Día mundial sen coches

Hai uns días falabámosche sobre a importancia de tomar medidas para poñer freo ao maior desafío ao que nos enfrontamos na actualidade: o quecemento global. Diciámosche que todos debemos formar parte da solución e contribuír a diminuír aqueles factores que supoñen unha ameaza para o medio ambiente. O uso de vehículos privados é unha fonte importante de emisións de dióxido de carbono e está nas nosas mans demostrar que é posible reducilo. Na actualidade, calcúlase que, no mundo, circulan máis de mil millóns de vehículos a motor, o que supón unha seria ameaza para o planeta pola contaminación aérea e acústica. Desde hai 19 anos, cada 22 de setembro celébrase o Día mundial sen coches e convídase á cidadanía a prescindir do automóbil durante 24 horas. Cidades de todo o mundo únense a esta iniciativa que pretende potenciar opcións de desprazamento sen emisións. Así mesmo, é unha boa oportunidade para tomar conciencia sobre as consecuencias do uso indiscriminado dos vehículos privados. Participaches algunha vez nesta celebración? Se non o fixeches aínda, desde Gadis imos darche algunhas razón para que o fagas.

Orixe do Día mundial sen coches

Aínda que é certo que o Día mundial sen coches xorde como unha proposta da Comisión Europea no ano 2000, a súa orixe remóntase á década dos setenta. A crise petroleira que tivo lugar en 1973 xerou unha preocupación pola subministración de petróleo que levou a moitos gobernos europeos a poñer en marcha as primeiras medidas para deixar de usar o coche. Entre elas, destacou a prohibición do tráfico motorizado os domingos.

Dúas décadas despois, en 1994, tivo lugar en Toledo a Conferencia Internacional Cidades Accesibles, na que se propuxo a idea de celebrar xornadas concretas nas que se incentivase o transporte sustentable. Así, en outubro dese mesmo ano, levaron a cabo as primeiras xornadas sen automóbil en cidades como Reykjavík (Islandia), A Rochelle (Francia) e Bath (Gran Bretaña). De feito, Gran Bretaña foi o primeiro país en aplicar a campaña a nivel nacional en 1997, e no ano 2000, logrouse consolidar como unha iniciativa europea coa convocatoria de “A cidade sen o meu coche!”. Aínda que a data pode variar nalgúns países, a iniciativa está a estenderse por todo o mundo (actualmente celébrase en 2.141 cidades de 46 países) e mesmo hai cidades que organizan a semana da mobilidade para promover o transporte sustentable. Durante unhas horas, todos temos a oportunidade de imaxinar como serían as nosas vidas e as nosas cidades sen coches.

As consecuencias do uso indiscriminado do coche

O coche é o medio de transporte que máis enerxía consome e o que maior impacto ten sobre o medio ambiente. É innegable que pode ser de moita utilidade en situacións concretas como unha urxencia, o transporte de persoas con mobilidade reducida ou a necesidade de chegar a algún destino que non conta cunha rede de transporte público. Con todo, o uso xeneralizado e desmesurado é o seu principal problema, que se agrava polas baixas taxas de ocupación dos automóbiles. Existen moitos factores que o converten nunha das grandes ameazas para o medio ambiente e obsérvanse as consecuencias do seu uso indiscriminado en moitos ámbitos da nosa vida:

  • É o medio de transporte que máis enerxía consome por persoa transportada e quilómetro percorrido, case o dobre que un tren de proximidade ou un metro e catro veces máis que un autobús.
  • É o principal responsable da contaminación do aire nas cidades. Sabías que en España prodúcense 16.000 mortes prematuras ao ano relacionadas coa contaminación atmosférica? Cidades como Barcelona e Madrid seguen superando os límites de contaminación no aire permitidos pola OMS.
  • O coche privado é o medio de transporte que ocupa máis espazo e o responsable do modelo actual de cidade e de desenvolvemento urbano, que se foi adaptando ás necesidades xeradas polo incremento de vehículos particulares.
  • Os accidentes de tráfico constitúen na actualidade a quinta causa máis frecuente de morte en España e máis da metade do total de accidentes prodúcese nas cidades.
  • É o principal responsable das conxestións urbanas.
  • O 80% do ruído urbano é debido ao tráfico rodado, no que os vehículos privados representan unha ampla maioría.

Tempos de cambio

Nos últimos anos, observouse certa tendencia para modificar a maneira na que nos movemos nas cidades. Aos poucos, vaise substituíndo o coche polo transporte público, as bicicletas e mesmo os desprazamentos a pé. Segundo o Índice Mundial do Ciclismo, España é o país no que máis está a crecer o uso da bicicleta. Cambiar a forma de moverte por cidade, ademais de axudar a mellorar a contorna ambiental, axuda á túa saúde. Opcións como camiñar ou montar en bicicleta terán beneficios medibles e rápidos na túa sensación de benestar.

O Día mundial sen coches celébrase no marco da semana europea da mobilidade, que transcorre do 16 ao 22 de setembro. Este ano baixo o lema “Camiña con nóss”. Na páxina web do Ministerio de Transición Ecolóxica podes atopar información sobre as actividades que se celebran en toda España.

Gustaríache unha cidade con menos coches e máis amable con peóns e ciclistas? Este 22 de setembro deixa aparcado o teu coche e opta por novas maneiras de desprazarte que sexan respectuosas co medio ambiente. Que che parece? Crees que a túa cidade está preparada para que poidas deixar de usar o teu coche?

Deja un comentario