Cinco profesionais para facer ioga en casa

O confinamento limitou as posibilidades de practicar exercicio, pero existen actividades que podes realizar en casa para manter en forma o teu corpo e coidar a túa mente. Unha desas opcións é o ioga. Esta disciplina milenaria, que cada vez atrae a máis xente polos seus múltiples beneficios, pode contribuír a que te sintas máis a gusto grazas aos efectos positivos que notarás no teu organismo. Na actualidade, existen distintas modalidades de ioga, entre as que podes buscar a que mellor se adapte ás túas necesidades. Todas elas baséanse en conectar corpo, mente e emocións utilizando a respiración e as posturas corporais.

A medio camiño entre unha actividade deportiva e un método de meditación, en ioga, es ti quen marca a progresión a partir das instrucións sobre os movementos que che facilita un profesional. O mellor? É un exercicio apto para todos os públicos, polo que poderedes practicalo todos os membros da familia. Desde Gadis, queremos animarte a que che sumes ao “club iogui” -se é que aínda non o fixeches-, e, por iso, propoñémosche cinco profesionais para facer ioga en casa.

Por que é bo practicar ioga?

Son moitos os beneficios do ioga e, normalmente, comezan a notarse desde a primeira práctica. Salvo que teñas unha lesión importante, non existe ningunha razón para que non poidas practicalo e sacar proveito ás súas bondades:

  • Fortalece ósos e músculos. Cando se realiza de maneira progresiva e adaptada, o ioga evita a acumulación de ácido láctico no corpo, reforza os ósos evitando a perda de masa ósea e potencia a flexibilidade das articulacións.
  • Aumenta a flexibilidade. O ioga contribúe a potenciar a flexibilidade muscular a través dos seus movementos e posturas, e axuda a reducir o risco de lesións.
  • Contribúe a aliviar dores crónicas e posturais.
  • Reduce a ansiedade e a tensión. Existen estudos que desvelaron que a práctica de ioga habitual é similar á dunha terapia médica convencional. A meditación final do ioga axuda a reducir a ansiedade e a tensión.
  • Axuda a durmir mellor. En xeral, ás persoas que practican ioga cústalles menos conciliar o soño e adoitan durmir máis e mellor.
  • Mellora o rendemento académico e laboral. A atención á respiración e a meditación que se inclúen nesta disciplina axudan a alcanzar un estado mental máis sereno, afastando nervios e tensións ante a presión do estudo ou do traballo.
  • Reduce os efectos do envellecemento. A práctica regular ten unha incidencia directa sobre a telomerasa, unha encima que protexe os xenes fronte ao envellecemento.
  • Axuda a queimar calorías, algo seguramente máis necesario durante estas semanas de confinamento 😉
  • Mellora a túa respiración porque che axuda a respirar correcta e conscientemente, incrementando a osixenación das células.
  • Reduce os niveis de cortisol e colesterol en sangue, mitigando os efectos da tensión sobre o organismo e contribuíndo a equilibrar o sistema nervioso.

Cinco profesionais para facer ioga en casa

Se queres comezar ou continuar coa práctica de ioga, podes facelo xa desde a túa casa. Son moitos os profesionais que comparten en internet os seus coñecementos a través de vídeos que che permitirán facelo. Aquí tes a nosa pequena selección:

1. Xuan Lan Yoga

Xuan Luan é profesora de ioga e experta en benestar. Comezou coa práctica de ashtanga ioga estilo tradicional Mysore, pero agora combina varios estilos de ioga dinámico (Vinyasa, Dharma, Jivamukti, ashtanga ioga, etc.). Desde a súa plataforma e desde a súa canle de youtube, ensina ioga a xente urbana, activa que necesita desconectar da súa rutina e reconectar consigo mesma. Ten un estilo sinxelo e accesible que che facilitará iniciarte nesta disciplina durante estes días. De feito, podes empezar polo seu vídeo Como empezar o ioga en casa. Aínda que recomenda asistir a algunha clase presencial para as correccións, este pode ser un primeiro paso se consultas titoriais da postura que estás a practicar e optas por posturas sinxelas. Cada mes, atoparás na súa canle novos vídeos con posturas de ioga para principiantes e avanzados, exercicios de relaxación e meditación, e consellos para unha vida saudable.

2. Somos Gaia

Gaia é unha das canles de referencia para os amantes do ioga e dispón, ademais, de contido sobre outras modalidades como o pilates. Teñen á túa disposición prácticas de ioga e meditación para todos os niveis, guiadas por mestres expertos, que se adaptan ás preferencias e ao estado de forma dos usuarios. Na súa canle de youtube, atoparás vídeos para comezar desde cero, para principiantes, para meditación, para embarazadas, etc. Na súa plataforma, tamén atoparás consellos e entrevistas relacionadas co ioga e con outros temas de interese.

3. Marina Buendo

Marina Buedo achega unha perspectiva máis desenfadada á práctica desta disciplina e quizá por iso ten unha das canles sobre ioga máis populares do noso país. Comparte contido semanalmente e atoparás clases completas de ioga para que calquera principiante poida practicar desde a súa casa. Ademais, ten vídeos sobre meditación e estilo de vida saudable, e moitos tips e consellos.

4. Flow Soul Yoga

María Langenheim é psicóloga e formouse profesionalmente en Hatha ioga para despois ir ampliando os seus coñecementos de Ioga Terapéutico, Vinyasa Ioga e Anusara. Creou o espazo Flow Soul Ioga para axudar á xente para sentirse ben a través do ioga. Na súa web e na súa canle de youtube, comparte clases de ioga en vídeo, exercicios de pranayama e de meditación, así como experiencias persoais que considera que poden axudar a conectar coa práctica desta disciplina.

5. YOGIC

Se queres practicar ioga cos teus fillos, YOGIC é unha boa maneira de facelo. É unha plataforma que propón exercicios de ioga con historias, xogos e cancións para facelo máis ameno aos máis pequenos (a partir de 3 anos).

Anímaste a incluír o ioga na túa rutina destes días? Só tes que crear un espazo confortable e buscar o momento oportuno. Verás que nun par de días xa non quererás prescindir deste exercicio!

Deja un comentario