Checklist para un 2020 sustentable

O planeta está a evidenciar cada vez con máis forza o efecto que a actividade humana está a provocar sobre o clima. Síntomas como o aumento de fenómenos meteorolóxicos extremos ou o incremento do número de especies en perigo de extinción levaron ao Parlamento Europeo a declarar a emerxencia climática. Trátase dunha medida que pretende combater o deterioro do medio ambiente de maneira urxente, apremando aos gobernos para que redobren esforzos á hora de frear o quecemento global. Con todo, non todo depende das institucións. A sociedade civil tamén ten un papel importante na loita contra o cambio climático. Con pequenas accións individuais, podemos modificar hábitos prexudiciais para a contorna e reducir o impacto ambiental. Ás portas de inaugurar unha nova década, desde Gadis, queremos animarte a que poñas en práctica algunhas medidas para contribuír á sustentabilidade. Por iso, compartimos contigo esta checklist para lograr un 2020 sustentable.

Que incluirás na checklist?

Sabemos que calquera cambio require dunha adaptación, pero non se trata de que o fagas de maneira radical. Simplemente, comeza introducindo pequenas modificacións nas túas actividades cotiás e conseguirás, de maneira sinxela, que se convertan nun hábito duradeiro. Coa nosa checklist, propoñémosche unha serie de accións que afectan a distintos ámbitos da túa vida diaria para que o logres.

1. Consumo responsable

É importante que os teus hábitos de consumo se axusten ás túas necesidades reais. Non compres aquilo que non necesites. Ademais, animámoste a que revises os teus criterios de compra e que optes por produtos e servizos que están concienciados coa conservación do medio ambiente e que favorecen a igualdade social e o benestar dos traballadores. Como podes facelo?

  • Prioriza a compra de produtos locais e de tempada.
  • Obtén a información necesaria sobre os produtos e os servizos que adquires.
  • En lugar de facer unha compra grande, aumenta o número de compras semanais. Axudarache a ter produtos frescos e a reducir o desperdicio.
  • Evita os materiais que non teñan dobre vida: leva bolsas de máis dun uso, trata de reducir os envases de plástico e opta por aqueles produtos que teñan menos embalaxe.
  • Medita ben as túas compras para sacarlles o máximo partido, evitando o desperdicio e a xeración de residuos.
  • Se te decides por aparellos que necesitan pilas, tenta usalas recargables.
  • A industria téxtil é unha das máis contaminantes. Elixe pezas de calidade e duradeiras. Antes de realizar a compra, ten en conta o que hai no teu armario para que encaixe co que xa tes. Faille un oco á moda sustentable.

2. Aforro enerxético e de auga

España depende, en gran medida, de importacións enerxéticas. Segundo datos do Ministerio de Transición Ecolóxica, case un 70% da demanda enerxética española cóbrese con produtos derivados do petróleo e do gas natural. Á marxe da necesidade de apostar por enerxías renovables, hai varias cousas que podes facer para non consumir máis cantidade da necesaria.

  • Identifica os “ladróns de enerxía” da túa casa. É dicir, aqueles aparellos que consomen bastante enerxía aínda que aparentemente están apagados. Desconéctaos cando non os esteas usando.
  • Usa regretas con interruptor para evitar o consumo dos aparellos en stand by.
  • Aproveita ao máximo a luz natural da túa casa e do teu lugar de traballo.
  • Cando renoves lámpadas, opta polas de baixo consumo.
  • Utiliza os sistemas de calefacción e de refrixeración con moderación. Aproveita os medios naturais para manter a temperatura adecuada.
  • Controla o uso dos electrodomésticos. No caso da lavadora e o lavalouzas, presta especial atención á carga e ao programa. Se che toca renovalos, procura que sexan de baixo consumo.
  • Non deixes a billa aberta se non estás a usar a auga.
  • Recorre a pequenos trucos para optimizar o gasto. Por exemplo, usa tixolas e potas cun diámetro superior ao do fogón, tapa as potas mentres cociñas e, sempre que poidas, utiliza a pota a presión para reducir os tempos.
  • Non deixes luces acesas se non as necesitas.

3. Desprazamentos

Sabías que por cada tonelada de dióxido de carbono desaparecen tres metros cadrados de xeo ártico no verán? Unha das principais fontes desta contaminación é o transporte. Por iso, é importante que evites usar o teu vehículo particular baleiro, na medida do posible.

  • O ideal sería que, no teu día a día, te despraces a pé ou en bicicleta porque minimizarías ao máximo a pegada de carbono. Pero non sempre é posible. Recorre ao transporte público e, se non tes esa opción para chegar ao teu destino, trata de organizarte con outras persoas para ir xuntos.
  • Nas túas viaxes, sería conveniente que reduzas ao máximo o uso do avión. Sempre que poidas, trata de elixir un medio menos contaminante para os teus desprazamentos, por exemplo o tren ou o coche compartido.

4. Contribúe á economía circular: a regra das 7 Rs

Unha forma de fomentar a sustentabilidade é apostar pola economía circular, que permite reducir o impacto ambiental. Falámosche deste proceso cíclico ao principio do ano nun post específico sobre a economía circular. Aplica a regra das 7 Rs para aproveitar os recursos que xa temos!:

  • Reduce
  • Reutiliza
  • Recicla
  • Redeseña
  • Repara
  • Renova
  • Recupera

En definitiva, antes de refugar calquera produto, pensa na maneira de darlle unha nova vida.

Anímaste a que o 2020 sexa o punto de inflexión para un cambio de hábitos? Coidar o planeta tamén está nas túas mans. Podes comezar por esta checklist para converterte nun consumidor responsable e sustentable. Ocórreseche algunha idea para completala?

Feliz 2020!

Deja un comentario