Que é o batch cooking?

Comer san non ten por que estar rifado con lograr cumprir coas túas responsabilidades. Dende hai tempo, entrou con forza unha nova tendencia que se chama batch cooking ou meal prep. Trátase de reservar unhas horas da fin de semana para cociñar e poder ter comida preparada para toda a semana. Gústache a idea? Nesta nova proporcionámosche toda a información para que poidas poñer en práctica o batch cooking.

En que consiste o batch cooking?

Co ritmo de vida actual, as présas e as carreiras están á orde do día e unha das grandes damnificadas é a alimentación. Seguramente, cando estás buscado de onde sacar o tempo para chegar a todas as tarefas da túa lista, a cociña é a que adoita regalarche eses minutos extra que te salvan do aperto. Con todo, é un agasallo envelenado. As consecuencias nótanse sobre todo na túa dieta, invadida por produtos procesados.

A clave para conseguir comer san e saudable a diario é a organización. O método batch cooking permíteche optimizar o teu tempo. Como o seu propio nome indica, trátase de ‘cociñar por lotes’, reservando dous ou tres horas á semana para facelo. Se o desexas, non terás que dedicar nin un minuto á preparación dos menús diarios durante a semana e comerás comida caseira todos os días. Se traballas a fin de semana, podes organizalo todo para cociñar unhas horas nun dos teus días de descanso. Mesmo poderás deixar organizados con antelación os recipientes se levas a comida ao traballo.

O obxectivo do batch cooking é contribuír á adquisición de hábitos saudables, facilitando a posibilidade para comer alimentos naturais e de tempada. As súas claves: planificar os menús semanais e cociñalos nun só día. Así, poderás ter unha alimentación equilibrada e saudable e aforrarás tempo. Ademais, é unha proposta máis sustentable, xa que comprarás unicamente o que tes previsto cociñar, desperdiciando moitos menos alimentos. Que necesitas para empezar? Simplemente, planificar o menú semanal, facer a compra e cociñalo.

Que debes ter en conta para organizar un menú batch cooking?

Á hora de organizar un menú batch cooking, hai unha serie de aspecto que debes ter en conta:

• Tes que prever a conservación. Podes incluír no menú comidas que duren polo menos cinco días refrixeradas ou facer conservación ao baleiro. As preparacións non perden valor nutricional e poden gardarse na neveira para aguantar toda a semana.
• Deseña un menú saudable e variado, tendo en conta o tempo de conservación de cada preparación e o día que se vai consumir.
• É recomendable que busques ingredientes ou preparacións que poidas usar en máis dun prato dos que compoñen o menú semanal. Por exemplo, verduras ao forno que poderás combinar con moitos pratos.
• Prepara a lista da compra e vai facela o día que vas cociñar ou o día anterior para que os produtos estean frescos.
• Debes ter envases adecuados para gardar as preparacións. Por favor, evita o plástico e opta por materiais sustentables como os botes de cristal ou as bolsas de silicona con peche.
• Ten en conta o número de comensais para calcular as porcións e gardar a comida.
• Inclúe pratos que poidas deixar case listos o día do batch cooking.
• Elixe alimentos de tempada. É unha práctica sustentable e, ademais, estarán a mellor prezo e no seu momento óptimo de consumo.

Deseño dun menú batch cooking

Se cadra esteas a pensar en como podes cociñar un menú semanal completo en dúas ou tres horas. Non te preocupes! Dámosche algúns trucos para que sexa máis sinxelo. Por exemplo, podes crear catro ou cinco planificacións semanais para ir alternando e evitar repetir pratos durante todo un mes. Isto non so facilitará a organización, senón tamén a lista da compra.

Para o deseño do menú, ten en conta os distintos grupos de alimentos, convertendo os vexetais na base principal. Ademais, busca volver empregar un mesmo ingrediente en distintos pratos e planifícaos en función da conservación para que estean en perfecto estado e resulten apetecibles á hora de tomalos.

As sopas e cremas de verdura son unha opción perfecta como primeiro prato e consérvanse facilmente. Podes preparar o caldo e tomalo como consomé ou engadir pasta ou calquera outro ingrediente para facer a sopa ao quentalo. O gazpacho e o salmorejo non son só para o verán e o único que terás que facer é sacalos da neveira. En canto á crema de verduras, non engadas pataca se vas conxelala. Afectará á textura e ó sabor.

Deixa preparadas guarnicións comodín para distintos pratos: quinoa, garavanzos, arroz integral, pisto, verduras asadas… Todos aguantan ben en refrixeración de tres a cinco días. Se gardas a pataca coa pel, alongarás a súa vida útil. Para aproveitar o tempo, cociña compaxinando o forno e os fogóns. Os guisos, as lasañas e canelóns aguantan varios días e podes preparalos mentres asas un pito ou un peixe.

O menú ten que responder ós gustos e preferencias dos comensais. Fai unha tormenta de ideas, prepara a lista da compra e ven a Gadis para comezar. Unha vez preparadas as elaboracións, organiza a súa conservación para decidir se necesitas conxelar. Lembra que alimentos como as salsas, a leituga, a cebola, os ovos cocidos, as patacas ou o arroz non soportan a conxelación.

O método batch cooking permitirache gañar tempo sen renunciar a comer ben. Axudarache a reducir a tensión e a comprar mellor, evitando desperdiciar alimentos. Anímate a probalo e cóntanos se mellora a túa saúde e o teu benestar.

Deja un comentario