Receitas para a tempada de outono

E case sen darnos conta xa estamos aquí no outono!. Atrás quedan as vacacións e xa estamos plenamente de volta á rutina. Traballo, estudos, colexios…en realidade é a época de comezar de novo, para todas as idades!

Tempada de outono

Moitas persoas sentirán alivio de pasar a calor intensa. Parece que ata se agradece taparnos un pouquiño. Está claro que non quereriamos tanto ao verán se non fóra polo seu primos outono, inverno e primavera. Gozar de cada estación é un gozo para os sentidos.
O bo das estacións, é que nos permiten realizar moitas actividades diversas. Aquelas que son estacionais, como ir á praia, recoller cogomelos, esquiar ou ver as camelias en flor, son as máis esperadas. A natureza é sabia e regálanos toda unha variedade de alimentos acordes á tempada. Recomendámosvos que lle botedes un ollo a este artigo que publicamos no noso blogue para saber todo sobre as froitas e verduras da tempada outono-inverno.

Receitas de outono

Nada mellor para animar estes meses que variar un pouco os nosos menús. A culler volve gañar protagonismo para sopas e pucheiros. Pratos tradicionais con xiros modernos que nos permiten gozar dos alimentos de tempada. Esta é unha época xenial para coidarse e consentirse, así que aló imos!

Exótica crema de cabaza

As cabazas son unhas das estrelas da tempada. Se non que llo digan aos americanos e a súa celebración de Halloween. Estas cabazas redondas non son as máis comúns pola nosa zona, aínda que cada vez en máis fácil atopalas. Cada tipo ten o seu particular sabor e textura, pero todas son deliciosas. Con esta receita, pretendemos darlle un xiro á típica crema de cabaza das nosas avoas .
Ingredientes:

  • 1 cabaza.
  • 2 allos porros.
  • 1 bote de leite de coco.
  • Pedazo pequeno de raíz de xenxibre fresco.
  • Especias:  cúrcuma, curry, comiño, pementa negra,  cardamomo, canela en rama e coandro.
  • Sal e  AOVE (aceite de oliva virxe extra).

Preparación:
Pelamos a cabaza, sacámoslle as pebidas e cortamos en anacos. Cortamos os allos porros, sacámoslle a pel exterior e cortamos á metade. Para as verduras temos varias opcións. Podemos asalas ao forno cun pouquiño de aceite e sal. Ou podemos cocelas ao vapor. Se non, podemos cocelas no propio leite de coco da seguinte maneira.  Chorro de aceite na pota e poñemos as especias en po. Non fai falta que leve de todas, pero si que canta máis variedade, máis exótica será. Media culler pequena de cada unha. Quentamos as especias co aceite sen que se queimen e removemos. Aos poucos, vertemos o leite de coco e botamos o xenxibre pelado, a canela en rama e o sal ao gusto. Movemos e engadimos as verduras. Tapamos e deixamos cocer a lume lento ata que as verduras estean tenras. SE as verduras preparámolas das outras formas, deixaremos o leite de coco coas especias cocer a lume lento durante polo menos 20 minutos. Agora só debemos pasar a  batedeira e corrixir o sal. Se queremos que sexa máis líquida podemos engadirlle auga aos poucos. Asegurámosvos unha alucinante viaxe para os sentidos.

Nutritivas lentellas de verduras

Ai, as deliciosas lentellas! Pero dixemos que o outono é unha boa época para coidarse e xa se sabe que  as lentellas son un prato contundente… ou non? Probaches a prescindir do chourizo, a morcilla e o touciño e facer unhas deliciosas lentellas vexetais? Prepárache para gozar.
Ingredientes:

  • 1 lata de tomate  triturado ao natural.
  • 1 cebola.
  • 3 allos porros.
  • 6 cenorias.
  • 1 cabaciña.
  • 1 pemento vermello.
  • 400 g de lentellas.
  • Pemento, loureiro,  bicarbonato, sal e AOVE.

Preparación:
Lavar, pelar e cortar as verduras.  Dourar a cebola cun chorro de aceite. Agregar os allos porros, as cenorias (cortadas en toros) e o pemento. Dar unhas voltas para que se integren ben todos os sabores. Engadimos o bote de tomate e un chisco de  bicarbonato para acabar coa acidez. Botamos unha cullerada de pemento doce ou picante. Deixamos “ chup- chup” uns 5-10 minutos sen que se queime. Engadimos as lentellas e deixámolas mesturarse. Cubrimos con auga fría. Engadimos unha folla pequena de loureiro. Lume medio. Cando leve uns 30 minutos, engadimos sal, pementa e a cabaciña cortada en cubos. Deixamos outros 20-30 minutos, comprobando a  cocción. Se quedan secas pódeselle botar máis auga. O ideal é acompañalas de arroz en branco xa que o legume con cereal forma proteína completa. Un prato saudable e saborosísimo que se pode tomar tanto quente como frío. Que aproveite!

Delicioso  risotto de cogomelos

Ingredientes:

  • Aceite ou manteiga.
  • 400  g de arroz.
  • 1 cebola.
  • 1 dente de allo.
  • Cogomelos de tempada.
  • Caldo de verduras (caseiro ou comprado).
  • Vasiño de viño branco.
  • Queixo  parmesano.
  • Sal, pementa negra.

Preparación.
O risotto é un prato sinxelo ao que hai que poñerlle amor 😉 Podemos usar caldo comprado (mirar ben a etiqueta para que sexa o máis natural posible) ou facelo. Facer caldo é tan simple como ser o resultado de cocer verduras e gardar a auga. O ideal é usar manteiga xa que lle dará máis  cremosidade, pero o aceite vale igualmente. Botamos unha cullerada ou noz de manteiga e sofritimos a cebola picada moi fina e o dente de allo. Removemos ben sen deixar que se queime, a idea é que case caramelice. Engadimos os cogomelos cortados e lavados. Removemos. Engadimos o arroz (100  g por persoa) e mesturamos 3 minutos sen que se queime. Vetemos o viño branco e subimos o lume a lume de biqueira. Deixamos que evapore e imos engadindo caldo aos poucos, mentres removemos suavemente para non romper o gran e axudar a que solte o amidón. Botamos sal e pementa. Cando o arroz estea listo, engadimos  parmesano relado e removemos para integralo e darlle o extra de cremosidade que buscamos. Botamos por riba perexil fresco e a gozar quente. Mm mm!
Que vos pareceron estas 3 receitas de tempada? Probádeas!

Deja un comentario