Catro lecturas para salvar o planeta

Con frecuencia, en setembro acumúlanse os propósitos que pretenden introducir algún cambio nas nosas vidas: iniciar unha nova actividade, modificar hábitos cos que non estamos conformes, coidar da nosa contorna… Cantas veces nos prometemos, por exemplo, empezar a facer exercicio co inicio do novo curso? E cantas o logramos? Que che parece se este ano che axudamos a cumprir algún deses obxectivos que figuran na túa axenda (ou tal vez engadamos un que se quedara no tinteiro 😉)? En Gadis, estamos moi comprometidos coa sustentabilidade do planeta e queremos que ti tamén poñas o teu grao de area. Sabemos que é un tema recorrente no noso blogue, pero queda menos dunha década para cumprir os 17 obxectivos marcados pola Axenda 2030 e necesitamos poñernos as pilas, non che parece? Hoxe queremos que te animes a marcar a diferenza e imos falar de sustentabilidade e cambio climático. Ademais, deixamos catro lecturas para salvar o planeta. Toma nota!

Que é a sustentabilidade?

O concepto de sustentabilidade é relativamente recente. Apareceu por primeira vez nun informe para as Nacións Unidas publicado en 1987. Nel, alertábase sobre o efecto negativo do desenvolvemento económico e a globalización sobre o medio ambiente, definindo como desenvolvemento sostible “aquel que satisfai as necesidades do presente sen comprometer as necesidades das futuras xeracións”. Por tanto, temos que comprender que a natureza e o medio ambiente non son unha fonte inesgotable de recursos e, por iso, temos que protexelos e usalos de maneira racional. É necesario, ademais, garantir os tres piares esenciais que a sosteñen: a protección do medio ambiente, o desenvolvemento social e o crecemento económico.
Un dos maiores desafíos para a sustentabilidade é o cambio climático, cuxa causa principal é o quecemento global, que se foi agravando nas últimas décadas e obríganos a actuar de maneira conxunta e inmediata para tratar de frear as súas consecuencias. En 2014, o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático das Nacións Unidas xa evidenciou que a actividade humana era a principal causante do cambio climático pero, por si quedaba algunha dúbida, este mismo mes de agosto reafirmouse nesa mesma conclusión. Por iso, todas as persoas do planeta podemos contribuír a mitigar a situación con esforzos individuais que reduzan o noso impacto sobre o planeta. Sabes como facelo? Seguro que nas lecturas que che propoñemos atoparás máis dunha idea para ser máis sostible.

Catro lecturas para salvar o planeta

As nenas e os nenos son de natureza curiosa e esponxas que adoitan aceptar e integrar con rapidez calquera novo hábito. Non podiamos deixalos fóra das nosas suxestións e hai un conto para eles e elas porque son o futuro. A listaxe inclúe catro lecturas con enfoques diferentes e distinta profundidade, de forma que xa non teñas escusa para que este propósito quede nun mero desexo de principio de curso 😉

1. Cuentos para salvar el planeta (ed. Destino)

Un compendio de seis relatos que conectan coas emocións do lector, abordando temas como o uso do plástico, a economía circular, a deforestación, a contaminación da auga, a extinción dos animais e o quecemento global. A través da ficción, os seus autores (Anna Casals e Paolo Ferri) conseguen espertar a conciencia ambiental dos máis pequenos, evidenciando o impacto que o noso estilo de vida ten sobre o planeta e mostrando como axudar a solucionalo. O que máis nos gusta? A mensaxe positiva que se desprende das súas páxinas: entre todos e todas podemos lograr un futuro máis verde.

2. Y tú ¿qué harías para salvar el planeta? (ed. Aguilar)

A xornalista Isabel Jiménez propón, neste ensaio xornalístico, alternativas e solucións á contaminación producida polo plástico. Apostando polo consumo responsable e unha xestión eficaz dos residuos, resalta a necesidade dun futuro sostible no que teña cabida o progreso e no que todas as persoas sexamos responsables da solución. Hai esperanza e esta pasa pola redución dos plásticos dun só uso, un novo modelo de produción máis acorde coa natureza, a economía circular e, sobre todo, o compromiso de gobernos, activistas, cidadáns e do propio sector do plástico.

3. Cómo evitar un desastre climático (ed. Plaza & Janés)

Probablemente, oíses falar do libro que Bill Gates publicou este ano sobre o cambio climático. Tras unha década de investigación e contando coa orientación de expertos en física, química, bioloxía, enxeñería, ciencias políticas e finanzas, Como evitar un desastre climático: las soluciones que ya tenemos y los avances que necesitamos trata de determinar as medidas que han de tomarse para deter o avance cara un desastre ambiental irreversible. Na súa opinión, a única solución é reducir as emisións a cero, aplicando ferramentas verdes das que xa dispoñemos e creando outras que axuden a lograr este obxectivo. Gates móstrase optimista sobre a eliminación das emisións. Con todo, aprema para poñerse en marcha porque non dispoñemos de moito tempo para evitar un desastre climático.

4. Zona a defender (ed. Alfaguara)

Definido como un libro comprometido sobre o mundo no que vivimos e o que debemos deixar en herdanza, a obra de Manuel Rivas propón unha perspectiva de esperanza sobre a necesidade de dar novos significados a termos como ‘sociedade’, ‘natureza’, ‘poder’, ‘individuo’, ‘cultura’ ou ‘creación’, abrindo un espazo de reflexión sobre o que nos falta. Propón esas zonas nas que hai que defender a través do seu compromiso social e ecolóxico, mantendo a sensibilidade, a ironía e a beleza propias da súa prosa. Ao final queda a idea de que un mundo mellor é posible e está nas nosas mans logralo.

Xa liches algún destes títulos? Salvar o planeta e tamén o teu propósito deste setembro?