Día das Letras Galegas 2020

Nesta primavera estraña, non poderemos festexar nas rúas o Día das Letras Galegas. A situación actual obrigou á Real Academia Galega a aprazar a súa celebración ata o próximo 31 de outubro. Será entón cando se renderá tributo con actos á labor de Ricardo Carvalho Calero que logrou a canonización da historia da literatura galega. Coa nova data, a institución quixo facer unha chiscadela ao nacemento do intelectual ferrolán, quen cumpriría 110 anos o día anterior. Con todo, a pesar destes cambios, tanto desde a RAG como desde a Xunta de Galicia, puxéronse en marcha distintas iniciativas para lograr que o 17 de maio se convirta nunha celebración virtual colectiva que permita homenaxear a súa figura. Parece, pois, que o 2020 brindaranos a posibilidade de conmemorar dúas veces a importancia da creación literaria en galego e lembrar a importancia de protexer esta lingua. Gadis sempre mantivo un vínculo especial coas Letras Galegas e non atopamos mellor maneira para celebrar este día que a lectura. Por iso, hoxe recomendámosche algunhas obras contemporáneas coas que poder gozar da literatura galega o vindeiro domingo

Cinco lecturas para celebrar o Día das Letras Galegas

Desde finais do século XX, o sector literario galego foise ampliando de tal maneira que, na actualidade, non é difícil atopar obras de calquera xénero literario. Con esta selección, apostamos por propostas contemporáneas que seguro farán que queiras ler máis literatura galega.

1. Código Morse de Xavier Alcalá

Ambientada nunha aldea galega, a novela de Xavier Alcalá arrinca na guerra civil e a posguerra, coa súa secuela de guerrillas e fuxidos, ata chegar aos nosos días. Código morse recrea a vida dun pazo, na que o seu protagonista, sendo un neno, descobre a existencia dun secreto gardado polas sucesivas xeracións da súa familia desde a época dos corsarios. El, un home de ciencias, cartesiano, educado na idea de que só existe aquilo que se pode formular, é o narrador dunha historia de misterio salpicada por elementos pasionais como a cobiza, o amor e o odio. O autor mergulla ao lector nun relato no que as mensaxes codificadas, os espellos e o transmundo configuran un universo que non só reflicte a vida da casa familiar, senón tamén os cambios sociais que revolucionan un ambiente en aparencia tranquilo, atopando de maneira inesperada unha axuda para resolver o enigma.

2. Vidas post-it de Iolanda Zuñiga

Iolanda Zuñiga escribiu o súa opera prima, que tivo unha gran acollida entre os lectores, nos post- it do restaurante de comida rápida no que traballaba. O libro reúne un compendio de microrrelatos concisos e veloces, que conforman unha sorte de receitario de fracasos. Narran o día a día de personaxes urbanos asfixiados polas esixencias dun mundo que os oprime, que lles esixe historias de éxito tanto na súa vida persoal como profesional, mostrando a súa cara máis crúa. Trata temas universais como a incomunicación, a soidade, o desamor ou a violencia e outro tipo de miserias que se converten no elemento opresor dos protagonistas. Quizá a forma na que foi concibida a obra reflíctese no estilo da súa prosa, directo e rotundo, que confire a sensación de atoparnos ante tráileres de películas que mostran a parte máis escura de vidas marcadas por un naufraxio persoal ou colectivo.

3. Un tipo listo de Xosé Monteagudo

Galardoada co Premio García Barros 2009, a novela comeza coa morte dun director dunha sucursal bancaria de Vigo. O descubrimento do seu cadáver revela un desfalco sen precedentes, que fai recaer as sospeitas sobre os fillos do falecido. Unha complexa trama financeira e as súas repercusións legais son quizá o menor dos problemas aos que se enfrontan, xa que a escura personalidade do pai sitúalles ante un inquietante legado. Unha especie de crónica familiar e social que expón unha reflexión sobre as relacións paterno-filiais e as consecuencias familiares dunha herdanza, así como o prezo que se ha de pagar para lograr unha traxectoria con éxito. A trama mantén en tensión ao lector dosificando a información, á vez que o introduce nunha historia de segredos e medias verdades con moito suspense.

4. Herba moura de Teresa Moure

Esta novela, gañadora do Premio Xerais 2005, fantasea sobre a vida e as paixóns de Descartes a través da perspectiva de tres mulleres: Einés Andrade, unha estudante que está a elaborar a súa tese sobre o pensador, a raíña Cristina de Suecia e Hélne Jans, unha bruxa residente en Amsterdam que é a súa amante. A través dunha miscelánea de textos (cartas, poemas, receitarios, herbarios) e de recursos estilísticos, a autora constrúe unha novela que pretende resaltar o papel da muller na historia. Así mesmo, pode considerarse tamén unha oda aos distintos tipos de paixón que vai presentando: o amor, o coñecemento, a amizade, a maternidade, a lectura e a palabra.

5. O último barco de Domingo Villar

O inspector Leo Caldas volve ser o protagonista da última novela de Domingo Villar. Ambientada na área de Vigo como as dúas entregas anteriores, esta vez todo sucede ao redor da desaparición de Mónica Andrade, unha muller que non se presentou a unha comida familiar nin ás clases que debía impartir ao día seguinte. O autor volve tecer unha historia dentro dese mundo particular que construíu no xénero da novela negra. Cun tempo e espazo determinados, crea labirintos de misterios, nos que se mesturan historias persoais, e mostra que, como no mar, a máis apracible das superficies pode ocultar un fondo escuro de devastadoras correntes. Dez anos despois, o detective vigués volve enganchar aos lectores como xa o fixera en Ollos de auga e A praia dos afogados.

Tes algunha recomendación para celebrar esta conmemoración? Esperamos que goces da celebración, seguro que amenizada polas palabras dalgún dos autores que contribuíron a forxala. Feliz Día das Letras Galegas!

Deja un comentario