Día Internacional das Mulleres Rurais

O 15 de outubro celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha conmemoración establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 18 de decembro de 2007. O seu obxectivo é recoñecer e visibilizar o papel decisivo da muller rural na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, na mellora da seguridade alimentaria e na erradicación da pobreza rural a través da implementación de diversas medidas que poidan contribuír a mellorar a súa situación. Unha de cada tres mulleres empregadas no mundo traballa na agricultura e, en España, máis de sete millóns de mulleres viven no medio rural. Todas elas contribúen de maneira activa ao progreso da súa comunidade, á xeración de riqueza na zona e á fixación da poboación ao territorio. Con todo, o seu labor non está exento de dificultades, agora agravados pola pandemia. Por iso, desde Gadis tamén queremos unirnos a este recoñecemento. Ademais, parécenos importante destacar non só o seu rol dinamizador no rural, senón tamén o seu traballo diario para proporcionar alimentos á poboación e para prover aos nosos supermercados de gran parte dos produtos que ofrecemos. Sen esquecer que, co seu traballo, poden axudar a preparar ás súas comunidades fronte ao cambio climático e a fomentar a sostinibilidade dentro e fóra do seu territorio.
A crise actual ha aumentado a vulnerabilidade dos dereitos das mulleres rurais e, é por iso, que, este ano, elixiuse o tema “Construír a resiliencia das mulleres rurais por mor da COVID-19”. Trátase de crear conciencia sobre a loita destas mulleres, sobre as súas necesidades e sobre o papel fundamental que desempeñan na nosa sociedade.

Por que se celebra o 15 de outubro?

A elección do 15 de outubro como data para conmemorar o papel das mulleres rurais non foi casual. Con ela, pretendíase poñer en valor a súa función como provedoras de alimentos, xa que o 16 de outubro celébrase o Día Mundial da Alimentación. Historicamente, as mulleres foron unha peza clave na alimentación da especie humana e contribuíron á orixe da agricultura. Desde entón, a súa presenza foi constante en toda a cadea alimentaria e participaron na xeración dunha riqueza que non sempre reverte nelas. Por este motivo, para celebrar este día, varias entidades e institucións propoñen diversas actividades que sirvan para informar, capacitar e sensibilizar sobre a necesidade de mellorar as condicións de vida da muller rural.

Os retos da muller rural

De acordo cos datos de ONU Mujeres, a pesar de que as mulleres rurais representan un cuarto da poboación mundial, menos do 20% dos propietarios de terras en todo o mundo son mulleres. Ademais, a brecha salarial de xénero nestas zonas chega a alcanzar o 40%. En consecuencia, moitas campesiñas sofren os múltiples efectos da pobreza e tampouco dispoñen dun acceso equitativo aos diferentes recursos e servizos. En xeral, enfróntanse a barreiras estruturais e normas sociais discriminatorias que limitan o seu poder e participación na comunidade, desenvolvendo, moitas veces, un labor invisible e non remunerado. Non é sorprendente, pois, que os indicadores de xénero e desenvolvemento revelen que as condicións das mulleres rurais adoitan ser peores que as dos homes do rural e das mulleres urbanas. Estas diferenzas increméntanse de maneira notable nas rexións en vías de desenvolvemento, en comunidades indíxenas e en grupos de mulleres con algún tipo de discapacidade.
A única maneira de lograr un desenvolvemento sostible é erradicar a pobreza e eliminar calquera tipo de desigualdade. Neste sentido, a mellora da situación das mulleres rurais parece unha tarefa prioritaria, na que han de terse en conta varios aspectos:

  • As necesidades específicas das mulleres rurais.
  • A necesidade de investir na súa formación e desenvolvemento.
  • A necesidade de apoderamento político e socioeconómico deste colectivo.
  • A necesidade de que poidan participar de maneira plena e igualitaria en todos os asuntos da súa comunidade.
  • O desenvolvemento de servizos de asistencia económicos, financeiros e legais.

O papel da muller rural no desenvolvemento sostible

Un dos requisitos fundamentais da folla de ruta exposto pola Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible é non deixar a ninguén atrás. Por tanto, lograr a igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres rurais é unha parte intrínseca aos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS). Trátase de desenvolver economías máis verdes, máis inclusivas e sociedades máis fortes e resilientes, algo para o que as mulleres rurais parecen especialmente preparadas debido ao seu papel como coidadoras do planeta. Por exemplo, estímase que, se tivesen o mesmo acceso aos activos agrícolas, á educación e aos mercados que os homes, poderíase aumentar a produción agrícola e reduciríase o número de persoas que padecen fame en 100-150 millóns.

O traballo deste colectivo contribúe a lograr un desenvolvemento sostible a través das súas distintas facetas:

  • O fomento do desenvolvemento agrícola e rural.
  • A súa contribución para tratar de alcanzar o obxectivo #HambreCero a través da provisión de alimentos.
  • A súa achega para tentar erradicar a pobreza.
  • O seu papel activo para garantir a seguridade alimentaria.
  • A súa xestión dos recursos naturais.
  • A súa axuda na adaptación das comunidades ao cambio climático. Cada vez, hai máis iniciativas femininas baseadas en prácticas tradicionais de gandería e agricultura que axudan a fomentar a biodiversidade a través dunha xestión sostible da paisaxe. Así, logran terreos máis resilientes fronte a elementos climáticos extremos como secas ou incendios.

Seguro que na túa contorna próxima hai algunha muller rural. Non che parece unha boa ocasión para indagar nalgúns aspectos do seu traballo? Probablemente, sorprenderache descubrir que a sostibilidade xa estaba presente nas súas tarefas moito antes de que a palabra empezase a estar de moda 😉.

Deja un comentario