DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

O 7 de abril é o Día Mundial da Saúde 2019, unha efeméride que ofrece moitas oportunidades para transmitir a importancia da equidade nos servizos de atención de saúde. Tanto pola saúde das persoas como pola saúde das economías e da sociedade en xeral.

Cobertura Sanitaria Universal

Este ano, a campaña da OMS ten por obxecto axudar ás persoas para entender mellor o que significa a Cobertura Sanitaria Universal ( CSU), baixo o lema #HealthForAll.

As persoas que teñen acceso a unha atención sanitaria alcanzable e de calidade non sempre entenden como é a vida de quen non teñen tanta sorte. Por iso é importante ser conscientes e defender a igualdade de acceso á atención médica, en todas partes.

Ter Cobertura Sanitaria Universal significa abarcar toda a gama de servizos de saúde esenciais de calidade, desde a promoción da saúde ata a prevención, o tratamento, a rehabilitación e os coidados paliativos.

Lograr a Cobertura Sanitaria Universal é tamén una das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Os países que avancen no logro da CSU tamén o farán nas demais metas e obxectivos relacionados coa saúde. Gozar de boa saúde posibilita que os nenos aprendan, os adultos poidan gañarse a vida e a persoas en risco de exclusión social poidan saír da pobreza. Ademais, tamén senta as bases para o desenvolvemento económico a longo prazo.

Que é e que non é a Cobertura Sanitaria Universal

Para poder falar de CSU, un país debe ofrecer:

1. Un sistema de saúde sólido, eficiente e en bo funcionamento, que satisfaga as necesidades de saúde prioritarias no marco dunha atención centrada nas persoas. Para o que deberá:

• Proporcionar ás persoas información e estímulos para que se manteñan sas e preveñan enfermidades.
• Detectar enfermidades de forma temperá.
• Dispoñer de medios para tratar as enfermidades.
• Axudar aos pacientes mediante servizos de rehabilitación.

2. Asequibilidade: debe haber un sistema de financiamento dos servizos de saúde, de modo que as persoas poidan acceder facilmente a eles.

3. Acceso a medicamentos e tecnoloxías esenciais para o diagnóstico e tratamento de problemas médicos.

4. Unha dotación suficiente de persoal sanitario capacitado e motivado para prestar os servizos que satisfagan as necesidades dos pacientes, sobre a base das mellores probas científicas dispoñibles.

A CSU non implica a cobertura gratuíta de todas as intervencións sanitarias posibles, independentemente do seu custo. Ningún país pode permitirse ofrecer todos os servizos gratuitamente de forma sustentable no tempo. É importante entender que a CSU comprende moito máis que só a saúde. Adoptar medidas para alcanzar a cobertura sanitaria universal equivale a adoptar medidas para lograr a equidade, as prioridades en materia de desenvolvemento e a inclusión e cohesión social.

Algúns datos sobre a Cobertura Sanitaria Universal

A OMS recolle os seguintes datos e cifras con respecto á Cobertura Sanitaria Universal:

• Aproximadamente a metade da poboación mundial carece de acceso integral aos servizos sanitarios básicos.
• Preto de 100 millóns de persoas ven abocadas á pobreza extrema por ter que pagar os servizos de saúde. Significa que viven con menos de 1,70€ ao día.
• Case o 12% da poboación mundial gasta un 10% do seu orzamento familiar para pagar os servizos de saúde.
• Todos os Estados Membros das Nacións Unidas han acordado tratar de alcanzar a Cobertura Sanitaria Universal como moi tarde en 2030. O marco da consecución son os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Gadis e o Día Mundial da Saúde

Desde Gadis sumámonos ao día Mundial da Saúde e ao apoio da Cobertura Sanitaria Universal para todas as persoas. Contribuímos activamente desde a difusión duns hábitos de vida saudables que axudan ao desenvolvemento dunha vida plena e chea de saúde. Algunhas destas iniciativas son:

• Web Gadis Saudable e as súas noticias semanas, moitas delas relacionadas con hábitos de vida saudable.
• Exposición itinerante Tráiler de consumo responsable e alimentación saudable, onde se pon o foco na importancia da actividade física e a saúde das persoas.
• Programa Alimentes dirixido a escolares desde educación infantil ata 6º de primaria, con contidos específicos sobre saúde, entre outros.
• Apoio na organización de eventos deportivos e da promoción da saúde.

Deja un comentario