Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2020

Hoxe celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e, por segundo ano consecutivo, en Gadis unímonos a esta celebración. Como afirma a UNESCO, “a ciencia é a maior empresa da sociedade”. Grazas á ciencia podemos vivir máis tempo e mellor, podemos levar auga e enerxía ás nosas vidas, achéganos comida e ten un papel importante no desenvolvemento da práctica deportiva, a música, o lecer, a cultura, as comunicacións… Sen ciencia as nosas vidas non se parecerían ao que realmente son.

En 2015, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Isto é debido a que, do mesmo xeito que noutros moitos campos profesionais, existen barreiras que dificultan o acceso e a participación equitativa de mulleres e nenas na ciencia e na tecnoloxía. Ser capaces de afrontar este desfasamento é un requisito para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) incluídos na Axenda 2030. Un dos pasos máis importantes para logralo é impulsar a divulgación científica. Diso trata o noso artigo de hoxe.

A importancia da divulgación científica

Por que hai menos mulleres na ciencia? Non hai unha única resposta para iso. En España hai estudos que mostran que a ausencia de referentes femininos na ciencia é unha realidade.

A investigadora Ana López Navallas conclúe no seu traballo que nos libros de ESO do currículo oficial en España tan só un 13% de referencias científicas son de mulleres. Na Universidade Complutense investigaron sobre as citas científicas na internet. Soamente un 12% son de científicas.

Para facer fronte a esta realidade, no noso país está a cobrar moita importancia o papel que as mulleres están a desenvolver no ámbito da divulgación científica. A divulgación científica é unha profesión que pretende facer accesible o coñecemento especializado; isto é, traballa para “traducir” a linguaxe científica nunha linguaxe entendible por todas as persoas da sociedade. Moitas das mulleres que traballan nese campo son verdadeiras referentes científicas dos nosos tempos. Queres coñecelas? Desde xa mesmo animámosche a que lles sigas a pista e fales delas ás túas nenas e nenos.

Divulgadoras científicas españolas

Recompilámosvos unha listaxe de mulleres científicas que dedican a súa actividade á divulgación. Con iso conseguen un dobre obxectivo: achegar a ciencia á poboación xeral e a xeracións futuras en particular, e concienciar sobre as barreiras de xénero na profesión. Imos alá!

  • A matemática e escritora Clara Grima. Clara comezou a súa aventura profesional impartindo clases de Matemática Aplicada na Universidade de Sevilla, pero tras 10 anos e ser nai comezou a facer divulgación científica para todas as idades. Podédela atopar nos libros da vosa librería favorita, en podcasts sobre ciencia, organizando xornadas como as de JotDown ou colaborando con portais científicos tan recoñecidos como Naukas.

  • Deborah García Bello, máis coñecida en redes sociais como @Deborahciencia. Esta coruñesa é química e divulgadora científica nunha infinidade de actividades. É colaboradora do programa de televisión especializado en ciencia, Orbita Laika, que volverá emitirse a partir do 18 de marzo, os luns ás 22:00 horas en La2 de TVE. Ademais, na súa canle de Youtube e no seu blog debulla periodicamente noticias relevantes sobre a ciencia dos alimentos ou a cosmética.
  • A bióloga e Doutora en Neurociencias pola Universidade de Salamanca, Conchi Lillo, é actualmente investigadora na área de neuroloxía da visión do Instituto de Neurociencias de Castela e León (INCYL). Recomendámosvos a súa charla en Naukas Córdoba, hai un par de semanas: Conchi Lillo, é o fin da luz azul!

Esta é unha pequena selección de divulgadoras científicas, que poderiamos seguir ampliando con nomes como os de Alba Cervera Lierta, Natalia Ruiz Zelmanovitch, Carolina Jiménez, Gemma del Caño o Laura Morrón. Todas elas mulleres que teñen en común divulgar as particularidades das súas profesións e da ciencia. Pero non soamente elas son unha inspiración para nenas e mozas. Tamén existen compañeiras que son unha auténtica revolución en redes. Este é o caso da nena Valeria Currais e o seu proxecto VALPAT.

Valeria Currais, unha nena aragonesa de 10 anos, xunto con Patricia Heredia a súa profesora-mentora de robótica crearon un canle web que ten como obxectivo “inspirar e ensinar a nenas de España e América Latina a aprender, divertirse e darse conta que se queren ser enxeñeiras é algo que poderán facer aínda que sexan nenas”.

É necesario un Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia?

Aínda que é certo que se lograron avances, en Gadis cremos necesario seguir apostando pola diversidade e a inclusión da muller na ciencia. Este Día é un bo momento para lembrar que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental nas comunidades científicas. É necesario apoiar e fortalecer a súa participación a través de diversas iniciativas que aproveiten a súa creatividade e as súas propostas innovadoras, e fomenten o carácter inclusivo da educación, a investigación e o desenvolvemento.

As palabras de António Guterres, Secretario Xeral das Nacións Unidas, resumen o espírito co que se proclamou esta celebración e os seus obxectivos principais: “Velemos porque cada nena, en calquera parte do mundo, teña a oportunidade de alcanzar os seus soños, crecer conforme o seu potencial e contribuír a un futuro sostible para todos”.

Queres participar nesta iniciativa? Este ano celebraranse máis de 1 700 actividades en toda España, entre as que se incluirá algunha homenaxe a Margarita Salgas, científica pioneira en viroloxía e xenética molecular e un dos máximos expoñentes da ciencia española. Ninguén mellor que ela para abandeirar este Día. Podes consultar todas as actividades na web do proxecto 11 de febreiro, do que xa che falamos o ano pasado, e nas axendas culturais da túa localidade.

Deja un comentario