Os 4 básicos dun estilo de vida saudable

Benvidos a Gadis Saudable! Estamos encantados de recibirvos e poder compartir un estilo de vida saudable.
Desde Gadis entendemos a palabra saúde cun significado moi amplo. Saúde física, emocional, mental, nosa e das persoas que nos rodean, así como a do propio planeta. Nesta sección atoparás: información, curiosidades, noticias e consellos relacionados con alimentación, actividade física, consumo responsable, desperdicio alimentario, colaboracións con entidades… en definitiva, todos aqueles temas relacionados cun estilo de vida saudable con e para as persoas e a nai terra.
A continuación, presentámosvos os nosos 4 básicos en detalle.

1.   ALIMENTACIÓN SAUDABLE

Existe unha relación directa entre comer ben e sentirse ben ou comer mal e sentirse mal. E esta é a realidade.
Para estar saudables e sentirnos cheos de enerxía e vitalidade debemos:

  •       Aumentar o consumo de froita e de verdura e priorizar os produtos frescos sobre os procesados.
  •       Reducir o consumo de azucre, sal, graxas saturadas e acedos trans.

Di a Organización Mundial da Saúde (OMS) que desde 1980, a obesidade tense máis que duplicado en todo o mundo. Estímase que un 40% da poboación mundial ten sobrepeso. En xeral, nestes momentos existen máis persoas no mundo con sobrepeso que con baixo peso. O peor de todo é que, en ambos os casos, estamos ante o que se denomina unha mala nutrición. Persoas que carecen dos nutrientes necesarios para que o seu organismo funcione correctamente.
A mala nutrición provoca toda unha serie de enfermidades denominadas non transmisibles como a anemia, o raquitismo, as cardiopatías, accidentes cerebro vasculares, a diabetes e, mesmo, algúns cancros. Todas elas poden ser previdas e melloradas a través dunha vida saudable.

2. ACTIVIDADE FÍSICA REGULAR

Comer ben non é suficiente para estar sans. Fainos falta exercitar o noso corpo para conseguir que funcione correctamente.
A práctica de actividade física de maneira regular vai axudarnos a:

  •    Controlar o noso peso.
  •    Manter os nosos músculos operativos.
  •    Reforzar a nosa estrutura ósea.
  •    Ter maior equilibrio e flexibilidade.
  •    Mellorar o noso estado de ánimo.
  •    Reducir a tensión e relaxarnos con maior facilidade.
  •    Conciliar un soño máis reparador.

Todos eles ingredientes básicos para unha vida saudable. Razóns de peso para tomarnos en serio as recomendacións da OMS para adultos de practicar polo menos dúas horas e media á semana de actividade física aerobia de intensidade. Si, liches ben. 2 horas e 30 minutos á semana. Dannos a alternativa dunha hora e corenta e cinco minutos de actividade física aerobia vigorosa á semana. O ideal? Que sexa unha combinación de ambas.

3.   CONSUMO RESPONSABLE

A nosa forma de consumir cambiou drasticamente. Por iso, hoxe máis que nunca, temos que ser consumidores informados e ser conscientes das decisións que tomamos cando imos á compra.
Cando compramos algo, non só estamos a adquirir ese produto ou servizo, senón que tamén estamos a aprobar a maneira en que foi deseñado, producido e/ou distribuído.
En Gadis somos moi fans dos produtos frescos, e máis se son de tempada e de proximidade. Dúas das características que, a parte de alimentarse, supoñen un comportamento responsable.
Velaquí algunhas das vantaxes dos alimentos de tempada e proximidade:

  •    Ao seguir o seu ciclo natural, están no seu momento óptimo para o consumo e o seu sabor é o mellor posible.
  •    Non necesitan apenas medios artificiais para a súa produción e por iso son máis respectuosos coa terra na que crecen.
  •    Como o cultivo é estacional, cando maduran fano á vez, conseguindo que haxa máis no mercado e o seu prezo baixe.
  •    Xeran riqueza e postos de traballo na contorna próxima.
  •    Teñen un percorrido menor ata que chegan a ti, conservando unha maior frescura.
  •    Forman parte da gastronomía tradicional e da nosa cultura.

4. DESPERDICIO ALIMENTARIO

Ao redor dun terzo dos alimentos que se producen no mundo tíranse ou se desperdician. Este é un problema económico, social e ambiental.

  •       Económico polo custo de produción e compra dos devanditos alimentos.
  •       Social porque existen persoas no mundo que non teñen acceso á cantidade necesaria de alimentos e é totalmente inxusto.
  •       Ambiental polo custo dunha produción masiva de elevados consumos enerxéticos e de auga que non son necesarios, a parte da complexidade da xestión do residuo e produción de gases de efecto invernadoiro.

O desperdicio prodúcese ao longo de toda a cadea de produción. Procesos de fabricación (39%). Restaurantes e servizos de catering (14%). Empresas distribuidoras de alimentos (5%). Consumidores (42%), sendo a maior porcentaxe de desperdicio o producido nos fogares.
A boa noticia é que a pouco que nos concienciemos, podemos evitalo en gran medida.
Algúns consellos para evitar o desperdicio alimentario en casa:

  1.       Planificar os menús.
  2.       Aumentar as visitas ao supermercado.
  3.       Revisar datas de caducidade.
  4.       Aproveitar os alimentos ao máximo.
  5.       Conxelar a comida sobrante.

Esperamos que gozases deste primeiro artigo e esperamos volver verche moi pronto! Se non queres perderche ningunha das nosas publicacións, permanece atenta/o ás nosas redes sociais: Facebook, Instagram, Twitter e Youtube

Fontes Bibliográficas:

Deja un comentario