Receitas do mundo: Asia e Oceanía

Chegamos ao final da nosa viaxe ao redor do mundo a través do descubrimento da cultura gastronómica de todos os continentes. Europa, América do Norte, Caribe e México, América Latina e África  foron nosas paradas previas. Terminamos a nosa aventura descubrindo manxares de Asia e Oceanía.

Sopa de lagostinos picante (Tailandia)

Un dos pratos principais da cociña tailandesa que ten variantes noutros países próximos como Vietnam ou Cambodia. É un prato moi popular porque se realiza con ingredientes frescos que se atopan facilmente nos supermercados ao aire libre típicos do país. Non te preocupes, en  Gadis atoparás todo o que necesitas para experimentar con esta receita 😉

Ingredientes para 4 persoas:

• 800 g de lagostinos enteiros.

• 2 culleradas de aceite vexetal.

• 2 ramas de herbas de limón.

• 30 g de raíz de xenxibre picada.

• 3 chiles verdes frescos.

• 2 chiles vermellos frescos.

• 2 cebolas pequenas.

• 4 follas de lima.

• Coandro.

• Zume dun limón.

• Litro e medio de auga.

• Sal.

Preparación:

1. Lava os lagostinos, sécaos e separa a cabeza da cola. Pélaos e límpaos axudándoche cunhas tesoiras ou coa punta dun coitelo. Reserva as colas e as cabezas e peles por separado.

2. Quenta o aceite nun wok e tosta as peles e as cabezas dos lagostinos, ata que collan un ton  rosáceo. Engade as follas de limón e a raíz de xenxibre.

3. Parte os chiles verdes á metade e quítalle as pebidas e  nervaduras (para que piquen menos). Botámolos no  wok, xunto coa auga, sal e déixase cocer todo durante media hora.

4. Repetimos a operación cos chiles vermellos e picamos a cebola en cadrados grandes.

5. Coamos o caldo e volvémolo a botar no  wok. Engadimos os chiles vermellos, cebolas e os lagostinos. Deixamos cocer uns 3-5 minutos (dependendo do tamaño dos lagostinos). Por último, engadimos o coandro e o zume de limón ao gusto. Deixamos cocer outro par de minutos e servimos quente.

Rolos de primavera (China)

Que levante a man quen non probou nunca un rolo de primavera! Bo, quizais algún dos nosos lectores non o fixera pero o que si é certo é que coñece este prato. E é que este prato chinés popularizouse enormemente, sérvese como aperitivo ou primeiro prato durante todo o ano. Isto non foi sempre así. Antigamente os rolos servíanse na festa do Ano Novo Chinés cando amigos e familiares visitaban as casas con motivo da chegada da primavera.

Ingredientes para 4 persoas:

• 20 follas de masas para rolos de 20×20 cm.

• 50 g de  fideos transparentes (abrandados previamente un cuarto de hora en auga).

• 2 dentes de allo.

• 2 cebolas pequenas.

• 300 g de colas de lagostinos pequenos.

• 2 culleradas de crema de cacahuete.

• 50 g de cenorias (picadas finas).

• 50 g de  apio (en tiras finas).

• Coandro.

• Sal.

• Caldo de peixe.

• Chile.

• Clara de ovo un pouco batida.

• AOVE.

Preparación:

1. Sacamos as follas da masa do conxelador. Cortamos os  fideos transparentes en anacos de 5 cm. Aproximadamente. Picamos o allo e as cebolas. Pelamos as colas dos lagostinos e cortámolas en pequenos tacos.

2. Quentamos o aceite nun  wok e fritimos o allo e as cebolas. Cando estean “transparentes” engadimos todas as verduras e fritimos a lume forte durante 2-3 minutos. Retiramos.

3. No wok fritimos os lagostinos e engadimos as verduras preparadas e os  fideos. Mesturamos e condimentamos con sal, chile e coandro ao gusto.

4. Nunha táboa colocamos as follas de masas e enchemos cada unha con dúas culleradas da mestura preparada. Pechamos primeiro a parte superior e inferior e posteriormente os laterais.  Untamos os extremos con clara de ovo un pouco batida e presionámola para que o recheo non se salga. Repetimos a operación con todas as follas.

5. Fritimos os rolos por quendas no aceite quente durante 3 minutos, ata que estean dourados. Os  escorremos sobre papel de cociña e listos para servir!

Dourada agridoce (Malasia)

A cociña de Malaisia está chea de pratos de peixes e mariscos. Péscanse coas chamadas Kelongs, casetas de madeira sobre o mar onde os pescadores colgan as súas redes. Esta receita adóitase facer con dourada, pero adáptase a calquera tipo de peixe non moi graxo.

Ingredientes para 4 persoas:

• 1 dourada (500 g).

• 1 cullerada de viño branco.

• 1 clara de ovo.

• Sal.

• Aceite.

Para a guarnición de verduras:

• 3 cebolas pequenas.

• 2 chiles vermellos.

• 100 g de brotes de bambú (opcional).

• 100 g de  apio.

• 50 g de pemento verde.

• 2 culleradas de aceite.

Para a salsa:

• 2 culleres de sobremesa de azucre.

• Sal.

• 2 culleres de sobremesa de salsa de soia.

• 2 culleradas de  vinagre.

• 1 cullerada de ketchup.

Para adornar, ceboliño e coandro.

Preparación:

1. Pide na túa peixaría de  Gadis que che preparen o peixe sen aletas, sen escamas e sen as tripas. Lavámolo na cociña e facémoslle uns cortes por ambos os lados dos lombos, para que se faga de forma homoxénea.

2. Mestura o viño branco, a clara de ovo e a salsa de soia. Impregna con ela o peixe. Deixa repousar un cuarto de hora e pasa o peixe a unha tixola con aceite. Cando estea ben  renxido por ambos os lados, sacámolo e escorremos.

3. Cortamos as cebolas en tacos pequenos, os chiles (sen sementes nin  nervaduras), os brotes de bambú, o  apio e os pementos en tiras finas.  Sofritimos as verduras.

4. Mesturamos no bock azucre, sal,  vinagre e unha cullerada de salsa de soia. Deixamos cocer 3 minutos e engadimos as verduras.  Vertemos esta mestura sobre o peixe xa empratado e engadimos ceboliño picado e as follas de coandro.

Lamingtons (Australia)

Se pensamos na gastronomía típica de Australia, a primeira imaxe que nos vén á cabeza son as receitas de carne de vacún e de cordeiro. Pero non por iso queremos deixar pasar a oportunidade de compartir convosco este doce. Son sobremesas que podes atopar en calquera supermercado de Australia e Nova Zelandia, pero sempre, o mellor, a versión caseira.

Ingredientes para 12 lamingtons:

Para os biscoitos:

• 125 g de manteiga.

• 150 g de azucre  glass.

• 2 ovos.

• 230 g de fariña.

• 2 culleres de sobremesa de fermento en po.

• Un belisco xeneroso de sal.

• 1 culler de sobremesa de extracto de  vainilla.

• 100 ml de leite.

• 200 g de coco relado.

Para a cobertura:

• 400 g de azucre  glass.

• 4 culleradas de cacao en po.

• 25 g de manteiga.

• 100 ml de leite.

Preparación:

1. En primeiro lugar, prequentamos o forno a 180º C. Batemos a manteiga co azucre, ata que a mestura sexa esponxosa. Engadimos os ovos dun nun, batendo ben despois de engadir cada un.

2. Peneiramos a fariña, o sal e o fermento nun bol.

3. Nun vaso de medidas mesturamos o extracto de vainilla co leite. Engadimos a metade á mestura de ovos e seguidamente a metade da mestura de fariña. Removemos suavemente cunha culler de madeira, engadimos o resto de mestura de fariña e de leite e removemos.

4. Vertemos nun molde, previamente engraxado con manteiga e enfornamos uns 30 minutos ou ata que picando cun escarvadentes este salga limpo. Sacamos do forno e deixamos arrefriar sobre unha bandexa. Cando estea totalmente frío, partímolo en 12 anacos.

5. Para preparar a cobertura dos lamingtons, peneiramos o azucre glass e o cacao nun bol grande. Engadimos a manteiga e o leite e mesturamos ben ata obter unha cobertura suave e lixeiramente líquida coa que cubrir os dados de biscoito. Por último, os rebozamos en coco e servimos cando estean fríos.

Gustouvos esta volta ao mundo? Esperamos que si e que nos contedes que tal saíronvos as vosas aventuras culinarias.

Deja un comentario