Xoguetes de cartón DIY

Este verán foi particular e seguro serviu para desconectar. Despois dos plans estivais, sempre é necesaria unha pausa para poder encarar o curso con enerxía. Por iso, hoxe propoñémosche unha actividade para realizar cos máis pequenos da casa e que, sen dúbida, sacará tamén o neno ou a nena que levas dentro. Unha boa forma de pasar tempo en familia de maneira relaxada antes de recuperar plenamente a rutina. Que che parece “fabricar” xoguetes de cartón cos teus fillos e fillas reutilizando material que tes en casa? Non só che permitirá dar unha nova vida a esas caixas coas que non sabes moi ben que facer, senón que espertará a vosa creatividade e imaxinación apostando por prácticas sostibles. Os teus fillos e fillas divertiranse fabricando os seus propios xoguetes de cartón e daranlle máis valor, non crees? 😉

Que tipo de cartón podo usar?

Quizá sexas unha persoa práctica e non soes almacenar as caixas nas que che chegan os pedidos das túas compras online. Non te preocupes! Iso non será un obstáculo para que crees xoguetes de cartón. Podes recorrer a outro tipo de cartóns que teñas en casa: caixas de zapatos, caixas de galletas ou de cereais, rolos de papel hixiénico ou de papel de cociña, tambores de deterxente, etc. Son materiais facilmente manexables con infinidade de posibilidades para crear xoguetes de cartón aptos para todas as idades. Desatade a vosa imaxinación e dade renda solta ás vosas habilidades construtoras! Verás que as vosas creacións terán un valor máis especial para eles e elas que calquera xoguete comprado.

 

Fabrica os teus propios xoguetes de cartón DIY

Aquí che damos algunhas ideas de xoguetes de cartón DIY para que che sirvan de inspiración:

1. Un refuxio

Seguro que un refuxio é unha das primeiras ideas que xorden en canto propoñas esta actividade, pero probablemente cada un teña a súa propia idea respecto diso: desde unha sinxela casa ou unha cabana ata un castelo. Teredes que poñervos de acordo antes de empezar. O certo é que se poden facer cousas moi fermosas con poucos recursos: unha silueta dun castelo á entrada dalgunha habitación, unha especie de tenda de campaña encartando o cartón ou unha sinxela casa aproveitando a forma natural da caixa e buscando alternativas para o tellado.
Queres darlle un toque especial? Decora as paredes coas vosas obras de arte, coloca unhas luces LED ou crea unha decoración cos restos do cartón que sobrasen do proxecto. Se vos sentides moi inspirados ou inspiradas, podedes crear mobiliario para o refuxio: unha cociña, unha cama, unha mesa e unhas cadeiras…

                                                                                                                   Imagen extraida de cabaneidees.com

O resultado dará lugar a distintos tipos de xogo: un monstro ataca o castelo e hai que defender a fortaleza, unha acampada nocturna na tenda de campaña mentres vedes unha película ou un novo fogar para a nosa mascota. A imaxinación non ten límites!

2. Unha cámara de fotos de xoguete

Os teus fillos e fillas senten interese polo mundo da fotografía? Por que non organizar un safari fotográfico caseiro no que eles se fabriquen a súa propia cámara e “revelen” as súas fotografías? Necesitaredes unha caixiña pequena ou construír unha do tamaño da cámara. Poden pintala ou optar por forrala cun folio ou algún papel que lles guste para decorala. Co cartón do rolo de papel hixiénico ou cun vaso de cartón, poden facer o obxectivo. A pantalla traseira pódese facer con algún tipo de papel ou algún adhesivo, e os botóns poden pintalos cun rotulador negro ou facer pezas de cartón para simulalos. Tamén poden personalizar a seu cámara e crear accesorios como o flash ou a cinta da cal colgala. Que che parece? Anímaste a probar con eles? Logo poderán facer fotografías e representalas cos seus debuxos. Poñerás a proba a súa creatividade!

Foto de carmelats.com

3. Un xogo de memoria

O cartón ten moitas posibilidades e permitiravos crear o voso propio xogo de mesa. Unha idea sinxela para crear en familia é un xogo de memoria. Só teredes que decidir a temática. Cortade pezas de cartón do mesmo tamaño e creade duplicados de cada obxecto representado para que todos estean emparellados. Lembrade que a parte traseira das fichas ten que ser idéntica para non deixar pistas 😉.

4. Vehículos

Outra idea moi socorrida co cartón é a construción de calquera tipo de vehículo: un coche, un tren, unha avioneta, un barco, un foguete… Ou talvez sodes de espírito máis aventureiro e o voso é viaxar no tempo? Unha caixa de cartón pode adaptarse a calquera desexo. Pon en marcha aos “enxeñeiros e enxeñeiras”, colocade cada peza no seu lugar e listos para viaxar… no espazo ou no tempo!

Foto de imageneseducativas.com

5. Un teatro de marionetas

Tedes por casa unas cantas marionetas, pero fáltavos un teatro onde escenificar as obras que vos inventades? Cunha caixa de cartón, podedes preparar un de maneira moi sinxela. Unha estrutura co oco para que poidan ver a obra os espectadores e outros polos que coar as vosas mans coas marionetas. Se tedes algunha tea, poderedes preparar un pano e mesmo colocar unha iluminación no escenario con pequenas luces LED. Que empece a función!

6. Labirintos con pratos de cartón

Que che parece crear labirintos temáticos nos que desprazar algunha figura grazas á axuda dun imán? Debuxade un labirinto nun prato de cartón. Podedes elixir a temática que máis vos guste: un rato que busca o seu queixo, unha viaxe submarina, un camiño a casa… Dependendo de cada unha, teredes que personalizar a peza que se despraza: o rato, unha mergulladora, un neno, etc. Para mover a peza despois de debuxala nun anaco de cartón, podedes usar un par de imáns, un colocarédelo na parte traseira da figura e outro nun extremo dun pau dunha espetada para usalo como guía pola parte traseira do prato. Se non tes imáns, podes prescindir deles e mover a peza a man. Podedes variar os niveis de dificultade do labirinto en función da idade de cada neno ou nena.

Foto de juntines.com

Anímaste a reciclar o cartón que tes en casa e poñer en práctica algunha destas ideas? Encantaranos que nos mostres o resultado!

Deja un comentario