Maio solidario

Maio é o mes da solidariedade en Gadis! Estamos a piques de poñer en marcha a novena edición de Maio Solidario, a campaña de recollida de alimentos que desenvolvemos nos nosos supermercados de Galicia e Castela e León. Con ela, queremos apoiar as vosas doazóns aos Bancos de Alimentos. Durante todo o mes, poderás atopar puntos de recollida sinalizados nas nosas tendas para depositar produtos non perecedoiros e tamén donar directamente na caixa. Todo iso irá destinado aos 11 Bancos de Alimentos cos que colaboramos de maneira habitual. A solidariedade é un dos eixos principais do noso programa de Responsabilidade Social Corporativa e, dende marzo de 2020, estamos intensificando a nosa axenda de accións de carácter solidario debido ás circunstancias que atravesa a sociedade. Este último ano, os Bancos de Alimentos víronse sometidos a unha presión sen precedentes como consecuencia da pandemia. Por iso, as motivacións sociais detrás desta campaña están máis vixentes ca nunca, xa non só pola necesidade de lograr o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), senón tamén porque, en España, acudiron a estas entidades medio millón de persoas máis que o ano anterior.

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Os cambios sociais, económicos e ambientais constitúen os grandes retos que pretende abordar a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, a folla de ruta elaborada para conseguir un obxectivo social común: o desenvolvemento sostible. Sen dúbida, a COVID-19 expuxo un desafío sen igual para o cumprimento dos ODS. Entre os obxectivos que se detallan na Axenda, hoxe imos falar dos dous primeiros pola súa relación directa coa campaña que presentamos:
ODS 1. Fin da pobreza.


ODS 2. Fame cero.

A erradicación da pobreza en todas as súas formas segue sendo un dos principais desafíos aos que se enfronta a humanidade. A pesar de que os datos revelaban un descenso importante do número de persoas que vivían en situación de extrema pobreza, o ritmo de descenso diminuíu notablemente e a crise da COVID-19 supón unha seria ameaza para o progreso na loita contra a pobreza. Unha nova investigación publicada polo Instituto Mundial de Investigacións de Economía do Desenvolvemento da Universidade das Nacións Unidas xa advertiu de que as consecuencias económicas da pandemia mundial poderían incrementar a pobreza en todo o mundo ata afectar a un 8 % máis da poboación total. Esta sería a primeira vez que se rexistraría un aumento da pobreza mundial dende 1990.

Según os datos publicados a finais de 2020 por Eurostat, a oficina estatística europea, España sitúase na quinta posición dos países con máis pobreza da Unión Europea. No caso dos menores de 16 anos, é o terceiro país con máis nenos pobres de toda Europa. En total, 11,8 millóns de españois atópanse en risco de pobreza e exclusión social. Unha cifra que se vai agravando polas consecuencias da pandemia e que levou a solicitar axuda en entidades a colectivos que non o necesitaran nunca.

Estes datos supoñen un escollo que dificulta aínda máis a consecución do segundo obxectivo, Fame Cero. Dende 2015, vén rexistrando un crecemento paulatino da fame no mundo. Na actualidade, preto de 690 millóns de persoas padecen fame no noso planeta, o que supón un aumento de ao redor de 10 millóns de persoas nun ano e duns 60 millóns en cinco anos. Estímase que a pandemia podería duplicar esa cifra, xa que os datos rexistrados polas entidades se incrementaron de maneira drástica no 2020.

Como ves, é moi necesario actuar rapidamente para proporcionar alimentos e axuda ás persoas máis vulnerables. A nosa campaña Maio Solidario é unha pequena parte da axenda de actividades na que tamén se inclúe a concienciación. Sabemos que aproximadamente un terzo dos alimentos que se producen a nivel mundial acaba no lixo. É importante que comecemos a actuar de maneira individual para reducir o desperdicio alimentario, unha realidade que ten implicacións ambientais, pero tamén éticas.

Os Bancos de Alimentos

Os Bancos de Alimentos chegaron a España en 1987, pero a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) non se fundou ata 1996. Galardoada co Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2012, centra o seu labor na loita contra a fame, a pobreza e o desperdicio alimentario a través do aproveitamento e a repartición de alimentos non perecedoiros ás persoas máis necesitadas. Está conformada por 54 Bancos de Alimentos distribuídos por toda a xeografía española e opera repartindo alimentos entre máis de 7.000 entidades benéficas e a máis de 1.560.000 beneficiarios. Durante o último ano, tiveron que enfrontarse a un crecemento sen precedentes na demanda debido á emerxencia social provocada pola pandemia, polo que necesitan que as doazóns se incrementen para poder cubrir as necesidades de todos aqueles que lles solicitan axuda.

Os Bancos de Alimentos xa avisaron de que se están a enfrontar á peor crise alimentaria dende a súa creación e pensan que 2021 seguirá esa mesma tendencia. Os datos sobre a pobreza publicados ata o de agora aínda non recollen as cifras da pandemia, pero o poder adquisitivo de moitas familias diminuíu ata non poder ter acceso a todo o que necesitan. Por iso, é urxente poñer en marcha iniciativas que contribúan a manter a súa despensa chea para poder seguir prestando servizo a todas esas entidades e familias.

Participa en Maio Solidario!

Un dos obxectivos de Gadis coa campaña Maio Solidario é contribuír a resaltar a importancia de colaborar con entidades sociais que atenden a diario a miles de persoas. Neste caso, queremos contribuír cos Bancos de Alimentos para que poidan lograr o abastecemento necesario para seguir cooperando con asociacións e organizacións non gobernamentais, que, en definitiva, son quenes coñecen de primeira man as necesidades reais de cada colectivo.

Os puntos de recollida de alimentos estarán visibles nas nosas tendas de Galicia e Castela e León e tamén poderás donar a través da caixa, para que poidas axudalos. Esperámoste!