Día Mundial da Auga. A pegada hídrica da túa compra de alimentos

O próximo 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga, que non só busca lembrar a importancia deste líquido esencial, senón tamén concienciar sobre a crise mundial da auga e a necesidade de buscar medidas para atallala. Este ano, desde Nacións Unidas, preténdese poñer en valor a significado da auga para as persoas e resaltar a importancia de protexer e compartir mellor este recurso. O incremento poboacional, as crecentes demandas da agricultura e a industria, e o impacto do cambio climático ameazan os recursos hídricos do planeta. Sabías que a industria alimentaria é a responsable do 70% do consumo mundial de auga doce? A cantidade que consumimos as persoas no noso día a día (10%) representa unha parte mínima do gasto total. A pegada hídrica é un bo indicador para actuar e tomar medidas que nos axuden á adquisición de hábitos máis sostibles.

De acordo cos datos de Water Footprint Network, España é o oitavo país do mundo e o segundo de Europa con maior pegada hídrica (case duplica a media mundial). Preocupante, non crees? Os procesos produtivos, especialmente os agrícolas, representan o 80% do total de gasto de auga. Por tanto, sería conveniente revisar as pautas de consumo para tratar de minimizar o seu efecto sobre os recursos hídricos. En Gadis, temos un compromiso firme coa redución do impacto ambiental das nosas accións e queremos axudarche a ti tamén a mitigalo. Tendo en conta que a industria alimentaria consome a maior parte dos recursos hídricos, hoxe imos falarche da pegada hídrica da túa compra para darche algunhas pistas sobre como reducila.

Que é a pegada hídrica?

O concepto de pegada hídrica xurdiu para calcular toda a auga utilizada na cadea de subministración dun produto. É dicir, realiza unha estimación da cantidade de auga doce empregada na produción dos bens e servizos que consumimos. O cálculo ten en conta a auga incorporada ao produto, pero tamén outros indicadores como a que se contaminou, a que se devolveu a outra conca ou ao mar e, mesmo, a evaporada en todos os procesos. Así, permite cuantificar todos os impactos relacionados.

Fálase de tres tipos de indicadores de pegada hídrica en función do orixe da auga:
Pegada hídrica verde, a que se corresponde coa auga que procede directamente de choiva ou neve e que se almacena no chan.
Pegada hídrica azul, auga que procede de fontes naturais ou artificiais mediante infraestruturas ou instalacións operadas polo home.
Pegada hídrica gris, auga contaminada nos procesos de produción que, posteriormente, é necesario diluír para cumprir coas normativas sectoriais.

A pegada hídrica da túa compra

É evidente que os nosos hábitos alimentarios teñen unha gran repercusión na saúde do planeta e a túa cesta da compra pode resultar máis ou menos sostible en función da túa dieta. A cantidade de auga necesaria para cultivar e elaborar os alimentos varía duns a outros. Por exemplo, segundo a Fundación Aquae, para producir un quilo de tenreira, necesítanse 15.400 litros de auga; para obter medio quilo de manteiga, 2.700 litros; e para unha soa hamburguesa, 2.400 litros. No que respecta a legumes e cereais, o arroz é o alimento que require máis auga (1.700 litros para medio quilo). Para obter medio quilo de trigo, necesítanse 500 litros e, para medio quilo de lentellas, 25 litros. Entre as froitas e as hortalizas, unha mazá necesita 70 litros de auga; unha laranxa, 50 litros; unha pataca, 25 litros; e unha leituga ou un tomate, 13 litros de auga. Estes son só algúns exemplos. Podes calcular a pegada hídrica dos alimentos que consumes coa calculadora da Fundación.

É importante tomar conciencia da cantidade de auga que se necesita para a produción dos alimentos se queres reducir a túa pegada hídrica e que a túa cesta da compra estea adaptada a ela. Pero non só has de ter en conta a produción do produto, senón tamén o ciclo de vida completo. Por que? Porque, segundo un estudo da Universidade Politécnica de Madrid, o desperdicio de alimentos nos fogares españois xera unha pegada hídrica de máis de 130 litros por persoa e día. Por tanto, a planificación da túa compra será clave.

Como reducir a pegada hídrica da túa cesta da compra?

De acordo cos expertos, as dietas mediterránea e atlántica contribúen a lograr unha menor pegada hídrica nos fogares grazas a que se basean en alimentos cuxa produción require menos auga (peixe, froita e verdura). En realidade, calquera dieta equilibrada e saudable debería axudarche a mitigar o impacto, pero aquí deixámosche algúns consellos para axudarte:
Reducir o desperdicio alimentario. A semana pasada ofrecémosche algunhas ideas de receitas para logralo.
– Consome máis vexetais e menos carne. Necesítanse moitos máis litros de auga para producir un quilo de carne que para cultivar un quilo de calquera verdura ou legume.
– Aposta polo consumo de produtos de proximidade. Elimínanse os desprazamentos e redúcese a pegada hídrica.
– Apoia a agricultura sostible, cuxas técnicas reducen o consumo de auga doce.
– Pensa en como vas cociñar os alimentos para evitar consumir cantidades de auga innecesarias.

Como ves, pequenos cambios na cesta da compra poden ter un gran impacto na túa pegada hídrica e non só estarás a coidar da saúde do planeta, senón tamén da túa propia 😉.