Día mundial dos avós

Hai uns anos, a figura das avoas e avós impregnaba, sobre todo, o tempo de lecer e os recordos do verán. Pero, hoxe en día, a súa presenza incrementouse na rutina diaria das familias ante as necesidades que foron marcando os novos tempos. En moitos casos, son eles quen facilitan a conciliación da vida familiar e laboral dos pais ao quedar a cargo dos netos. Segundo os datos da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía (SEGG) e os resultados da Enquisa de Saúde, Envellecemento e Xubilación en Europa ( SHARE), un de cada catro avós españois dedica entre seis e sete horas diarias a coidar das súas netas e netos. Aínda que é certo que o seu rol foi cambiando, o que é innegable é que a súa compañía é moi importante para calquera menor, independentemente das circunstancias. O 26 de xullo celébrase en España o Día Mundial dos Avós, e en Gadis queremos acordarnos deles e recoñecer a importancia que teñen dentro do núcleo familiar.

O labor dos avós transcende o labor do coidado das netas/vos -se é que o asumiron-, xa que son, sobre todo, unha figura clave no desenvolvemento emocional de nenas e nenos. Este novo papel que adquiriron non debe menoscabar a relación de tenrura e afecto que adoita establecerse entre os avós e os netos. Quen non lembra esas pequenas concesións que lles facían? Unha mirada cómplice que tapaba algunha travesura infantil, ese doce co que nos recibían, unha propina para poder comprar o obxecto dos nosos desexos… Sen ningunha dúbida, eles achegan un ingrediente fundamental durante a infancia e merécense que celebremos o seu día.

Por que se celebra o Día dos Avós o 26 de xullo?

O 26 de xullo é a data elixida para honrar a figura dos avós porque se fixo coincidir coa festividade de Santa Ana e San Xoaquín no santoral. Segundo a Biblia, eles eran os pais da Virxe María e, por tanto, avós de Xesús. En España, foi a Fundación Mensaxeiros da Paz do pai Anxo a que promoveu, desde 1998, esta conmemoración para homenaxear, recoñecer e agradecer o labor das avoas e avós.

Con todo, a data de celebración non é a mesma en todo o mundo. A maioría dos países con tradición cristiá adoptaron o 26 de xullo. Pero, por exemplo, países como Francia (primeiro domingo de marzo), Polonia (21 e 22 de xaneiro), México (28 de agosto), Colombia (cuarto domingo de agosto), Canadá (segundo domingo de setembro), Chile (15 de outubro) ou EE. UU. (en setembro) teñen as súas propias datas ao longo do ano.

Pola súa banda, Nacións Unidas promove o Día Internacional das Persoas de Idade, unha xornada dedicada ás persoas maiores que se celebra o 1 de outubro. Cada ano seleccionan un tema para concienciar sobre a figura dos anciáns e alentar aos gobernos para introducir cambios para mellorar a situación das persoas maiores nos seus países.

Cal é o obxectivo do Día dos Avós?

Non é un día festivo, pero o Día dos Avós é unha invitación para celebrar e tamén para reflexionar sobre eles. En moitas ocasións son os membros máis queridos da familia polos cales se adoita sentir certa veneración. Non en balde as relacións que se tecen con eles baséanse na complicidade e o afecto, e son os transmisores de historias e experiencias. O seu labor como coidadores e como raíces da familia merecen recoñecemento e respecto.

Tampouco queremos esquecernos daquelas persoas que, sen ser avós, alcanzaron a idade para selo. Os cambios sociais que se produciron no último século afectaron á composición da poboación mundial. Na actualidade, case un 10% das persoas son maiores de 60 anos e prevese que, en 2050, superen o 20% da poboación. É evidente que é necesario prestar atención ás súas necesidades e para iso habemos de darlles visibilidade. Que mellor oportunidade que unha data como esta para facelo?

Non hai ningunha celebración oficial nin institucional deste día, pero podemos aproveitalo para facer plans cos avós da familia. Unha comida, unha tarde de cinema, un paseo ou simplemente facerlles compañía. Pode ser un día para a nostalxia e os recordos, pero tamén para a reivindicación.

Desde Gadis queremos sumarnos ao recoñecemento do papel que desempeñan as avoas e avós e as persoas maiores na sociedade. E é que para nós son un dos alicerces básicos da sociedade e sempre tentamos poñer en valor a súa figura. Sen ir máis lonxe, A maxia do noso, a nova campaña de Vivamos como galegos! é a historia dun neno que se enmarcar nun mundo máxico a través do relato dun conto que lle regala o seu avó.

FELIZ DÍA A TODAS AS AVOAS E AVÓS!

1 Comentario

  • Hortensia
    Publicado el 26 Xullo, 2019 3:24 0Likes

    Muchas gracias a Gadis por su reconocimiento. Soy abuela y es gratificante vuestra valoración

Deja un comentario