Descanso saudable

Durmir ben e suficiente é tan necesario como comer ben e exercitarse.

O soño e a saúde

Parástesvos a pensar que cando un neno pequeno chora sen razón aparente, dicimos que ten soño? Dicímolo porque sabemos que o humor nos bebés é directamente proporcional ao descanso que teñan. Con todo, a medida que crecemos esquecémonos disto e, seica, non deberiamos pensar o mesmo dos adultos?
O soño inflúe tanto na saúde física como mental. O corpo e a mente necesitan recuperarse da tensión do día. Poida que ás veces non sexamos conscientes de canto necesitamos unha boa sesta. Tentamos suplantar a necesidade de durmir con elevadas doses de cafeína, que son prexudiciais para un soño reparador á noite.
Durmir máis e mellor é un sinxelo consello que podemos aplicar xa mesmo para unha vida saudable. O descanso afecta as hormonas de crecemento e da tensión, ao sistema inmunitario, ao apetito, a respiración, a presión arterial e a saúde mental e cardiovascular, entre outras funcións básicas. Para manter ao noso organismo funcionando correctamente, durmir é imprescindible.

 

Para que serve durmir?

Poderiamos pensar que durmir é unha perda de tempo. Nada máis lonxe da realidade. Para ter unha vida plena e gozala ao máximo, debemos descansar adecuadamente.
Despois dunha boa noite de descanso, o noso humor mellora. Temos os reflexos máis agudizados, os nosos niveis de enerxía son máis altos e podemos render máis tanto física como intelectualmente.
A falta de soño relaciónase co sobrepeso e a obesidade. Os nenos que dormen menos horas das recomendadas teñen máis posibilidades de ser adultos con sobrepeso. Así mesmo, o sobrepeso e a obesidade dificultan un soño pracenteiro. O cal se converte nunha espiral pouco saudable.
Tamén existe relación entre a falta de soño e a enfermidade mental. Ansiedade, depresión, tensión…, e mesmo outras afeccións poden desencadearse de non durmir ben. Do mesmo xeito que comentabamos no caso anterior, a enfermidade mental pode provocar trastornos do soño que dificultan que este sexa pracenteiro e reparador.
Tomarnos en serio a cantidade e calidade do soño, debe ser unha prioridade nas nosas vidas.

Cantas horas temos que durmir?

Pois nisto das horas como na maioría das veces, cada corpo é único. Hai persoas que con 6 horas están frescas como unha leituga recentemente recollida. Outras necesitan polo menos 9 para poder enfrontarse ao día con enerxía.
Os bebés dormen unhas 16 horas ao día. Os nenos e nenas deben durmir ao redor dunhas 10 horas. Os adultos, entre 6 e 9 en función das necesidades de cada un.
Como xa comentamos, ademais da cantidade, é moi importante a calidade do soño. Prestade atención aos próximos consellos 😉

Como podemos mellorar a calidade do soño?

Podemos coidar a contorna:

  • Temperatura media no dormitorio, nin moito frío nin moito calor.
  • Espazo ventilado, sen chegar a ter corrente.
  • Escuridade e silencio.
  • Mellor deixar os aparellos electrónicos fóra da habitación.
  • Reservar a cama para durmir. Recomendase non realizar outras actividades como ler, ver a tele ou escoitar a radio…

Tamén podemos prepararnos ao longo do día e antes de ir a durmir para mellorar a calidade do soño:

  • Se durmimos sestas, mellor limitalas a 30 minutos aproximadamente.
  • Non consumir cafeína en exceso.
  • O consumo de alcol e tabaco dificultan un soño reparador.
  • Facer exercicio físico adecuado ás nosas necesidades.
  • Evitar o exercicio intenso xusto antes de deitarnos ou a visión de imaxes impactantes ou estresantes (películas, libros, programas de radio?).
  • Manter unha rutina de deitarse e levantarse ás mesmas horas.
  • Cear o máis afastado posible ao momento de ir á cama.
  • Practicar algunha técnica de relaxación e/ou respiración.
  • Tomar algo quente e calmante (tipo camomila ou tila) polas noites antes de ir durmir.

Non cabe dúbida de que o descanso forma parte dunha vida saudable. Todas as áreas da nosa vida están interconectadas e aféctanse unhas a outras. Durmir ben axuda a sintetizar mellor os nutrientes e a rexenerar o noso organismo. Grazas a un descanso de calidade, seranos máis sinxelo manter un peso saudable, mellorar a nosa saúde mental e sentirnos con máis motivación para practicar exercicio.

Cóidate da noite á mañá!

Podes consultar máis información nas seguintes ligazóns:

Deja un comentario