Exercicios de memoria II

Hai unhas semanas, propoñiámosche unha serie de exercicios sinxelos para mellorar a memoria de adultos e nenos. Hoxe queremos ofrecerche unha perspectiva distinta: buscar a maneira de exercitar a túa memoria a partir de hábitos e estratexias que che permitan desenvolver novas conexións neuronais para mantela sempre en forma. Sabemos que as rutinas e o estilo de vida desempeñan un papel decisivo na maneira na que se activa o teu cerebro. Por iso, as nosas suxestións centraranse precisamente neses aspectos, de forma que poidas traballar a plasticidade cerebral e mellorar as túas habilidades cognitivas en distintos ámbitos da túa vida cotiá. En Gadis, queremos axudarche a que os pequenos esquecementos pasen á historia e, para iso, convidámosche a incorporar uns cuantos hábitos saudables para a túa memoria. 😉

Os hábitos poden axudarche a exercitar a memoria

A capacidade cerebral para adaptarse aos cambios é moi alta e depende, en gran medida, das experiencias e actividades cotiás. Así, se estimulas a diario o teu cerebro de maneira adecuada, lograrás que a túa memoria se manteña activada. Como podes facelo? Tenta buscar actividades mentalmente estimulantes e que supoñan algún tipo de reto. É unha boa maneira de fomentar a creación de neuronas e, o máis importante, o establecemento de novas conexións entre elas, incrementando a súa plasticidade. O cerebro pódese adestrar para conseguir mellores prestacións e aquí mostrámosche algúns hábitos que poden axudarche a fortalecer a túa memoria.

Sete hábitos saudables para a túa memoria

1. Actividade física

Diversos estudos científicos evidenciaron que a práctica habitual de calquera actividade física produce beneficios a nivel cerebral. Entre eles, atópase a mellora da memoria e do rendemento a curto e a longo prazo, xa que o deporte fomenta a creación de novas neuronas e potencia a plasticidade cerebral. Sábese que o exercicio aeróbico e de certa intensidade ten efectos positivos case inmediatos sobre a memoria, así que agora, que xa estamos na última etapa da desescalada, é un bo momento para saír a camiñar, a correr, a montar en bicicleta ou para volver á piscina, por exemplo. O teu corpo e a túa mente agradecerancho tras estes meses de confinamento.

2. Alimentación saudable

Desde Gadis, insistimos sempre na importancia dunha dieta sa e equilibrada, non só polos beneficios para o teu corpo, senón tamén porque é a única maneira de garantir que o teu cerebro poida funcionar correctamente. Os teus hábitos alimenticios condicionan a túa actividade cerebral e as túas capacidades cognitivas. Evidentemente, non é o único requisito para ter unha boa memoria, pero si o mellor punto de partida para logralo. Unha dieta variada e rica en nutrientes, na que non haxa oco para elementos que poidan prexudicar á túa saúde (alcol, tabaco, etc.), é a semente perfecta para mellorar e sacar o máximo partido á túa memoria.

3. Durme o necesario

Sabías que se asociou a falta de sono coa redución de masa cerebral? Se queres que o teu cerebro funcione correctamente, é necesario que lle proporciones o descanso adecuado. Durmir é fundamental para o bo funcionamento cognitivo, pero non basta con iso. Tamén é importante o que se denomina hixiene do sono, é dicir, as prácticas necesarias para durmir ben. Durante as fases do sono, o cerebro consolida os recordos e, ademais, sábese que o sono está moi relacionado coa aprendizaxe. Por iso, é importante que sigas unhas rutinas e tentes deitarche e levantarche sempre á mesma hora. Procura tamén evitar o uso de dispositivos na cama e trata de relaxarte nun ambiente cunha temperatura agradable e pouco ruído.

4. Lee con asiduidade

Acórdaste do título dos últimos 10 libros que liches? A lectura é un dos mellores exercicios para a memoria. Trasládache a outros mundos e a outras historias, ofréceche experiencias novas, desenvolve a túa imaxinación, á vez que traballa a túa velocidade de procesamento, a túa atención, a túa linguaxe e o teu pensamento abstracto. Se tes preto un dicionario mentres les, estarás a incrementar as posibilidades de exercitar o teu cerebro. Non só terás que seguir o fío do libro que tes entre mans, senón que, ademais, estarás a adquirir novo vocabulario. Hai multitude de xéneros que podes probar para converter a lectura nun hábito cotián. No noso blogue, podes atopar unas cantas recomendacións.

5. Descubre sitios novos

Non fai falta ir moi lonxe para descubrir sitios novos. Seguro que, na túa propia localidade, hai varios que aínda descoñeces. É a maneira perfecta para encher o teu “disco duro” de información nova e atractiva. Quizá a idea de coñecer unha nova cultura ou un novo país che seduza máis, pero agora debemos aproveitar o que temos preto. Ás veces, atópaste con paisaxes e lugares sorprendentes onde menos o esperas. Aproveita e estimula a túa curiosidade a través da túa contorna máis próxima. Toma ese camiño que nunca transitaches, lánzate un reto para atopar fontes ou parques nas proximidades, mantente alerta e activa a túa capacidade para aprender. Logo terás que memorizalo todo para poder mostralo ou repetir o camiño que tomaches. 😉

6. Escoita música

É incrible a capacidade que ten a música para estimular o cerebro e está demostrado que inflúe positivamente na memoria, xa que activa a transmisión de información a través das neuronas e favorece a capacidade de aprendizaxe. Se non o fas aínda, afaite a escoitar un pouco de música cada día. Se, ademais, te decides a aprender a tocar un instrumento, lograrás exercitar a túa memoria procedemental e a túa memoria explícita. Anímaste?
Ademais, como reto esta semana suxerímosche que aprendas de punta a cabo a letra dunha canción que che guste.

7. Busca actividades novas

Que mellor maneira de estimular o cerebro que buscar actividades novas? Aínda que é certo que a repetición axuda a memorizar, tamén é verdade que ao final acabamos automatizando procesos. Por iso, é necesario ocupar o teu tempo de lecer con opcións novas que supoñan un esforzo e que resulten un desafío para a túa mente. Así, incrementarás a plasticidade cerebral e contribuirás a previr o deterioro congnitivo. Sen dúbida, é unha boa fórmula para manter a mente activa, aprendendo cousas novas e axudando a manter a saúde do teu cerebro. Podes probar a cociñar esa receita que che deu a túa avoa tentando non mirar o receitario. Acórdaste de todos os pasos?

Que che parecen estes hábitos e retos? Forman parte da túa vida cotiá ou vas introducir algún para mellorar a túa memoria?

Deja un comentario