Exercicios de memoria I

Sen ningunha dúbida, a memoria é o bastón que nos sostén e nos axuda a manexarnos en distintos ámbitos da nosa vida, independentemente da idade. Óscar Wilde definíaa como “o diario que todos levamos connosco” aludindo á súa función como almacén de recordos e experiencias. Pero é tamén a ferramenta que nos permite aprender e adaptarnos a calquera situación. Aínda que é certo que unha boa memoria pode estar condicionada por distintos factores (idade, dieta, xenética, factores ambientais, etc.), non é menos importante traballar para estimulala e lograr, así, previr estragos. Desde Gadis, queremos compartir contigo unha serie de exercicios para mellorar a memoria en adultos e nenos e axudarche a poñer en forma o teu cerebro e o da túa familia.

O que non se usa pérdese

Esta é a máxima que has de ter en conta para conservar a memoria. É necesario exercitala para non perdela. Do mesmo xeito que a actividade física che axuda a manter o teu corpo en forma, a túa memoria necesita adestramento para non danarse. Pola contra, irase deteriorando progresivamente ata que comeces a notar os primeiros indicios de perda en forma de pequenos esquecementos. Por que é importante que a estimules? A clave está na plasticidade cerebral, que é a capacidade para modificar a estrutura do cerebro. Quizá non o saibas, pero, para o cerebro, non é tan importante a cantidade de neuronas como a fortaleza das conexións que se establecen entre elas. Por iso, a aprendizaxe e a actividade mental continuada favorecen o seu funcionamento. A túa plasticidade cerebral permanece constante ao longo da vida, a condición de que manteñas o teu cerebro activo. A estimulación cognitiva achega, pois, enormes beneficios para a memoria e axudarache a mantela en forma. Queremos animarte a que a exercites con frecuencia a través dunha serie de exercicios sinxelos que non teñen por que roubarche moito tempo e cos que lograrás resultados moi pronto.

Seis exercicios para a memoria de adultos e nenos

1. Asocia ideas

Moitas veces, cando te enfrontas a conceptos novos ou algunha lista que, por algún motivo, has de memorizar, a tarefa pode parecer complexa. Con todo, existe unha maneira que che permite axudar á túa memoria para aprendelos: buscar regras mnemotécnicas con frases curtas ou imaxes para establecer unha asociación de ideas. Seguro que sabes o truco dos cotobelos da man para determinar a cantidade de días que ten un mes e máis dunha vez recorrerías a algunha fórmula que che permitise lembrar algún nome para un exame, por exemplo. A mente humana ten dificultades para memorizar o abstracto, por iso é importante buscar recursos que faciliten a memorización. É unha maneira entretida para exercitar a memoria en familia!
Podes axudar aos teus fillos e fillas coa adquisición de conceptos. Necesitan aprenderse os nomes das moléculas que compoñen o material xenético ( adenina-timina, guanina-citosina)? Que che parece “Aperta Tremenda, Gato Cósmico”? Canto máis estrafalaria sexa a regra, maior diversión 😉

2. A lista da compra

Unha boa oportunidade para exercitar a memoria en familia é ir ao supermercado. Probaches a facer a compra sen unha lista en papel ou no móbil? Pide á túa familia que te acompañe (sempre que sexa posible) e, se a lista é moi longa, podedes dividila en “seccións”. Cada un pode encargarse dunha parte e mesmo pode haber premio para quen lembre todo o que necesitabades. Esa “competencia saudable” seguro que vos motiva a traballar a memoria.

3. Xogos de mesa

Se vos gustan os xogos, hai unha gran variedade que che permitirá exercitar a túa memoria de maneira individual ou en compañía doutros. Desde solitarios de cartas ou xadrez ata xogos de estratexia de distintas temáticas, pasando polos máis específicos para a memoria adaptados a todas as idades. Un bo plan para unha tarde en familia ou con amigos.

4. Sácalle partido ás viaxes en coche

Durante estas semanas, probablemente non viaxariades moito en coche, pero é un bo lugar para activar a memoria polas súas infinitas posibilidades. Podes aproveitar para memorizar camiños, aprender unha canción, xogar coas matrículas dos coches… Ademais, se vas con alguén máis, podedes poñer algún reto: quen se aprende unha canción antes da seguinte parada, quen pode recitar as matrículas dos tres últimos vehículos cos que vos cruzastes, quen sabe cantas rotondas pasastes durante o traxecto… Será unha fonte de entretemento inesgotable.

5. Escribe un diario

Un diario é unha maneira de almacenar recordos, pero tamén de lograr que se fixen na túa memoria. Lémbrase mellor aquilo que se escribiu a man e non nun teclado. Ao supoñer maior esforzo, increméntase a concentración, axudando a fixar a información na memoria. Non che sucede tamén que lembras mellor aquilo que les sobre papel que o que está nunha pantalla? Canto máis traballa a túa mente para ler ou entender algo, máis exercitas a memoria e aumenta a posibilidade de que poidas volver evocalo. Se a idea do diario non che atrae, podes escribir algún conto ou algunha historia. Nese caso, a esixencia será maior e o adestramento da memoria adquirirá unha nova dimensión.

6. Xoga coas palabras

A linguaxe é unha peza clave para a engrenaxe do cerebro. Por iso, os xogos con palabras son un bo exercicio para a memoria. Hai múltiples posibilidades, desde o clásico Scrabble ou as palabras encadeadas ata o Scattergories. Todos eles faranche rebuscar no teu vocabulario para atopar a palabra que necesites en cada momento e quizá che axuden tamén a descubrir novos vocábulos. O mellor? En moitos casos, non necesitarás taboleiro, tan só un adversario.

Estas son algunhas propostas para que exercites a memoria en calquera momento. Recorreras a algunha destas opcións para facelo? Tes as túas propias estratexias? Encantaranos que nolas contes!

Deja un comentario