Disfraces sustentables feitos a man

Non hai entroido que se prece sen un disfrace. Uns máis clásicos, outros máis innovadores, pero imprescindibles nas celebracións destas datas. Con frecuencia, recórrese a disfraces que se fabricaron con materiais plásticos ou derivados do petróleo porque adoitan ser os máis alcanzables e os que se atopan con máis facilidade. Con todo, é unha opción altamente contaminante e en Gadis cremos que a diversión non ten que estar rifada coa sustentabilidade. Por iso, imos propoñerche algunhas ideas para que poidas fabricalos ti. Non terás que preocuparte polas túas habilidades! Son propostas sinxelas que che permitirán reutilizar materiais que tes en casa e espertar o teu lado máis eco este entroido.

Materiais para disfraces sustentables

Evidentemente, se conservaches os disfraces de anos anteriores, será un bo punto de partida. Podes reutilizalos ou aproveitar algunha peza para crear un novo. O único que necesitas é un pouco de imaxinación. Tamén é un bo momento para rebuscar en armarios e caixóns. Ao emprender a procura, non te limites ao téxtil. Todo serve para un disfrace: envases, cartón, xornais, tapóns, bolsas… Con calquera cousa, poderás empezar a crear algo sorprendente.

   

Disfrace de OVNI de boredpanda.es e de dinosauro con cartóns de Hello Wonderful

Disfraces para nenos e nadas das súas personaxes favoritas

Quizá os máis pequenos sintan certo receo ante esta idea de entroido eco porque soñaban cun disfrace dalgún dos seus personaxes favoritos. Non teñen que renunciar a iso! Só hai que buscar a maneira de imitar a vestimenta con aquilo que atopamos por casa e contaxiarlles o entusiasmo. Elsa de Frozen? O espírito libre de Elsa convértea nun personaxe perfecto para disfrazar aos nosos pequenos. Cun vestido azul, ou unha camiseta e unha saia, podedes usar panos, botóns ou tapóns e algunha bolsa para fabricar a capa, o cinto e os adornos. Unha trenza e listo! Sentiranse moi especiais por crear o seu propio disfrace.

Gústanlle os Minions? Se tes un xersei con carapucha amarela ou unha camiseta e un gorro amarelos, localiza un peto vaqueiro e unhas lentes de natación. O pelo poderás facelo con arame forrado con la negra. O mellor? Todos podedes convertervos en axudantes de Gru, xa que é probable que atopedes por casa material para toda a familia. O mesmo cos pitufos: uns pantalóns axustados brancos (vermello se alguén quere ser Papá Pitufo), unhas zapatillas brancas e un xersei azul. Para facer o gorro, podes facer un cornete con cartolina branca. Un pouco de pintura azul para a cara e converterédesvos neses pequenos personaxes. Sinxelo, non che parece? Poderás aplicar a mesma idea para multitude de personaxes: Mario Bros, Luigi, Mulán, Coco, Mérida da película Brave …

Neste caso, o máis importante é activar a túa creatividade para poder sacar o máximo partido ao material co que contas. Non se trata de conseguir unha réplica exacta, senón de crear un parecido razoable 😉

Ideas orixinais para disfraces en familia

Buscas un disfrace máis orixinal? Aquí tes ideas sinxelas para as que necesitarás algunha peza de roupa vella e algúns complementos. Ademais, estás ideas permitiranvos disfrazarvos a toda a familia en común:

  • Ovo frito: necesitas unha sudadeira oversized branca ou crema e algún material para facer un círculo amarelo. Será tan sinxelo como pegar o círculo no centro da parte dianteira da sudadeira. É importante que quede grande para que a forma se pareza á do ovo.
  • Caracol: busca unha parte de arriba e un pantalón da mesma cor en tons terra ou negro. Con papel de estraza prepara a cuncha. Terás que ir enroscando o papel para darlle a forma que ten o caracol. Podes facer as antenas do mesmo material e pegalas a unha diadema.
  • Froitas variadas: esta idea permitiravos facer combinacións divertidas dunha chea de froitas. Amorodos, piña, aguacate, kiwi… A idea é que usedes unha camiseta con mallas ou vestidos da cor predominante da froita. Vermello no caso dos amorodos, amarelo no da piña, verde no aguacate e no kiwi. Só necesitaredes personalizalo con papeis ou con outras teas brancas ou negras (para simular as pebidas), no caso do aguacate necesitaredes que sexa de cor verde máis claro en forma de círculo. Ademais, poderedes facervos un gorro en forma de ramas verdes.

Foto de Pinterest.

  • Dispositivo electrónico (móbil, tablet ou ipod): cunha caixa de cartón grande, prepara a forma do dispositivo que elixas e, con papel e pintura, personalízalo ao teu gusto. Podes engadir uns auriculares que vaian conectados ao dispositivo para completar o disfrace. Mesmo podes facer de localización de Google Maps.
  • Mimo: unha camiseta de raias, un pantalón negro e uns tirantes. Podes engadir unha gorra parisiense se a tes por casa. A maquillaxe será o máis importante (cara branca, cellas negras e beizos vermellos) para rematar o disfrace.
  • Inspectores Gadget: este disfrace é outra idea fantástica para realizar con toda a familia. Só necesitaremos unha gabardina e modificar un gorro, cuns arames, papel prateado e luvas. Este disfrace admite moitas variacións e creatividade: peiraos, carnés, luces vermellas no alto do chapeu…
  • Cactos: necesitarás unha sudadeira con carapucha verde e un pantalón verde. Os pinchos podes facelo con anacos de la verde claro ou crema que irás pegando polas pezas. Podes xogar cos brazos para dar distintas formas ao cactos.

A familia Theoverwhelmedmommy.com cos seus Cactos DIY.

– E que nos dicides das Meninas sustentables creadas pola escueladeblanca.blogspot.com?

Con estes disfraces sostibles a partir da reutilización de materiais que tes por casa, non só estarás a apostar por unha actitude eco, senón que tamén darás renda solta á túa creatividade e gozarás dun bo intre en familia mentres os preparas. Todos poderedes convertervos no que queirades; desde piratas ou astronautas ata animais fantásticos. A vosa imaxinación non terá límites e a reciclaxe, tampouco.

Deja un comentario