Conservas caseiras

As conservas caseiras son unha gran alternativa para aproveitar alimentos de tempada e consumilos durante o resto do ano. Podes envasar froitas e verduras e marmeladas sen que perdan propiedades, evitando o desperdicio de comida e apostando por unha opción máis saudable. A súa preparación de maneira artesanal garánteche a obtención dun produto natural de calidade. Non é unha tarefa complicada, pero has de tomar unha serie de precaucións para que o seu consumo sexa seguro e non se deteriore o alimento. En Gadis apostamos por unha alimentación sa y sustentable. Por iso, queremos compartir contigo algúns consellos e unhas cantas receitas para que te animes a probar.

Que tes que ter en conta para a preparación segura de conservas caseiras?

Á hora de elaborar as túas propias conservas, é importante que tomes as seguintes precaucións:

  • Os alimentos deben estar frescos e en bo estado. Así mesmo, han de estar o suficientemente maduros (aínda que a froita non debe estar moi madura) e deben ser de tempada para aproveitar mellor as súas propiedades. Se non tes a túa propia horta, recomendámosche que apostes polo produto local.
  • É conveniente prestar especial atención á limpeza dos utensilios que vaias utilizar (potas, xogo de cubertos, etc.) e tamén á das túas mans.
  • Os tarros de cristal son o recipiente perfecto para as conservas. Podes reempregar os que tes en casa e reducir, así, o impacto ambiental. Iso si, has de ter coidado coas tapas e evitar aquelas que non estean en bo estado. Antes de utilizalos, é imprescindible que esterilices tanto os botes como as tapas. Abonda con que os fervas durante 15 minutos e os escorras evitando tocar o interior.
  • Cando enchas os tarros, deixa un par de centímetros de marxe para que o alimento poida expandirse no seu interior tras a cocción.
  • Unha vez enchidos, pecha ben os botes. Podes facelo coa axuda dun pano para lograr máis presión. Logo, pon nunha pota ao baño maría, evitando que a auga chegue ata a tapa (tamén podes usar unha pota a presión). O tempo que se deixan ferver oscila entre os 20 minutos e a media hora.
  • Finalizada a cocción, deixa que os tarros se arrefríen na pota. Despois comproba que están pechados hermeticamente. Se observas que algún perde líquido ou queda aberto, é mellor refugalo.
  • Garda as conservas nun lugar fresco, ventilado e sen luz.
  • Non esquezas etiquetar cada bote co tipo de produto e a data de envasado. As conservas caseiras han de consumirse antes dun ano.

O baño maría e a ola a presión, os teus mellores aliados

Durante a preparación das túas conservas caseiras, podes optar polo baño maría ou pola técnica da ola a presión para conseguir o proceso de conservación. Dependendo do tipo de alimento que vaias conservar, indícase unha ou outra técnica.

O baño maría permite que logres o baleiro por calor para poder pechar os tarros hermeticamente. É un proceso que elimina o aire do interior do tarro e realiza o baleiro, permitindo conservar o alimento durante moito tempo. Está indicado para a conservación de alimentos con alta acidez tipo marmeladas, xeleas, froitas, verduras, salsa de tomate… Adoita usarse para a conservación de alimentos en cru cando se introduce debidamente preparado (froita pelada, cortada, etc.) no envase e engádese xarope moi quente antes de pechar o tarro.

A técnica da ola a presión realiza un baño maría a unha temperatura máis alta. Recoméndase para alimentos cunha baixa acidez como guisos de legumes, carnes, peixes, aves e verduras cocidas.

En ambas as técnicas hai un par de trucos que che resultarán moi útiles:

  • Os tarros non deberían tocar directamente a base da pota. Existen protectores e reixas que che axudan a evitalo. Así mesmo, é conveniente que haxa unha separación de dous ou tres centímetros entre tarros.
  • Para elixir a pota do tamaño adecuado, has de ter en conta que ten que cubrir os tarros por completo e a separación que tes que deixar entre eles.

Catro receitas sinxelas para introducirte no mundo das conservas caseiras

1. Marmelada de mazá

  • 1 kg mazás
  • 500 g azucre
  • Zume de medio limón
  1. Pela as mazás, retira o corazón e párteas en anacos pequenos.
  2. Pon as mazás nunha cazola co azucre e o zume de limón para macerar polo menos durante unha hora.
  3. A lume medio, coce durante 35-40 minutos, removendo de cando en vez.
  4. Cando teña a textura adecuada, retira do lume. Se queres unha textura máis fina, podes triturar coa batedora.
  5. Enche os tarros previamente esterilizados, péchaos ben e ponos a baño maría unha media hora.

2. Doce de marmelo

  • 2 kg marmelos
  • 800 g azucre
  • 2 l de auga
  • Zume de medio limón
  1. Pon os 2 litros de auga a ferver nunha cazola.
  2. Pela os marmelos e córtaos en anacos pequenos, retirando o corazón e as pebidas. Ponos nun recipiente co zume de limón.
  3. Ferve a mestura durante 25-30 minutos.
  4. Unha vez cocidos, tritura todo coa batedora ata que teña a textura dun puré fino.
  5. Engádelle o azucre e pono ao lume durante 20-30 minutos, removendo de cando en vez para evitar que se pegue. Estará listo cando espese e cambie de cor.
  6. Coloca o doce de marmelo nun molde e deixa arrefriar antes de preparar a conserva.

3. Pemento morrón en conserva

  • Pementos vermellos (a cantidade que queiras preparar)
  • Auga
  • Sal
  1. Asa os pementos enteiros nun ferro ou nunha grella, dándolles a volta continuamente. Cando a pel estea queimada, retíraos e introdúceos nunha pota con auga fría.
  2. Retira a pel, as sementes e o centro dos pementos. Prepáraos ao teu gusto partíndoos en tiras, en anacos grandes ou deixándoos enteiros.
  3. Lava os pementos e ponos nun cunco. Cúbreos con auga fervendo e déixaos uns cinco minutos. Transcorrido ese tempo, escórreos e déixaos arrefriar antes de preparar a conserva.
  4. Enche os botes cos pementos e cobre con auga. Engade un chisco de sal e un pouco de vinagre en cada tarro antes de pechalos.

4. Conserva de salsa de tomate

  • 2 kg tomates maduros
  • Aceite de oliva
  • Sal
  1. Corta os tomates en dados e colócaos nunha pota con aceite de oliva e sal.
  2. Cocíñaos a lume lento durante unha hora ou ata que o volume se reduza á metade. Remove de cando en vez para que non se queime.
  3. Unha vez listo, tritura o tomate coa batedora e introdúceo nos botes de cristal para realizar a conserva.

Tamén podes conservar a froita en distintas preparacións: marmelada ou confeitura, compota, xelea, en xarope… Terás sempre a man un complemento perfecto para o almorzo ou a merenda! As verduras pódense facer en escabeche ou escaldalas e envasalas ao natural. Que che parece? Apetéceche deixar un oco na túa despensa para as túas conservas caseiras?

Deja un comentario