Día do Libro 2019

Parece mentira, pero xa é 23 de abril. Estamos de novo nun dos nosos días favoritos do ano. O Día do Libro 2019. En Gadis encántanos celebrar esta data e compartir convosco, familias e escolas, libros que teñen un éxito garantido. En 2018 fixemos unha selección por idades. Este ano propoñémosvos unha selección por temas. Animámosvos a que vos acheguedes á biblioteca do cole ou do barrio, collades un libro e gocedes da historia que vos conta.

Libros sobre consumo responsable

Que ordenado! Fonte: editorial Picarona

Hai tempo que seguimos o blogue especializado A cuentería respectuosa, onde aparece unha recensión sobre o libro Que ordenado! Da editorial Picarona. Aínda que é unha publicación dirixida a lectores con autonomía, é posible traballar con ela na aula desde educación infantil. A trama protagonízaa Dante, un teixugo moi pero que moi preciso, que se pasa todo o día ordenando e limpando o bosque e mesmo os animais que o habitan. A súa obsesión por querelo deixar todo perfectamente recolleito fará que o bosque deixe de ser o que era e que nin el atope o seu sitio na chaira de cemento que substituíu o seu espazo natural. Dante dáse conta entón de cometer un erro e coa axuda dos demais animais volverán poñer as cousas na súa verdadeira orde! A través do humor, aos poucos, iremos dando conta do exceso, o abuso sobre a natureza e entendemos as consecuencias ás que levará esa actitude de control e de perfeccionismo. Tamén entendemos a responsabilidade que temos que ter fronte ao noso planeta e a nosa mesma vida.

A horta de Simón. Fonte: Editorial Kalandraka

Sen lugar a dúbida, A horta de Simón (editorial Kalandraka) debe estar entre as vosas lecturas de infantil (a partir de 5 anos). Simón é un simpático coello que ao chegar a primavera decide preparar o seu propio horto e sementar as súas cenorias. Paulatinamente, vanse sumando a el novos e simpáticos personaxes que achegan máis sementes ao terreo. A horta de Simón termina por converterse nun gran horto comunitario rico en plantas de todo tipo e en persoas xenerosas. Este libro recibiu o X Premio Compostela de Álbums Ilustrados 2017 e o Premio Fundación CuatroGatos 2019.

Libros sobre alimentación saudable

Somos conscientes de que hai nenas e nenos aos que lles custa comer certas verduras ou froitas. Non debemos desesperar. Podemos probar a asociar esta comida con actividades divertidas como xogar e ler. Aquí deixámosvos dúas ideas, unha para péquelos e outra para os maiores, con autonomía para ler e cociñar 😉

Esa froita é miña! De editorial Andana

Esa froita é miña! De editorial Andana. Neste conto un grupo de cinco elefantes descobren unha nova árbore moi alto, e na parte máis alta da árbore, atópase a froita máis deliciosamente deliciosa que calquera deles probase algunha vez. “MIÑA!”, grita cada elefante. “Miña, miña, miña, miña, MIÑA!” Pero quen chegará primeiro? Cada un dos elefantes elabora a súa estratexia particular para poder chegar todo o máis alto da árbore e conseguir o tesouro. Pero todos os elefantes van fracasando no seu intento solitario. Aos poucos van aparecendo novos animais que unen os seus esforzos para conseguir a froita. Unha divertida historia sobre o traballo en equipo e sobre a importancia de cooperar.

Unha cociña tan grande como unha horta. Fonte: Editorial Kókinos

Unha cociña tan grande como unha horta, da editorial Kókinos, debería formar parte da biblioteca de calquera casa e escola. Un libro que recolle unha extraordinaria viaxe a través do mundo das froitas e hortalizas. Con receitas que nos levarán a descubrilas de maneira diferente, datos de como se cultivan ou cal é a súa historia e proverbios de diversas culturas. Ademais, o índice das receitas sinala a tempada dos ingredientes de cada receita, así que é ideal para comentar os beneficios de utilizar ingredientes de tempada. O “único pero” que lle poñemos a este libro é que moitas receitas levan azucre. Aínda que sempre podemos cambiar este ingrediente por panela, mel, dátiles…

Esta editorial conta con outras publicacións como Unha cociña co aroma das sopas do mundo enteiro ou Unha cociña tan grande como o mundo.

Libros sobre vida activa

Segundo un Estudo sobre a análise de materia na literatura infantil relacionada coa Educación Física e o Deporte publicada en España (Guimarães e Da Cruz; 2011), predomina unha monocultura deportiva baseada no fútbol nas obras infantís relacionadas coa temática. Desde títulos para péquelos da casa como Peppa xoga ao fútbol, a Kika Superbruxa tola polo fútbol, pasando pola coñecidísima serie Os futbolísimos.

A familia Trota-Deporte. Fonte: Editorial SM

Hoxe querémosvos mostrar outra realidade, a de publicacións que promoven outro tipo de deportes menos coñecidos, pero igualmente con múltiples beneficios para as nenas e nenos. Empezamos con A familia Trota-Deporte, de editorial SM. Fálanos dunha familia moi viaxeira. A todos gústalles moito coñecer outros países e culturas e, ademais, gústalles moitísimo o deporte, así que deciden ir aos Xogos Olímpicos de Pequín. A través de títulos como Na pista de atletismo, No ximnasio olímpico, Na cancha de baloncesto (e máis), cóntannos historietas onde Lina, Rita, Tom e Nano, o seu can Cucho e a súa nai e o seu pai gozan de xeito abondo practicando deporte.

Os Cinco Cracks. Fonte: Editorial Edelvives

Para lectores e lectoras maiores propoñémosvos a serie Os Cinco Cracks, da editorial Edelvives. Nesta serie Ilka, Yabali, Linh, Lennart e Michael pertencen á mellor xeración de deportistas que tivo nunca o seu colexio e considéranse amigos inseparables. As miniolimpiadas do seu centro escolar son o escenario onde sacan á luz todas as súas habilidades deportivas… e detectivescas! Mentres se desenvolven os campionatos, os cinco novos terán que usar a súa intelixencia para resolver tamén algúns estraños sucesos. O mellor deste libro é que os seus autores definen personaxes claros. Cada un deles é o mellor no seu deporte e teñen diferentes aptitudes e gustos, de maneira que as nenas e nenos poderán verse reflectidos nun ou outro. Existen personaxes máis ou menos competitivos, máis ou menos tranquilos, nadadora, amante da velocidade…

Gústanvos estas recomendacións? Esperamos que si. Nada nos gustaría máis que poder axudar a nosos peques a gozar dun bo intre de lectura. Feliz Día do Libro!

Deja un comentario