar por unha versión máis lixeira que a orixinal e elixir froitas ou verduras para acompañalas. Convénceche a idea?

Ingredientes:

  • 200 g. fariña (se elixes unha fariña integral, o prato será máis saudable)
  • 5-6 ovos
  • 2 vasos leite
  • Aceite de oliva

Preparación:

  • Nun cunco, pon a fariña, os ovos e o leite e mestura ben todos os ingredientes ata que quede unha crema bastante líquida.
  • Unta unha tixola (canto máis baixos sexan os bordes, será máis fácil facelas) co aceite de oliva e pona ao lume para que se quente ben. Verte a pasta que preparaches cunha culler ou un cullerón, de forma que se estenda ben sobre o fondo da tixola. O ideal é que a filloa quede moi fina.
  • Cando os bordes estean dourados, dálle a volta colléndoa cos dedos e cun movemento rápido. Déixaa un pouco máis para que se faga polo outro lado e retíraa. Repite este paso ata terminar a masa.
  • As filloas admiten acompañamento doce ou salgado. Recomendámosche que elixas as froitas ou as verduras que máis che gusten para facer un prato delicioso e saudable. Se prefires tomalas soas, podes optar por un edulcorante natural e preparar unha pasta de dátiles para engadir á masa

Pancakes de améndoas

Os pancakes ou tortiñas poden considerarse unha versión algo máis grosa que as filloas. Nesta receita, apostamos pola fariña de améndoa porque é un sabor que está presente en moitas das sobremesas típicas de entroido.

Ingredientes:

  • 170 g. fariña de améndoa (améndoa moída)
  • 80 g. Maicena
  • 400 ml. de leite de coco
  • Sal

Preparación:

  • Nun cunco, mestura a fariña de améndoa coa maicena e o leite de coco ata que quede unha masa fina.
  • Pon unha tixola para quentar cunhas pingas de aceite. Cando estea quente, verte a masa cun cullerón e deixa que se doure uns minutos antes de darlle a volta.
  • Podes acompañalas con algo doce ou salgado ou elixir ambos e facer un menú completo con estes pancakes.

Como ves, é posible gozar dun entroido máis saudable sen renunciar aos sabores típicos dos seus pratos salgados e doces. Todo é cuestión de imaxinación e de substituír algúns alimentos e a súa forma de preparación. Anímaste a probar?

Deja un comentario