Día mundial da alimentación

Unha das principais preocupacións de Gadis é a alimentación. Por iso, non podiamos deixar de falar da celebración do Día Mundial da Alimentación que terá lugar o próximo 16 de outubro. Trátase dunha conmemoración promovida pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) cuxo principal obxectivo é diminuír a fame no mundo. É importante aclarar que non só se entende por fame a falta de alimento. A Organización foi un paso máis aló e, ademais de tratar de acadar a fame cero establecida na Axenda 2030, proponse tamén lograr que haxa suficientes alimentos nutritivos para todos en todas partes. Cada vez, faise máis evidente a necesidade de subliñar a importancia dunha alimentación saudable e en Gadis queremos aproveitar esta ocasión para volver facelo.

Orixe do Día Mundial da Alimentación

O Día Mundial da Alimentación foi proclamado durante unha Reunión Xeral da FAO en outubro de 1979, a pedimento da delegación húngara, encabezada por Paúl Romany, Ministro de Agricultura e Alimentación naquel momento. Xurdiu coa intención de concienciar á cidadanía sobre o problema da fame no mundo, buscando fomentar a solidariedade para erradicar a desnutrición e a pobreza. Elixiuse o día 16 de outubro para a súa celebración porque coincidía coa data de creación da FAO, que se fundou en 1945.

Un ano máis tarde, o 5 de decembro de 1980, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou o Día Mundial da Alimentación e, desde entón, celebrouse cada ano en máis de 150 países para dar a coñecer toda a problemática ao redor da fame e a pobreza. A finais de 1981, decidiuse establecer un marco de actuación anual a través de causas e lemas co fin de destacar as áreas e asuntos nos que eran necesarias reformas sociais urxentes. Estas accións converten á conmemoración nun dos días máis celebrados do calendario das Nacións Unidas, que xunta a gobernos, empresas, ONG, medios de comunicación, cidades, organizacións da sociedade civil e o público en xeral a través de eventos e actividades de divulgación. Ademais, pola importancia que ten a alimentación é o segundo Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable (ODS2: Fame cero) dentro da Axenda2030 das Nacións Unidas.

Unha alimentación sa para o mundo #FameCero

Corenta anos despois, a FAO segue apostando porque todos teñamos acceso á comida, pero pon en valor o feito de que esa alimentación sexa realmente saudable. Hai que garantir, por tanto, que achegue ao organismo os nutrientes necesarios en función da idade e as condicións de cada persoa. Por iso, o lema da campaña 2019 é “Unha alimentación sa para un mundo #FameCero”.

Por que decidiron incidir sobre o compoñente saudable cando aínda non se logrou erradicar a fame no mundo? Moi sinxelo! Porque, hoxe en día, non só a pobreza é causante da mala alimentación. De feito, o número de persoas que sofren obesidade supera a aquelas que padecen fame. De acordo cos datos da Organización, estímase que ao redor de 672 millóns de adultos e 124 millóns de nenos son obesos. Destes últimos, 40 millóns son menores de 5 anos. Os cambios na dieta e nos hábitos de vida que se viñeron experimentando nas últimas décadas tiveron consecuencias imprevistas e a mala alimentación é unha das principais causas de morte e discapacidade na actualidade. Pero esta situación non constitúe unicamente unha ameaza para o ser humano.

Queres unirte á celebración? Aposta por unha alimentación saudable e sustentable!

A campaña da FAO pretende transcender á celebración deste día e fomentar hábitos de alimentación saudables e sustentables. Podes unirte a esta conmemoración apostando por modificar as túas rutinas. Como? Aquí propoñémosche algunhas ideas que apoia a Organización:

  • Inclúe froitas, verduras, legumes, froitos secos e grans integrais na túa dieta. Son unha parte fundamental da túa alimentación. Trata de consumir produtos de tempada e locais.
  • Reduce o consumo de alimentos procesados e tenta non comer cantidades excesivas de carne e outros produtos de orixe animal.
  • Sempre que sexa posible, substitúe os alimentos refinados “brancos” polos seus equivalentes integrais. Son moito máis nutritivos e o seu impacto ambiental é moito menor.
  • Evita o consumo de graxas saturadas (carnes graxas, manteiga…) e de graxas trans producidas de maneira industrial. Aposta polas graxas insaturadas (peixe, froitos secos e aceites de xirasol, soia, colza e oliva).
  • Diminúe a túa pegada de carbono alimentaria. O impacto ambiental dos alimentos que comes depende de moitos factores. É importante que optes por produtos que non esgoten os recursos naturais, que non teñan cantidades excesivas de embalaxe e que non percorresen moitos quilómetros para chegar á túa mesa.
  • Introduce na túa dieta alimentos tradicionais, locais e de tempada para apoiar a biodiversidade. O seu valor nutricional é moi alto e podes desenvolver a túa creatividade na cociña á hora de preparalos.
  • Tenta consumir peixe das especies máis abundantes, evitando a sobrepesca, e opta por comprar peixe que fose capturado ou criado de forma sustentable. Hai certificados e etiquetaxes que che permitirán recoñecelo, búscaos na peixaría do teu Gadis.
  • Coida a maneira na que almacenas os alimentos para loitas contra o desperdicio alimentario. Facelo de maneira adecuada pode axudarche a mantelos frescos e a conservar os seus nutrientes. Ordena os teus armarios e a túa neveira para que saibas os que levan máis tempo gardados. Usa recipientes que poidas pechar completamente para manter os alimentos frescos no frigorífico e pecha ben os paquetes.

Estas son algunhas das suxestións que podes implementar na túa casa, pero se queres lembrar o obxectivo inicial co que xurdiu este día, tamén podes participar nalgún proxecto solidario. Hai moitas organizacións e institucións que contan con programas cos que podes colaborar. Anímaste?

Deja un comentario